Galego

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en español con un tamaño de 4,67 KB

Rexurdimento é o nome co que se coñece o século XIX na historia da nosa literatura, e expresa nidiamente o que foi unha traxectoria de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica.
Por mor da invasión francesa (1809) e dos enfrontamentos entre absolutistas e liberais, xorden os primeiros textos escritos en galego, impresos en follas soltas ou en xornais, con fins propagandísticos. Uns chaman ao campesiñado á defensa do país, e outros defenden as ideas liberais.
Ao longo do século, trala fin do absolutismo e o inicio da monarquía constitucional, nacen diversos movementos galeguistas baseados na defensa da singularidade e da personalidade diferenciada de Galicia. O primeiro deles, aparecido cara aos anos 40, foi o
"Provincialismo", que denunciaba a marxinación social do país e procuraba a valoración social da súa arte, dos costumes e da historia.
Víronse apartados da política despois do seu apoio ao fracasado levantamento militar de Solís -fusilamento dos Mártires de Carral- e refuxiáronse no mundo da cultura e da literatura.
A segunda xeración galeguista,
o "Rexionalismo", compaxinou cultura e política, facendo da lingua a súa preocupación primordial.
No camiño do afianzamento lingüístico e literario, celébranse na Coruña os primeiros Xogos Florais en 1861. As composicións premiadas, xunto con mostras da poesía contemporánea, recóllense un ano máis tarde no Álbum da Caridade, primeira antoloxía do Rexurdimento galego.
O primeiro libro en galego publicado no S. XIX é A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos no 1852 pero é a publicación en 1863 de Cantares Gallegos, da man da excelsa poetisa Rosalía de Castro, a que inaugura o Rexurdimento pleno. Ano frutífero en publicacións foi 1880. Nel saen á luz composicións dos autores de máis sona desta etapa: Follas Novas, de Rosalía de Castro, Aires da miña terra de Curros Enríquez, e Saudades gallegas de Lamas Carvajal. Seis anos despois aparece Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal Rosalía de Castro transcende coa calidade da súa obra as nosas fronteiras para se incorporar á historia da literatura universal. Os seus versos teñen sido obxecto de múltiples estudios e traducións a diversas linguas.



Curros Enríquez foi un dos escritores preferidos polos lectores do seu tempo. Sen dúbida porque coa súa poesía denunciou as inxustizas (foros, opresión, emigración...) e defendeu as ideas de progreso. Asentou unha tradición de poesía combativa comprometida que continuarán numerosos autores (Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro...). Pondal , autor do Himno galego, buscou as raíces prehistóricas do seu pobo, salientando o elemento culto, para engrandecelo a partir da súa individualidade. Tentou afianzar o galego como lingua literaria e culta. Os lindes da nosa literatura vanse ampliando de vagar desde a lírica ata a narrativa, o ensaio e a prosa didáctica.
A consolidación da prosa galega non se produce ata o século XX, mais a fins do XIX hai xa precedentes salientables: Maxina ou a filla espúrea, (1880) de Marcial Valladares, primeira novela galega contemporánea. Obra de grande sona entre as clases populares foi O catecismo do labrego de Lamas Carvajal. A tecedeira de Bonaval, O Castelo de Pambre e O niño de Pombas, converten ao seu autor, Antonio López Ferreiro, no mellor prosista da época.
O xénero teatral foi o menos cultivado. Desde a publicación de A Casamenteira en 1812 até a década dos oitenta non houbo actividade editorial relacionada co teatro.
Nas últimas décadas do XIX nacen as primeiras gramáticas e dicionarios da lingua galega, esenciais para a súa normalización: Compendio de gramática gallega-castellana, de Francisco Mirás (1864) e Gramática Gallega, de Saco e Arce, un estudo serio do idioma galego.
A presenza da lingua galega nos xornais contribúe grandemente a prestixiar o idioma. No ano 1876 edítase, promovido por Valentín Lamas Carvajal, o pioneiro dos xornais integramente en galego, O Tío Marcos da Portela. O éxito deste xornal, con marcado carácter anticaciquil, resultou espectacular. Entre os anos 1886 e 1888 vaise consolidando o xornalismo en Galicia, coa aparición de novas iniciativas monolingües: O Galiciano, en Pontevedra; en Lugo, A Monteira; e As Burgas, en Ourense.
Unha das últimas manifestacións do Rexurdimento, xa no século XX, foi a constitución da Real Academia Galega en 1905.

Entradas relacionadas: