A Flotación na Natación: Técnicas e Exercicios

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Deporte y Educación Física

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,09 KB

Flotación

Definición

A flotación é a capacidade dun corpo para manterse en equilibrio preto ou sobre a superficie da auga.

Tipos de equilibrio

  • Estábel: Unha vez que se perde unha posición, vólase a recuperala.
  • Inestábel: Unha vez que se abandona unha posición, vólase a ter equilibrio pero adoptando outra posición.

Para manter o equilibrio é preciso aliñar a forza de empuxe e a forza peso.

O obxectivo da flotación é obter unha boa posición hidrodinámica para a ensinanza dos estilos, tanto ventrais como dorsais.

Capacidade de flotar

A capacidade de flotar é pouco modificábel. Esta capacidade non é imprescindíbel para a fase de iniciación porque pódese utilizar material auxiliar para que os alumnos se manteñan na superficie. Con todo, se o neno flota, a aprendizaxe será máis fácil e a evolución máis rápida. Por isto, non é bo prescindir da flotación porque unha boa aprendizaxe da natación significa ter unha correcta flotación e un perfecto control cinestésico.

Pode ocorrer que un neno flote máis que un adulto por ter máis masa corporal, maior capacidade de respiración, etc.

Se imos moi verticais, iremos moi afundidos e, polo tanto, a forza de resistencia será maior e iremos máis lentos.

Peso específico

Forza peso / Forza de empuxe = Peso específico.

Cando estamos en inspiración, o peso específico é inferior a 1, polo que flotamos (os valores están entre 0.94 e 0.96, polo que entre o 4% e o 6% do corpo non se somerxe para estar en flotación). Non obstante, cando nos atopamos en expiración, o peso específico é maior que 1, polo que non flotamos.

Que o peso específico sexa maior ou inferior a 1 depende do peso corporal, a densidade da auga e o aire que hai nos pulmóns.

En canto ao peso corporal, canta máis graxa se teña, máis se flota, e canto máis delgado ou musculoso se estea, menos se flota.

Por que nos afundimos?

Afundímonos porque a forza peso é maior que a forza de empuxe, polo que desprazamos menos auga que o peso que temos.

Centro de flotación e centro de gravidade

O equilibrio do corpo na auga, o centro de flotación, está aproximadamente na zona do esternón porque é onde hai máis volume e está máis preto do peito que do dorso, mentres que o centro de gravidade está máis preto do dorso e máis baixo que o centro de flotación.

Os mozos adoitan ter unha separación entre ambos os centros de 1.3 a 3.1 centímetros, mentres que as mozas teñen unha separación de 0.6 a 2.3 centímetros. As mozas conseguen antes o equilibrio que os mozos e, ademais, nunha posición máis horizontal debido a ter máis preto ambos os centros.

As persoas que non se poden manter en flotación, se fan movementos de propulsión, alcanzarán mellor o equilibrio.

Vivencia estática

O alumno dáse conta de que sen facer nada, flota. O suxeito debe saber en todo momento como está o corpo colocado (as partes que están somerxidas e as que non están somerxidas) e debe sabelo sen facer moito esforzo.

Idade e flotación

En xeral, os nenos flotan máis que as persoas maiores porque teñen unha musculatura reducida e o seu esqueleto ten máis cartilaxe. Segundo aumenta a idade, a flotación é máis reducida. En flotación medusa, o 90% dos rapaces de 13 anos flotan, mentres que os de 19 anos só flotan o 60%. Como dixemos antes, a graxa e o aire nos pulmóns favorecen a flotabilidade. As mulleres teñen un maior tecido adiposo, polo que flotan máis.

Plantexamento metodolóxico

Para a iniciación á flotabilidade é mellor facela nunha piscina pouco profunda. Para a flotación é necesario o control respiratorio. As inmersións en piscinas pouco profundas conséguese a perda de medo.

Posibles exercicios

Posición vertical como base

  • Partir co apoio das mans agarrando o borde e os pés no chan.
  • A partir de flotación vertical, pasar de flotación ventral a dorsal.

Flotación ventral

  • Con mans nos xeonllos, pés no chan e cabeza fóra da auga coa extensión de pescozo.
  • Repetir, pero coa cabeza dentro da auga.
  • Flotación medusa (cos brazos e pernas flexionados ou estendidos).
  • Flotación en posición horizontal agarrándose ao borde.
  • Repetir, pero sen agarrarse ao borde.

Flotación dorsal

  • Agarrado ao borde, botar o corpo cara atrás, cos pés no chan e o máis preto posíbel do borde da piscina.
  • Unha vez na posición do exercicio anterior, empurrarse coas mans e manter a posición poñendo os brazos en paralelo ao corpo.
  • Repetir, pero con brazos en cruz e as pernas máis estiradas.

Como pasar de posición vertical á horizontal?

Flexión de pescozo para provocar unha flexión de todo o corpo, flexionar cadeiras e xeonllos e despois estender xeonllos.

Elementos segmentarios para a flotación ventral

  • Extensión de pescozo para elevar a cabeza.
  • Flexionar cadeira e flexión lixeira dos xeonllos.
  • Empurrar coas mans cara abaixo.
  • En posición vertical, mans equilibran e pés no chan.
  • Unha axuda pode ser agarrar as mans ao alumno.

Elementos segmentarios para a flotación dorsal

  • Empurrar coas mans cara abaixo.
  • Flexionar pescozo para elevar a cabeza.
  • Flexionar cadeira.
  • Empuxar palmas das mans cara adiante e arriba.
  • En posición vertical, mans equilibran e pés no chan.
  • Unha axuda pode ser agarrar o alumno polos ombros.

A flotación ventral é coa que se debe comezar por ser máis sinxela.

Empuxe e desprazamento

Comezar coa cabeza fóra da auga, agarrado ao borde e empurrar. Primeiro débese comezar coa posición ventral, despois dorsal e, por último, desde posición de pé.

Variables de traballo

Situación do corpo

Localización no espazo. Pode ser con orientación vertical, horizontal (ventral, dorsal ou lateral) ou oblicua; e con profundidade superficial ou profunda.

Posición do corpo

En relación aos segmentos do corpo. Pode ser que estean estendidos calquera segmento, agrupados (flexionados) ou haxa combinacións entre a cabeza, tronco, cadeiras, xeonllos, nocellos e bonecas.

Control da respiración

Apnea inspiratoria máxima, apnea inspiratoria media e expiración.

Axudas e apoios

Pode ser de tipo material ou humano e o número de apoios e localización corporal pode ser en mans, brazos, axilas, muslos, pernas, pés, nuca, fronte, abdome/zona lumbar.

Material

Pode ser de axuda total (burbullas, manguitos, chalecos…), de axuda parcial (pull-buoy, táboa, boneco de salvamento, alargadeira, tapiz…) e os fixos (borde/parede/chan ou corcheta/escaleira).

Velocidade

Pode ser estática ou dinámica. Esta última xera impulso e pode ser tras a propia acción, que se divide en superficie de impulso (mans, pés ou antebrazos) e a propulsión acuática (extremidades, tronco); tamén pode ser pola acción dun compañeiro, que se divide en empuxe/tracción (mans, pés…), salto desde dentro do vaso ou fóra e propulsión de estilos oficiais ou outros estilos; por último, está a acción da corrente provocada polo ser humano.

Test de flotación

Flotación medusa

Flotación vertical que será excelente se ao estirar os brazos por arriba aparecen fóra da auga máis de medio brazo, boa se aparece fóra da superficie unha parte do brazo e man, mala se só saen as puntas dos dedos e nula se non sae nada fóra da superficie.

Flotación dorsal

Poñemos os brazos por riba da cabeza para que suba o centro de gravidade. Flexionamos bonecas para sacar as mans fóra da auga para que o centro de flotación baixe un pouco. Ao flexionar xeonllos, volvemos a xuntar máis o centro de gravidade co centro de flotación e, por último, aducimos as pernas para xuntar ditos centros máis.

Para unha posición de mínima resistencia é necesaria que todo o corpo estea alineado.

Entradas relacionadas: