A Filosofía de Platón: Teoría das Ideas e Dualismo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,71 KB
1. Do mito ao logos e o cosmos teleolóxico
Platón rexeita o atomismo mecanicista de Demócrito porque non explica a orde do cosmos. Inspirándose en Anaxágoras, afirma que o universo está ordenado por unha intelixencia, o Demiurgo, que actúa sobre unha materia caótica tomando como modelo as Ideas. Esta explicación aparece no Timeo e constitúe unha concepción teleolóxica, xa que todo está orientado a un fin.
2. Dualismo ontolóxico: mundo sensible e intelixible
As Ideas son a auténtica realidade: entes inmateriais, eternos, universais e independentes do mundo físico. Son as esencias das cousas e modelos dos que participan os seres sensibles. O mundo físico é cambiante e imperfecto, mentres que o mundo intelixible é permanente e verdadeiro. Platón distingue así dous niveis de realidade: o mundo sensible, sometido ao cambio e ao devir, e o mundo intelixible, formado polas Ideas. Os obxectos físicos son copias ou imitacións das Ideas. No cumio do mundo intelixible sitúase a Idea de Ben, que dá sentido e realidade ao resto. Con esta teoría Platón intenta conciliar o devir de Heráclito coa permanencia do ser de Parménides e opoñerse ao relativismo dos sofistas, defendendo a existencia de verdades universais e obxectivas.
3. Dualismo gnoseolóxico: opinión e ciencia
A cada nivel de realidade correspóndelle un nivel de coñecemento. A doxa ou opinión ten como obxecto o mundo sensible e pode ser errónea. A epísteme ou ciencia ten como obxecto as Ideas e proporciona coñecemento verdadeiro. Platón explica o acceso ás Ideas mediante dúas teorías:
- A reminiscencia: segundo a cal a alma contemplou as Ideas antes de encarnarse e coñecelas consiste en recordalas.
- A ascensión dialéctica: proceso polo que a razón progresa desde o coñecemento sensible ata o coñecemento das Ideas.
No Símil da liña distingue catro graos de coñecemento: a eikasia (imaxinación) e a pistis (crenza), pertencentes á doxa; e a dianoia (razoamento matemático) e a noesis (coñecemento directo das Ideas), pertencentes á epísteme.
4. Relación coa política
A teoría das Ideas ten unha dimensión política e moral. Igual que existen definicións universais das figuras matemáticas, tamén existen Ideas universais do Ben e da Xustiza. Só quen alcanza o coñecemento destas Ideas pode gobernar correctamente.