O exilio galego: cultura e resistencia
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 10,16 KB
A Galicia do exilio
Situación histórica
Os intelectuais exiliados marcharon para os países latinoamericanos, sobre todo para a Arxentina, pero tamén para Cuba, Venezuela, o Uruguai e México, ao verse obrigados a fuxir polas difíciles condicións de vida en Galicia: o atraso económico, labregos sen terra, inexistencia de industrias, estruturas, caciquismo... Dende o século XIX, moitas persoas víronse forzadas a emigrar. En 30 anos, máis dun millón de persoas marcharon de Galicia. Estes emigrantes, os máis emprendedores, crearon sociedades para defender os seus intereses, mandaron cartos para construír escolas e contratar mestres, etc.
Actividade política e cultural no exilio
Despois da Guerra Civil, había grupos de persoas traballando a favor da cultura galega en Bos Aires, aos que despois se uniron grandes intelectuais e artistas exiliados. Castelao chegou a Bos Aires en 1940. Quíxose manter vivos os dereitos de Galicia e salvar a legalidade republicana. En 1941 creouse Galeuzca para colaborar cos exiliados de Euskadi e Cataluña. En 1944 fundouse o Consello de Galiza, unha especie de goberno galego no exilio. Ao rematar a Segunda Guerra Mundial en 1945, os exiliados comprobaron que era imposible volver a Galicia e restaurar a legalidade republicana por culpa de Franco, que aínda estaba no poder. Ao morrer Castelao en 1950, os exiliados centráronse na actividade cultural.
Traballo cultural dos exiliados
Exiliados importantes:
- Luís Seoane
- Eduardo Blanco Amor
- Rafael Dieste
- Lorenzo Varela
- Arturo Cuadrado
- Emilio Pita
- Ramón de Valenzuela
Tomaron decisións para manter a cultura galega, como por exemplo:
- A edición de revistas culturais e literarias: Galicia, Galicia Emigrante e Correo Literario.
- A creación de canles para publicar libros galegos: as coleccións Hórreo e Dorna da editorial Emecé; editoriais Nova, Citania e Botella de Mar. Isto serviu para reeditar libros de personaxes xa desaparecidos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Manuel Antonio... e para que se coñecesen as obras do exilio.
- A consolidación dun teatro galego: na compañía de Maruxa Villanueva e Varela Buxán, Os vellos non deben namorarse; fundouse o Teatro Popular Galego, creáronse textos orixinais (Blanco Amor e Rafael Dieste).
- Labor de divulgación da cultura galega entre a colectividade emigrante.
Á parte de Bos Aires, en México creáronse revistas como Saudade, Vieiros e Loita, por Luís Soto e Carlos Velo, e en Londres creouse un programa de radio transmitido para Galicia a través da BBC.
Feitos históricos
- 1939: Remata a Guerra Civil, comeza o exilio.
- 1940: Castelao chega a Bos Aires.
- 1941: Constitución de Galeuzca.
- 1944: Formación do Consello de Galiza, en Bos Aires.
- 1945: Fin da Segunda Guerra Mundial. Aparición da revista Galeuzca.
- 1946: Castelao, ministro do goberno republicano no exilio.
- 1947: Comezan as emisións da BBC de Londres (Galician Programme).
- 1950: Morte de Castelao.
- 1954: Seoane funda a revista Galicia Emigrante.
- 1955: España entra na ONU.
- 1956: Creación de AGUEA.
- 1957: Blanco Amor crea o Teatro Popular Galego.
- 1959: Luís Soto e Carlos Velo editan en México a revista Vieiros.
Escritores do exilio
Luís Seoane
Naceu en Bos Aires en 1910. Os seus pais eran exiliados e volveron a Galicia cando el tiña 6 anos, e aquí estudou Dereito. Exiliouse a Bos Aires por culpa da Guerra Civil, e funda editoriais, ilustra libros, dirixe revistas, e tamén se adicaba a pintar. Publicou os seus libros de poemas: Fardel de eisiliado, Na brétema Sant-Iago e As cicatrices, e dúas obras de teatro: A soldadeira e O irlandés astrólogo. 27 anos despois volveu a Galicia e con Díaz Pardo creou o Museo Carlos Maside e a fábrica de cerámicas de Sargadelos. Tamén publicou outro libro de poesía, A maior abondamento, e Comunicacións mesturadas, unha recompilación de escritos que fixera para a radio. Morreu na Coruña en 1979 e en 1994 dedicáronlle o Día das Letras Galegas. Os temas fundamentais da súa poesía son a emigración e o exilio, é unha poesía de denuncia social.
Lorenzo Varela
Naceu na Habana. Participou en moitos dos proxectos de Luís Seoane. A súa obra poética galega está recollida nos libros Catro poemas pra catro gravados, onde hai gravados de Luís Seoane, e no libro Lonxe, onde os poemas son reivindicativos ou transmiten nostalxia por Galicia. Morre en Madrid e en 2005 adícanlle o Día das Letras Galegas.
Eduardo Blanco Amor
Naceu en Ourense, emigrou a Bos Aires e conseguiu traballo de xornalista. Pasou dúas etapas en España polo diario arxentino La Nación. Blanco Amor publica dous poemarios: Romances Galegos e Poema en catro tempos. Foi creador do Teatro Popular Galego para o que escribiu varias obras recollidas en Farsas para títeres e Teatro para a xente. Volveu a Galicia en 1965 e morreu en Vigo en 1979. No ano 1993 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Escribiu obras narrativas importantísimas como La Catedral, El niño, e Los miedos, en castelán, e en galego escribiu A esmorga (que fala da declaración ante un xuíz de Cibrán pola morte do Bocas, o Milhomes; é unha narración tráxica e opresiva), Xente ao lonxe (que trata da historia da familia obreira en Ourense, do pequeno Suso. Narrada en diferentes fragmentos, é unha novela moi emotiva), e Os Biosbardos (que son 7 contos onde se contan as diferentes maneiras da infancia e da adolescencia).
Historia da lingua
Ao rematar a Guerra Civil instaurouse a ditadura do xeneral Franco, que cambiou todos os avances de Galicia na última tempada. Caracterizábase por:
- Xorde un réxime represivo no que, co medo, non se atrevían a facer manifestacións noutro idioma que non fose o castelán.
- Negouse a diversidade cultural e lingüística do Estado, o castelán era o único idioma en España.
As tres fases da historia da lingua
- O galego foi quitado da vida pública e dos libros, destruíuse todo o traballado nas décadas anteriores como as revistas, as editoriais, as institucións... Só no exilio se conservou algo diso.
- Vaise recuperando o galego grazas á resistencia cultural dalgúns intelectuais, conseguindo que o galego se volvese a ver nos libros.
- Vai atenuando o réxime e a censura e fórmanse sindicatos e partidos políticos que fan que exista o galego nas universidades, nace o Instituto da Lingua Galega, e na cultura tamén se recupera o galego, na música, nos libros, na literatura...
A pesar da lenta recuperación do idioma, perdéronse galegofalantes.
Causas
- O galego non aparece publicamente nin nos medios de comunicación, nin no ensino, nin na Igrexa... co cal a xente asocia o social co castelán.
- Gran desruralización. Na cidade está todo practicamente vinculado ao castelán, e a chegada de xente do rural á cidade fai que incluso deixen de falar o galego.
Poesía galega de posguerra
A poesía da xeración de 1936
É unha mestura de tradición e modernidade. Poetas máis importantes:
- Celso Emilio Ferreiro: foi o poeta máis destacado, escribiu O soño sulagado, Viaxe ao país dos ananos, Cantigas de escarnio e maldicir, Cimeterio privado e Onde o mundo se chama Celanova. O seu libro máis recoñecido é Longa noite de pedra.
- Aquilino Iglesias Alvariño: escribiu libros como Señardá, Corazón ao vento, Cómaros verdes, De día a día, Lanza de soledá, e Nenias.
- Xosé María Díaz Castro: escribiu Nimbos.
- Luís Seoane.
- Álvaro Cunqueiro: narrativa, teatro, poesía, literatura gastronómica, xornalista, literatura de viaxes... Escribiu Mar ao norde, Cantiga nova que se chama riveira, Poema do si e do non, Dona do corpo delgado, Herba aquí e acolá.
A poesía da xeración dos 50
Grupo de poetas tamén coñecido como xeración La Noche ou xeración das Festas Minervais por axudar no xornal La Noche e por participar nese certame literario,"Festas Minervai". Poetas destacados:
- Manuel María: iniciou diferentes temáticas na Escola das Tebras, escribiu Muiñeiro de brétemas, Terra Cha, Documentos Personaes, Versos pra un país de minifundios, As lúcidas lúas do outono.
- Uxío Novoneyra: escribiu o libro Os Eidos, conxunto de poemas diferentes pola súa sonoridade, a disposición visual, o manexo do silencio, a suxestión... transmite a harmonía e a insignificancia do individuo fronte á natureza.
- Xosé Luís Méndez Ferrín: escribiu Antoloxía Popular, Con pólvora e magnolias, Estirpe, Contra maquieiro.
- Bernardino Graña: escribiu Poema do home que quixo vivir, Profecía do mar, Himno Verde.
- Antón Avilés de Taramancos: escribe a saudade mítica de Galicia, cando está en Colombia, e a saudade inversa, cando volve para Galicia. Escribiu O tempo no espello, Cantos Caucanos, As torres no ar, Última fuxida a Harar.