Evolución da Terra: Precámbrico a Cenozoico

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Geología

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,05 KB

O Precámbrico

A fusión da Terra permitiu a súa separación en dúas partes: unha metálica, densa, que afundiu cara ao centro formando o núcleo, e outra rochosa, que quedou formando o manto.

O eón Hádico

Este eón comeza cando o planeta xa estaba formado, hai uns 4500 millóns de anos. O seu final deuse fai 3800 millóns de anos. Ten unha duración de 700 millóns de anos. Ocorreron varios acontecementos:

  • Diferenciación da Terra nun núcleo metálico e un manto rochoso.
  • Formación do campo magnético.
  • Formación da Lúa a partir dos fragmentos lanzados ao espazo pola colisión doutro pequeno planeta coa Terra.
  • Bombardeo de meteoritos sobre a Terra e a Lúa.
  • Desgasificación do manto.
  • Formación da hidrosfera e o comezo do ciclo da auga.
  • Formación dos primeiros fragmentos de codia granítica e comezo da tectónica de placas.

O eón Arqueozoico

A vida xurdiu nas dorsais oceánicas, a salvo dos impactos de meteoritos. Nelas a actividade hidrotermal proporcionaba os elementos e a enerxía necesaria para a vida bacteriana.

Dura dende hai 3800 ata hai 2500 millóns de anos, e caracterízase por:

  • Colonización das capas superficiais dos océanos polas bacterias e produción de osíxeno.
  • Enriquecemento en osíxeno da atmosfera e da auga dos océanos.
  • Diminución da concentración de CO2 nos océanos.
  • Diminución do efecto invernadoiro, ao haber menos CO2 na atmosfera.
  • Enriquecemento de nitróxeno na atmosfera.

Hai 2500 millóns de anos, a atmosfera era xa claramente oxidante.

O eón Proterozoico

A actividade biolóxica e o vulcanismo produciron cambios climáticos extremos durante o Proterozoico:

  • Comezo da formación da capa de ozono.
  • Oxidación e precipitación dos metais disoltos nos océanos.
  • Redución drástica da cantidade de CO2 atmosférico, debido á fotosíntese, o que á súa vez fixo diminuír o efecto invernadoiro.
  • Aparición dos primeiros animais pluricelulares.
  • Expulsión á atmosfera de gran cantidade de CO2.
  • Colisión das masas continentais entre si e formación dun único supercontinente, denominado Rodinia.

Eón Fanerozoico: O Paleozoico

Abrangue 305 millóns de anos, e termina hai 245 millóns de anos. Divídese en: Cámbrico, Ordovícico, Silúrico, Devónico, Carbonífero e Pérmico.

Acontecementos xeolóxicos

  • Fragmentación de Rodinia. Ao final desta era volvéronse reunir de novo formando o supercontiente Panxea.
  • Depósito de gran cantidade de calcaria.
  • Comezo da formación de Panxea, no Carbonífero. A colisión continental múltiple deu lugar á oroxenia Hercínica.
  • Desenvolvemento de dúas glaciacións.
  • Desertización global e intensa erosión dos relevos hercínicos.
  • Vulcanismo intenso.

O Paleozoico en España

Os materiais paleozoicos forman o Macizo Ibérico.

  • O Cámbrico, o Ordovícico e o Silúrico están representados principalmente por lousas e cuarcitas. O Devónico e o Carbonífero conteñen grandes grosores de calcarias.
  • Durante o Carbonífero formáronse abundantes capas de carbón.
  • A oroxenia Hercínica orixinou relevos en diversas zonas, especialmente na Cordilleira Cantábrica, en Galicia, no Sistema Central e en Serra Morena. Esta oroxenia produciu grandes volumes de granito.

A biosfera do Paleozoico

O comezo do eón Fanerozoico identifícase nas rochas pola aparición dunha gran diversidade de fósiles de moitos tipos diferentes de organismos. Esta diversificación da vida é tan rápida que se lle deu o nome de grande explosión biolóxica.

  • Entre o Cámbrico e o Ordovícico apareceron os principais grupos de invertebrados: esponxas, cnidarios, anélidos, artrópodos, graptolites, equinodermos e moluscos.
  • No Ordovícico xurdiron os agnatos, antepasados dos vertebrados.
  • No Silúrico apareceron os peixes e produciuse a colonización da terra firme, primeiro polos vexetais e despois polos vertebrados.
  • No Devónico apareceron os anfibios e tamén as plantas con flores.
  • No Carbonífero houbo unha grande expansión dos bosques de fentos e desenvolvéronse os réptiles.
  • O final do Pérmico vén determinado pola maior extinción que se coñece no rexistro fósil.

Eón Fanerozoico: O Mesozoico

O Mesozoico comeza hai 245 millóns de anos e ten unha duración de 180 millóns de anos. Divídese en: Triásico, Xurásico e Cretácico.

Caracterízase por un clima cálido e húmido en todo o planeta, que facilita unha gran diversificación da flora e da fauna.

Acontecementos xeolóxicos

  • Ruptura e disgregación do continente Panxea, orixinando os continentes actuais.
  • Formación de concas con intensa subsidencia.
  • Comezo da apertura do océano Atlántico.
  • Nova intensificación da actividade volcánica durante o Cretácico.
  • Comezo da colisión entre varias masas de continentes. Isto deu lugar á oroxenia Alpina.
  • Impacto dun asteroide contra a Terra. Isto determina o final do Mesozoico.

O Mesozoico en España

A ruptura da Panxea produciu a separación dun fragmento da placa Euroasiática, que acabou formando a península Ibérica, no Cenozoico.

  • A rotura de Panxea maniféstase na placa Ibérica como un rifting que produciu dúas zonas de rotura alongadas.
  • A subsidencia térmica fixo que a conca Ibérica fose invadida polo mar sucesivas veces. A Conca Bética permaneceu somerxida durante todo o Mesozoico, co que se acumularon nas dúas concas grandes grosores de sedimentos mariños.
  • No nordeste da placa Ibérica formouse a Conca Pirenaica.
  • Cara ao final do Mesozoico o continente africano empezou a derivar cara ao nordeste, e a placa Ibérica viuse comprimida entre África e Euroasia.

A distensión e a subsidencia que duraran todo o Mesozoico deron paso a unha situación de compresión tectónica.

A biosfera no Mesozoico

  • Os goniatites do Paleozoico extinguíronse, pero os ammonítidos expandéronse por todos os mares.
  • No Triásico os réptiles comezaron unha rápida diversificación e colonizaron todos os ambientes terrestres e acuáticos. Un grupo de réptiles, deron lugar aos dinosauros. Xurdiron os mamíferos.
  • No Xurásico apareceron as aves. Xurdiron tamén os pterosauros, os ictiosauros e plesiosauros.
  • Os bosques de fentos do Paleozoico foron substituídos por coníferas. Apareceron as anxiospermas.
  • No Cretácico apareceron os insectos sociais (abellas, formigas…)
  • O Mesozoico terminou cunha grande extinción biolóxica, causada por un intenso vulcanismo e o impacto dun meteorito xigante.

Fanerozoico: O Cenozoico

O Cenozoico comeza hai 65 millóns de anos e chega ata a actualidade. Divídese en Terciario e Cuaternario.

Acontecementos xeolóxicos

  • Diminución da intensa actividade volcánica do Cretácico.
  • Formación do istmo de Panamá.
  • Desenvolvemento completo da oroxenia Alpina.
  • Desenvolvemento dun casquete de xeo no polo Sur. No polo Norte esta glaciación instalouse bastante máis tarde. A glaciación tivo períodos máis fríos e outros máis cálidos, chamados períodos glaciarios e interglaciarios. Actualmente estase nun período interglaciario.

O Cenozoico en España

  • A placa Ibérica foi empurrada cara ao nordeste, colisionou con Europa e deu lugar ao relevo do Pirineo.
  • Formáronse as cordilleiras Béticas, a Cordilleira Ibérica e o Sistema Central.
  • A formación destes relevos orixinou catro grandes concas sedimentarias continentais. Os ríos formaron lagos nestas concas.
  • A actividade volcánica no Atlántico orixinou as illas Canarias.
  • Produciuse un inicio de rifting na costa mediterránea, que separou as illas Baleares da península Ibérica.
  • Formáronse glaciares de montaña.
  • A intensa erosión converteu a cordilleira Ibérica nunha penechaira.
  • Produciuse un levantamento xeneralizado na Península, que deu orixe ás dúas mesetas.

A biosfera no Cenozoico

  • Os mamíferos diversificáronse enormemente, e pasaron a ocupar os nichos ecolóxicos que antes lles correspondían aos réptiles.
  • As aves tamén se diversificaron moito.
  • Formáronse as sabanas.
  • Desenvolvéronse as plantas herbáceas, especialmente as gramíneas (trigo, avea, millo…)
  • Algúns insectos estableceron unha relación de mutualismo coas plantas anxiospermas ás que polinizan.
  • Nas sabanas africanas apareceron os primeiros homínidos.
  • Hai 10000 anos comezou a civilización.
  • Nos últimos tres séculos, o ser humano desenvolveu a tecnoloxía a unha velocidade crecente e causou unha extinción en masa na biosfera comparable á producida polo impacto meteorítico no Cretácico.

Entradas relacionadas: