A Evolución do Teatro Galego: Do Exilio á Profesionalización (1936-1980)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,64 KB

O Teatro Galego Baixo a Ditadura Franquista (1936-1960)

A Guerra Civil e a conseguinte ditadura franquista supuxeron o desmantelamento do sistema literario galego. Por iso, a produción literaria trasladouse a Bos Aires, onde se publicaron as obras que en Galicia non podían ver a luz. Se para o xénero narrativo e poético foron tempos difíciles en Galicia, máis complicados foron para o teatro, xénero que, pola contra, foi especialmente traballado e utilizado polos exiliados en Bos Aires.

Cando o réxime ditatorial en España “suaviza” a represión e inicia un leve aperturismo ideolóxico, iníciase tamén a recuperación cultural en Galicia coa creación en 1950 da Editorial Galaxia. Non obstante, eran tempos difíciles para o teatro:

  • Non existían grupos, salas teatrais nin apoios institucionais.
  • Tampouco había público afeccionado ao teatro galego.

A dramática que se facía neste momento non tiña como obxectivo ser representada, pois as posibilidades de seren plasmadas obras no escenario eran máis ben escasas. As obras deste tempo non se centraban na realidade social, sendo máis ben pezas folclóricas. A publicación teatral foi, tamén, escasa.

Álvaro Cunqueiro e o Clasiscismo Dramático

O autor teatral máis importante desta década foi Álvaro Cunqueiro, cuxa dramática se caracteriza polo clasicismo. Shakespeare era o autor preferido a partir do cal construirá algunha das súas obras. A máis representativa é O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, drama no que o autor ofrece unha nova versión da historia de Hamlet.

O Novo Teatro Galego e a Profesionalización (Anos 70)

A finais dos anos 60 comeza a xurdir un novo teatro en Galicia, caracterizado por:

  • Montaxes escénicas de calidade.
  • Defensa da lingua e da liberdade.
  • Desexo de proxección profesional.

Moitos dos directores e actores que poñen en marcha este novo teatro son tamén autores dramáticos.

A I Mostra de Teatro de Ribadavia (1973)

En 1973 celébrase a I Mostra de Teatro de Ribadavia, que terá continuidade ata 1980 e servirá de punto de partida e de encontro para numerosos autores e grupos. Ribadavia deu a coñecer a grandes actores, directores, autores e grupos de teatro como o Grupo Abrente.

As mostras estimularon a dramática, promoveron obras fáciles de representar e achegaron o teatro ás clases populares. Conseguiron, ademais, a normalización lingüística neste xénero. Fixeron un teatro comprometido, centrándose na realidade sociopolítica de Galicia, e conxugaron as tendencias vangardistas europeas coa tradición galega, baixo a influencia de Castelao e Blanco Amor.

Nesta década aparece tamén o teatro para nenos a través de concursos teatrais como os que convoca a asociación coruñesa O Facho.

Manuel Lourenzo: Historia, Mito e Ensino

O autor máis destacado nesta década é Manuel Lourenzo, que escribe teatro histórico e mítico.

Teatro Histórico e Mítico de Lourenzo

No primeiro deles, a acción xira en torno a personaxes destacados na historia, como na obra Xoana (un case monólogo da raíña Xoana de Castela, alcumada “a Tola”). No teatro mítico recrea mitos existentes xa no teatro grego, como é o caso de Electra.

Lourenzo fundou grupos teatrais como O Facho, un dos máis estables. Débese á súa iniciativa o nacemento da Escola Dramática Galega, que posibilitou a edición de textos, e a publicación da revista periódica Cadernos da Escola Dramática. Manuel Lourenzo tamén destacou como ensaísta teatral, a través de escritos como Antoloxía do teatro galego.

Roberto Vidal Bolaño: Estética da Derrota e Profesionalización

Outro autor fundamental desta época é Roberto Vidal Bolaño, autor, director e fundador do Grupo Antroido, un dos primeiros grupos profesionais de Galicia, feito que o converte nun dos maiores artífices da profesionalización do teatro galego.

A obra de Vidal Bolaño está marcada pola estética da derrota e a crítica da modernidade. Defendeu, quizais influído pola obra de Otero Pedrayo, unha recuperación do popular. Cultivou igualmente, como Otero, o teatro histórico, arredor da figura de Rosalía de Castro, en obras que constitúen ensaios sobre a vida e a obra da autora. As súas obras recollen e mesturan diferentes correntes estéticas como o realismo, o simbolismo ou o surrealismo, e nelas destaca o coidado diálogo co público.

Entradas relacionadas: