Evolución da Segunda República Española (1931-1936)

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,13 KB

Evolución política da Segunda República Española

A Segunda República Española proclamouse o 14 de abril de 1931, tras o triunfo das candidaturas antimonárquicas en vilas e cidades, nas eleccións municipais. Durante o período da República, sucedéronse tres gobernos distintos, sendo o primeiro o formado pola coalición republicano-socialista (1931-1933), coalición gañadora das eleccións celebradas en xuño de 1931 (reflectido no documento gráfico nº 1 do texto). As forzas políticas dominantes durante este período eran, pois, de esquerdas. A esquerda socialista defendía como programa básico os intereses dos traballadores industriais e xornaleiros agrícolas; sendo os seus principais partidarios os obreiros industriais e os xornaleiros agrícolas. Os republicanos defendían como programa básico a república como forma de Estado e o laicismo; os seus partidarios eran a pequena burguesía, a clase media urbana e moitos intelectuais.

Nesta primeira etapa da República, as Cortes aprobaron a Constitución de 1931. A devandita Constitución, como vemos no documento nº 2, define España, no seu artigo 1, como unha república de traballadores de toda clase e como un estado integral compatible coa autonomía dos municipios e rexións; establece como forma política de goberno a república parlamentaria; recolle o laicismo do estado (“O Estado non ten relixión oficial”); os dereitos, deberes e liberdades dos españois estaban claramente especificados, e ademais de recoller os dereitos individuais clásicos, incorporaba os de libre asociación, reunión e sindicación (“os españois poderán asociarse ou sindicarse”, segundo vemos no artigo 39 do texto nº 2), ademais de dereitos relativos á familia, educación, etc. O sistema económico combinaba o dereito de propiedade privada (aínda que podía ser expropiada con indemnización, o que abría a posibilidade da reforma agraria) co dereito do estado a intervir en asuntos económicos.

A Constitución abre o camiño a importantes reformas en diferentes ámbitos, como o relixioso, o agrario, o educativo (destinada a diminuír as elevadas taxas de analfabetismo e mellorar o nivel cultural da poboación. Na Constitución estaba a nova filosofía educativa: ensino obrigatorio, gratuíto e laico), a organización territorial do Estado, etc. Estas reformas fixeron xurdir novos partidos descontentos coa nova lexislación. Así, podemos distinguir os de ideoloxía fascista, que defendían a unidade de España, rexeitaban a democracia e eran partidarios do emprego da violencia para combater aqueles que consideraban os seus inimigos (os comunistas, marxistas); os que defendían a monarquía e eran contrarios á República; e os que non consideraban fundamental o tipo de réxime, senón a defensa dos valores católicos e da propiedade privada, os cales crearon a CEDA (Confederación Española de Dereitas Autónomas), dirixida por Xosé María Gil Robles, na que foron incluídos varios partidos de dereitas, entre eles, a Coalición Antimarxista por Madrid, que defendía, como vemos no texto nº 3 en outubro de 1933, no seu programa electoral, a derrogación dos preceptos inspirados en designios laicos e socializantes, a cancelación das disposicións confiscadoras da propiedade e manifestábase en contra da política anticatólica, antieconómica e antinacional representada polo socialismo.

O Bienio Negro (1933-1935)

Foi en novembro de 1933 cando as forzas da dereita (vémolo reflectido no gráfico do documento nº 1) gañaron as novas eleccións convocadas por Alcalá Zamora, ante a ruptura da coalición republicano-socialista, debido á falta de entendemento entre os seus membros e á presión das dereitas. O partido máis votado foi a CEDA de Gil Robles, seguido do Partido Republicano Radical de Lerroux. Lerroux foi nomeado xefe do Goberno contando co apoio parlamentario da CEDA. Este segundo período republicano foi chamado polas esquerdas o Bienio Negro, polas súas connotacións reaccionarias e conservadoras. A reforma agraria foi desmantelada; o sistema de autonomía foi paralizado; diminuíron os créditos para a construción de escolas, etc.

A Revolución de 1934

En outubro de 1934, Gil Robles condicionou o apoio parlamentario a Lerroux á entrada no goberno de membros da CEDA. Lerroux accedeu. En resposta, as forzas da esquerda, convencidas de que Gil Robles quería destruír a República, protagonizaron diversos actos de protesta, como a folga xeral convocada pola UXT en toda España, baixo unha idea común: defender a democracia republicana e o reformismo social, supostamente ameazados polos novos membros de ideas autoritarias do goberno. A pesar de que este movemento fracasou por falta de coordinación, deu lugar, sobre todo en Cataluña, Asturias e o norte de León, a unha intensa rebelión obreira.

Eleccións de febreiro de 1936 e a Fronte Popular

Tras os sucesos de outubro, os escándalos de corrupción (“o caso do estraperlo”) e de malversación, a inestabilidade do goberno foi en aumento, e as crecentes dificultades obrigaron a convocar novas eleccións para febreiro de 1936. As forzas políticas reorganizáronse a partir de 1934. Os monárquicos e conservadores formaron o Bloque Nacional. Os partidos republicanos uníronse en 1934 formando Esquerda Republicana, presidida por Azaña. En xaneiro de 1936, asinouse o pacto de creación da Fronte Popular, unha coalición electoral que integraba as principais forzas da esquerda, e o seu programa, como vemos no documento nº 4, presentábase como continuador das reformas do primeiro bienio progresista.

As eleccións de 1936 deron o triunfo á Fronte Popular (o triunfo da esquerda nestas eleccións vese reflectido tamén no documento gráfico nº 1), que iniciou a posta en práctica do seu programa de forma inmediata: decretou unha amnistía que afectou a 30.000 presos, restableceu as leis derrogadas no bienio de dereitas, recuperou a política reformista no ensino, etc. Os sectores máis conservadores de dereitas responderon negativamente ás reformas.

A conspiración contra a República

A Falanxe Española adquiriu un gran protagonismo e fomentou o enfrontamento civil. Recorreu á violencia nas rúas, a través da “dialéctica dos puños e as pistolas” (José Antonio Primo de Rivera). Grupos falanxistas iniciaron, a través de patrullas armadas, accións violentas contra os esquerdistas, enfrontamentos que se propagaron durante a primeira metade de 1936. Este clima foi o detonante para que comezase a xestarse a idea de que o recurso ao golpe de Estado militar era a única solución. Precisamente no documento nº 5, José Díaz denuncia nas Cortes a existencia dun complot contra o goberno da Fronte Popular, o 15 de xullo de 1936, manifestando que todos están vixiantes a fin de que non se poida levar a cabo ese intento, e denunciando que non queren acatar o triunfo das eleccións do 16 de febreiro.

Entradas relacionadas: