Evolución Literaria e Pensamento de Risco e Otero Pedrayo

Enviado por Nuria y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 2,79 KB

Vicente Risco: Do Ruralismo ao Intelectualismo

A súa produción narrativa supón unha novidade no seu tempo, pois abandona o ruralismo e pasa ao intelectualismo. Caracterízase pola intencionalidade didáctica e por exhibir un peculiar humor crítico.

O intelectualismo e o didactismo pódense ver no relato "A velliña vella", onde vincula a nosa identidade coas orixes celtas e os valores do cristianismo, opoñendo como trazo caracterizador de noso o atlantismo e o espiritualismo fronte ao materialismo dos pobos mediterráneos.

A súa obra máis salientable é "O porco de pé", na que, a través da caricatura, realiza unha parodia humorística de personaxes do seu tempo, critica á burguesía e satiriza a sociedade consumista e materialista. A súa obra teatral limítase ao título "O bufón do rei" e a súa obra ensaística é moi variada, como, por exemplo, "Nós, os inadaptados", onde explica a evolución ideolóxica do seu grupo desde o individualismo ata o galeguismo.

Otero Pedrayo: Cristianismo, Tradición e Identidade

As claves do seu pensamento, cristianismo e tradición, son fundamentais para entender a súa ampla obra literaria, na que reflicte a oposición a conceptos como materialismo e modernidade, rexeitando a penetración do capitalismo e mais do Estado como perturbadores das formas de vida tradicionais.

Narrativa e Novela

A súa narrativa concéntrase nos distintos aspectos da historia e da realidade de Galicia. Así, recrea o mundo rural de labregos e fidalgos en:

  • "Pantelas, home libre"
  • "O purgatorio de don Ramiro"
  • "O mesón dos ermos"

No ámbito das novelas, cómpre salientar a triloxía "Os camiños da vida", onde debuxa un magnífico cadro da sociedade galega do século XIX, retratando a decadencia da fidalguía.

Teatro e Ensaio

Canto ao teatro, salienta "A lagarada", cun tema semellante ao das novelas de labregos e fidalgos, e "O desengano do prioiro", visión humorística sobre a mutación do Ribeiro.

No ensaio, contido en parte dunha monumental obra xornalística dispersa en gran parte en xornais galegos e americanos, cómpre salientar a visión histórica e xeográfica de Galicia que fai en "Síntese xeográfica de Galicia" ou no seu "Ensayo histórico sobre la cultura gallega". En "O libro dos amigos" relembra as figuras que tiveron significación na súa vida. No que refire á súa produción poética, está recollida, aínda que non integramente, en "Bocarribeira".

Entradas relacionadas: