Evolución histórica do galeguismo: Do provincialismo ao nacionalismo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,2 KB
O provincialismo
En 1833, Galicia quedou dividida nas catro provincias actuais. Fronte a esta situación, que non reflectía o feito diferencial galego, o provincialismo defendeu a concepción de Galicia como provincia única, con unidade administrativa, social e económica.
O provincialismo, liderado por figuras como Antolín Faraldo, tivo certa pegada no ámbito cultural a partir da actividade dun grupo de intelectuais vinculados ao liberalismo, que frecuentaban institucións como a Academia Literaria de Santiago e que se aglutinaban arredor de publicacións como El Idólatra de Galicia (1841) e El Porvenir (1845).
O momento clave do movemento prodúcese cando presta o seu apoio ao levantamento de Solís (1846), que resulta esmagado e remata co fusilamento dalgúns dos seus dirixentes, os chamados «mártires de Carral», e co exilio de figuras como Faraldo e posiblemente do poeta Francisco Añón. Estes acontecementos provocarán que o galeguismo inmediatamente posterior intensifique a súa acción cultural e diminúa o alcance das súas iniciativas políticas. En efecto, tras a derrota de 1846, o provincialismo transfórmase nun movemento predominantemente cultural que ve que a literatura é o único medio para difundir as súas ideas.
O federalismo
Este movemento, ligado ás ideas republicanas, defendía a concepción de Galicia como un cantón dentro do territorio español. Chegouse a redactar un «Proxecto de Constitución para o Estado Galaico», pero a restauración da monarquía en 1881 impediu que esta iniciativa se concretase. O federalismo non se vinculou a iniciativas destacables dentro do ámbito cultural.
O rexionalismo
Este movemento político constitúe unha das fases en que o galeguismo alcanza maior definición teórica e aparece conectado a iniciativas importantes e dinámicas da vida cultural. No seo desta tendencia, Galicia era concibida como rexión, e defendíanse a súa diferencialidade cultural, ao tempo que se reclamaba unha maior descentralización das competencias por parte do Estado e certa autonomía política.
Dentro do rexionalismo existiron dúas tendencias:
- Tendencia tradicionalista: liderada por Alfredo Brañas.
- Tendencia liberal e progresista: encabezada por Manuel Murguía.
Brañas e Murguía foron os grandes ideólogos e teorizadores do movemento, e expuxeron as súas bases e principios nas súas obras respectivas: El regionalismo e El regionalismo gallego (ambas de 1889).
O nacionalismo
O nacionalismo comezou coa creación das Irmandades da Fala, en 1916. Entre outros puntos, os nacionalistas reivindicaban:
- Unha autonomía integral para Galicia dentro dun estado federal.
- A creación dun poder e dunha administración autónomas.
- A cooficialidade do galego co castelán.
O seu maior logro foi a aprobación do Estatuto de Autonomía en xuño de 1936, pouco antes de empezar a Guerra Civil.