Evolución: do fixismo á teoría sintética

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Biología

Escrito el en gallego con un tamaño de 10,74 KB

Fixismo e creacionismo

Os seres vivos reprodúcense e orixinan outros seres vivos da súa mesma especie, nunca dunha diferente. As observacións mostran que tampouco a transformación dunha raza noutra orixina unha especie nova. Non é estraño que o convencemento de que as especies se mantiveron sempre tal e como as coñecemos agora predominase entre os naturalistas ata o século XIX. Esta forma de pensamento coñécese como fixismo.

A principios do século XIX, a maioría dos naturalistas recorrían aos relatos bíblicos como fonte de datos científicos:

  • A idade da Terra estimábase nuns 6000 anos, dato que se baseaba nunha interpretación da Biblia.
  • A única explicación aceptable sobre como xurdiron as especies era o creacionismo. Segundo o libro do Xénese, as especies serían creadas por Deus e interpretaban que desde aquela se mantiveran sen cambios.

Nacemento das teorías evolucionistas

A idea central das teorías evolucionistas é que as especies cambian ao longo do tempo. O primeiro científico que propuxo unha idea consistente de como se podía producir a evolución das especies foi o cabaleiro de Lamarck.

Lamarckismo ou transformismo

Lamarck pensaba que nos seres vivos existía unha tendencia natural cara á perfección, a consecuencia sería a transformación das especies. O que propuxo para explicar como se produce a transformación foi a herdanza dos caracteres adquiridos.

O lamarckismo ou transformismo coñécese como a teoría dos caracteres adquiridos e apoiábase en:

  • As condicións do medio natural no que se desenvolve un ser vivo varían ao longo do tempo.
  • Os cambios ambientais crean novas necesidades (modificación dos seus hábitos ou condutas).
  • Xorden novos hábitos.
  • Estas modificacións serían transmitidas á descendencia.

A evolución segundo Darwin

A segunda gran teoría evolucionista foi a de Charles Darwin. Na súa longa viaxe sentáronse as bases do que acabou por constituír a súa teoría sobre a evolución:

  • O estudo da gran cantidade de seres vivos diferentes que observou e recolleu na súa viaxe, fixérono poñer en dúbida as ideas fixistas.
  • A lectura dos seus contemporáneos, o xeólogo Charles Lyell e o economista Thomas Malthus, influírono poderosamente:
  • Lyell rexeitaba na súa obra que as catástrofes fosen a causa dos grandes cambios ocorridos no pasado da Terra.
  • Darwin adoptou de Lyell a idea de sucesión e cambio gradual que lles aplicou aos seres vivos.
  • Malthus sostiña que a desproporción entre o aumento da poboación humana e dos alimentos conduciría necesariamente a unha loita polos escasos recursos. Darwin extraeu de Malthus a idea da loita pola supervivencia.

A teoría da evolución por selección natural

O darwinismo, ou teoría da evolución por selección natural, pódese resumir nos seguintes puntos:

  • Existen pequenas diferenzas ou variacións entre os individuos dunha mesma especie (tamaño, etc.).
  • Establécese unha loita pola supervivencia.
  • Algunhas variacións teñen máis éxito ca outras.
  • A especie cambia.

Argumentos en prol da evolución

Fósiles

Son restos de organismos ou da súa actividade, que viviron sobre a Terra en épocas pasadas e que quedaron preservados.

Moitos dos organismos que viviron noutras épocas xa non existen, extinguíronse.

O estudo dos fósiles revela a existencia dun proceso de cambio nos seres vivos ao longo do tempo.

Anatomía comparada: analoxía

Órganos análogos: son os que desempeñan a mesma función, pero a súa orixe é diferente. Por exemplo, a das ás dos insectos e a das aves.

Órganos homólogos: son aqueles que son anatomicamente moi parecidos, pero teñen funcións diferentes.

Os seres mellor adaptados ao seu medio deixan máis descendentes para a seguinte xeración.

Desenvolvemento embrionario

Os embrións de diferentes vertebrados son moi parecidos entre si en fases temperás do seu desenvolvemento. Estas semellanzas van desaparecendo a medida que se desenvolve o embrión.

Xenética molecular

É unha disciplina recente que se desenvolveu a mediados do século XX.

Compara secuencias de ADN de dúas especies, é un bo método para concluír o seu parentesco. Cantas máis diferenzas se detecten, máis lonxe no tempo se encontrará o seu antecesor común.

Darwin no século XX

As mutacións

Son cambios no material xenético e, polo tanto, son herdables. A maior parte das mutacións son prexudiciais.

Se unha mutación non lle proporciona ao individuo ningunha vantaxe nin desvantaxe no ambiente en que vive, dise que é neutra. Ante un cambio no ambiente, pode ocorrer que unha mutación pase de ser neutra a ser beneficiosa ou a ser prexudicial.

Se non causa a morte do individuo, as mutacións poden permanecer no seu material xenético e transmitirse aos seus descendentes, o que dá lugar ás diferenzas entre individuos.

As mutacións son a fonte de variación.

A reprodución sexual aumenta a variación

Na reprodución asexual, os descendentes levan a mesma combinación de xenes ca o seu proxenitor. Pola contra, a reprodución sexual si orixina novas combinacións de xenes nos descendentes.

Aínda que a reprodución sexual non produce novos xenes, tamén aumenta a variación, xa que orixina novas combinacións de xenes.

A teoría sintética da evolución

As variacións sobre as que actúa a selección natural orixínanse por mutación e hérdanse de maneira individual grazas aos xenes.

Os biólogos de principios do século XX revisaron algúns puntos da teoría de Darwin e interpretárona desde outro punto de vista:

  • Rexeitouse o principio lamarckista da herdanza de caracteres adquiridos.
  • Quedou definitivamente desbotada a idea da herdanza como fenómeno de mestura.
  • Propúxose unha nova teoría evolutiva, a teoría sintética da evolución.

A teoría sintética pódese resumir nos seguintes puntos:

  • A unidade evolutiva non é o individuo, senón a poboación.
  • Os individuos de calquera poboación son portadores de diferentes alelos que se orixinaron por mutación.
  • Certos fenotipos confírenlles aos individuos que os teñen máis posibilidades de deixar descendencia.

A teoría sintética segue mantendo a selección natural como o principal mecanismo evolutivo e define a evolución como un cambio gradual na composición xenética das poboacións.

A velocidade da evolución

Para a teoría de Darwin e para a teoría sintética da evolución, na súa versión actual, a evolución é un proceso lento e gradual. Esta forma de pensamento coñécese como gradualismo.

Saltacionismo fronte a gradualismo

Algúns científicos pensan que as formas intermedias que non aparecen fosilizadas nunca existiron ou que, se existiron, os cambios sucederon de forma tan rápida que dificilmente se poden encontrar restos fósiles. Esta forma de pensamento coñécese como saltacionismo e defende que a velocidade da evolución é moi irregular.

Na teoría dos equilibrios intermitentes ou interrompidos, unha especie pasa por períodos nos que non experimenta ningunha transformación, interrompidos por curtos períodos de evolución moi intensa.

Se a evolución é un proceso lento e gradual, no rexistro fósil deberían quedar restos que reflectisen as formas intermedias entre o antecesor e os descendentes ao longo do tempo.

Se a evolución se produce a rápidos saltos, o que esperamos é observar que no rexistro fósil aparecen grandes cambios nun período de tempo curto, sen formas intermedias.

Selección natural e adaptación

As mutacións orixinan diferenzas hereditarias entre os membros dunha poboación.

Co paso do tempo, a poboación enteira cambiaría e o resultado será unha poboación máis adaptada ao seu medio. O proceso seguido por esa poboación denomínase adaptación.

A adaptación é consecuencia da selección natural que exerce o medio natural sobre a variación hereditaria que se xerou ao azar, por mutación, nunha determinada poboación.

Como xorden as especies na natureza?

Os científicos supoñen que, en moitos casos, na formación dunha nova especie se deben producir as seguintes etapas:

  • Illamento da poboación. Unha poboación pode quedar illada do resto da especie por unha barreira que lle impide reproducirse coa poboación orixinal. A barreira pode orixinarse pola formación dun río, dun deserto, etc.
  • Diferenciación gradual. A poboación que quedou illada posúe os mesmos xenes ca a especie orixinal, pero como as mutacións ocorren ao azar, orixínanse diferenzas entre as dúas poboacións.
  • Dúas especies diferentes. Un illamento prolongado pode orixinar unha poboación tan distinta da orixinal, que perde a capacidade de cruzamento con esta.

Aínda que a barreira desapareza e volvan estar xuntas, as dúas poboacións non poden reproducirse e deixar descendentes fértiles. A especie orixinaria converteuse en dúas especies.

Concepto de biodiversidade

A través de miles de millóns de anos, a formación de especies novas e mais a extinción daquelas que non puideron adaptarse ás condicións ambientais cambiantes produciron a diversidade biolóxica ou biodiversidade.

A biodiversidade inclúe tres conceptos relacionados:

  • A diversidade xenética é a variabilidade que existe na formación xenética entre os individuos da mesma especie (coellos con xenes para pelo claro e outros para pelo escuro).
  • A diversidade de especies é a variedade de especies existente nas diferentes partes do planeta, como leóns, tigres, etc.
  • A diversidade ecolóxica é a variedade de bosques, desertos, lagos e outras comunidades biolóxicas que interactúan entre si e cos seus ambientes non vivos.

Entre os individuos dunha mesma especie existe diversidade xenética.

A variedade de comunidades biolóxicas forma a diversidade ecolóxica.

Especiación fronte a extinción

A especiación, que é o proceso polo cal se orixinan dúas especies a partir dunha como resultado da selección natural actuando sobre a variabilidade.

A extinción, que é o proceso polo que unha especie deixa de existir porque non pode adaptarse e reproducirse con éxito nas novas condicións do medio.

Entradas relacionadas: