Evolución da Poesía Galega de Posguerra: Xeración do 36 e dos 50
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,79 KB
A Xeración do 36
A Xeración do 36 está integrada por autores nacidos entre 1910 e 1920, marcados vitalmente pola guerra e formados na súa primeira mocidade no ambiente do Grupo Nós e das vangardas. Supoñen unha ponte entre a literatura de preguerra e as novas promocións e seguen tendencias moi diversas. Por mor da censura, inícianse cultivando as tendencias poéticas de preguerra:
- O neotrobadorismo, en Cancioneiro de Monfero de Álvarez Blázquez e Dona do corpo delgado de Cunqueiro.
- O ruralismo, en Cómaros verdes de Iglesia Alvariño e en Nimbos de Díaz Castro.
As tendencias máis novidosas e propias desta xeración son:
- O clasicismo: poesía de temática e formas clásicas na que salienta o mesmo Iglesia Alvariño con Lanza de soledá.
- O intimismo radical de María Mariño: os poemarios Palabra no tempo e Verba que comeza lembran o intimismo desacougante de Rosalía desde unha estética rompedora.
Aínda que pertence á xeración do 22 ou das vangardas, tamén publica nesta altura Luís Pimentel Triscos e Sombra do aire na herba, poemarios que sintetizan e reactualizan diversas correntes vangardistas, en especial a hilozoísta e a surrealista.
O Socialrealismo e Celso Emilio Ferreiro
Pero foi o socialrealismo a tendencia máis destacada da xeración, e Celso Emilio Ferreiro a súa voz principal, tras o éxito de Longa noite de pedra (1962), que impulsa o dominio do realismo social ata mediados dos 70. Predominan nel os poemas combativos na defensa de Galicia e da clase traballadora, ao carón de textos intimistas (a nostalxia da infancia, o amor á súa dona, etc.).
De feito, no conxunto da súa produción poética, Celso Emilio entretece tres perspectivas —a cívica, a intimista e a satírica— con maior ou menor peso segundo os poemarios. Destacan, ademais da citada, O soño sulagado, Viaxe ao país dos ananos, Antipoemas e Cantigas de escarnio e maldecir. O estilo socialrealista caracterízase polo uso dun rexistro próximo ao coloquial que facilita a comunicación cos lectores e por veces desemboca no prosaísmo crítico. Abundan as alegorías e o simbolismo para representar dous mundos contrapostos: o positivo de luz, liberdade e xustiza, fronte ao negativo da escuridade, opresión e inxustiza.
A Promoción de Enlace
A Promoción de Enlace está formada por poetas nacidos entre 1920 e 1930 que se formaron nas duras circunstancias dos primeiros anos da posguerra, sen influencia da Xeración Nós e das vangardas. Este illamento estético e a falta de literatura en galego provoca que sexan escritores bilingües nos seus inicios. A súa poesía adoita reflectir o ambiente que lles tocou vivir: unha visión negativa do mundo e unha actitude resignada e desesperanzada.
Salientan os seguintes autores:
- Antón Tovar: autor de Arredores, Non, Calados esconxuros…, poemarios intimistas de soidade e desánimo cun estilo sinxelo e musical.
- Luz Pozo Garza: autora de poemarios como Concerto de outono ou Códice Calixtino, unha poesía chea de referencias artísticas e literarias, que evoluciona do vitalismo dominado polo amor a unha visión máis nostálxica e de ton elexíaco.
- Manuel Cuña Novás: que abre, con Fabulario Novo, a Escola da Tebra, coa que se iniciará a promoción seguinte: poesía existencialista cunha visión anguriada e pesimista da vida.
A Xeración das Festas Minervais ou dos 50
A Xeración das Festas Minervais ou dos 50 abrangue escritores nados na década da guerra que comezan ao abeiro da xeración do 36 e do grupo Galaxia, pero que irán conformando a súa propia personalidade literaria e ideolóxica. Estréanse nas Festas Minervais compostelás e coa fundación do grupo (e editorial) Brais Pinto en Madrid.
A maioría dos compoñentes, entre os que destacan Manuel María, Uxío Novoneyra, Bernardino Graña, Xohana Torres e Méndez Ferrín, seguen unha evolución semellante, percorrendo tres tendencias sucesivas:
- Inícianse na chamada Escola da Tebra, unha poesía de enfoque existencial e pesimista na que destacan Manuel María con Muiñeiro de brétemas, Méndez Ferrín con Voce na néboa e Bernardino Graña con Poema do home que quixo vivir.
- O socialrealismo será cultivado tamén por todos eles nos anos 60 e primeiros 70, tras o éxito de Longa noite de pedra. Os temas fundamentais son a denuncia da opresión e da guerra, o sentimento patriótico… Destacan Manuel María, que inicia esta tendencia coa obra Documentos persoais e continúa noutras obras como Poemas pra construír unha patria; e Méndez Ferrín, autor de Antoloxía popular, logo convertida en Poesía enteira de Heriberto Bens, centrada na temática política e reivindicativa, de gran nivel formal con achega de recursos clásicos e vangardistas.
- Co remate da ditadura, decae o predominio do socialrealismo para dar paso a unha renovación poética que abrirá o camiño da poesía de fin de século.
Renovación e Legado
Tematicamente, recupérase a poesía intimista cos grandes temas eternos do xénero: amor, morte, paso do tempo… Estilisticamente, triunfa a preocupación estética e o coidado formal, acudindo tanto ao mundo clásico coma ao vangardismo. Neste cambio foi determinante a publicación en 1976 de Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín.
Outros poetas relevantes desta xeración son Avilés de Taramancos e a figura senlleira de Uxío Novoneyra, cumio da poesía paisaxística galega con Os eidos, unión mística coa natureza do Courel, cunha estilística novidosa en poemas breves dominados eufonicamente pola linguaxe caurela e o fonosimbolismo.