Evolución da Narrativa Galega de Posguerra e as súas Correntes Literarias
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 2,56 KB
Contexto histórico e a narrativa do exilio
A produción narrativa en galego interrompeuse bruscamente co estalido da Guerra Civil. A gran represión cultural e lingüística durante a ditadura franquista en Galiza provocou o exilio de numerosos intelectuais comprometidos co nacionalismo, o republicanismo ou simplemente coa democracia; deste xeito, cobra unha vital importancia a actividade cultural do exilio.
A recuperación da narrativa en Galicia
A primeira novela de posguerra publicada en Galicia será A xente da Barreira, de Carballo Calero, en 1951. Desde ese momento, e grazas ao labor fundamental da Editorial Galaxia, prodúcese unha lenta consolidación do xénero que permite a aparición dun bo número de obras mestras. A partir dos anos 50 perfílanse unha serie de liñas narrativas:
1. Continuadores da tradición do Grupo Nós
Especialmente coa temática do esmorecemento da fidalguía de Otero Pedrayo. Destaca o propio Otero con O señorito da Reboraina e Carballo Calero con A xente da Barreira.
2. Realismo popular ou etnográfico
A obra fundamental é Á lus do candil, de Ánxel Fole. As súas características son a ambientación rural, a focalización xeográfica, o dialectalismo lingüístico, o humor e a fantasía populares.
3. Realismo fantástico
Álvaro Cunqueiro é o seu principal representante. Mestura elementos culturalistas e populares, realidade e fantasía. As súas principais obras son: Merlín e familia, As crónicas do Sochantre e Si o vello Simbad volvese ás illas.
4. Realismo social
Presta especial atención aos conflitos no seo da sociedade. Ten o seu máximo expoñente en Eduardo Blanco Amor coa obra A esmorga.
5. Narrativa de Neira Vilas
Aborda en clave realista o mundo da aldea galega na posguerra con Memorias dun neno labrego e o vivir dos continxentes galegos na emigración con Camiño bretemoso.
6. Nova Narrativa Galega
Proxecto rupturista impulsado pola Xeración dos 50. Promoven o experimentalismo formal e a ambientación urbana; rexeitan o folclorismo temático e o realismo vulgar e afondan na especificidade da linguaxe literaria. Destacan, entre outros, Xosé Luís Méndez Ferrín, Gonzalo Mourullo ou María Xosé Queizán.