Evolución da Estandarización da Lingua Galega: Etapas e Historia
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 7,13 KB
O Galego Enxebrizante (1880-1936): A Época Nós
Predispóñome a facer un comentario para encadrar o texto nunha das etapas da estandarización definidas polo profesor Henrique Monteagudo. Cómpre ter en conta que o fragmento é breve e que pode conter datos asociables a varias etapas.
O primeiro que se observa é a existencia de apóstrofos para resolver os encontros vocálicos en d’integración (l.8) ou qu’oxe (l.3). Temos tamén:
- Arcaísmos: verbas (l.1) no canto de palabras.
- Hiperenxebrismos: voltar (l.3) e grorioso (l.5).
- Vulgarismos: autividade (l.6), coa vocalización do primeiro elemento do grupo consonántico, ou en asoluta (l.4), onde se elimina o primeiro elemento do grupo.
- Prótese e síncope: vulgarismos por prótese en acomprimento (l.5) e por síncope na preposición pra (l.2), actualmente normativa.
Conviven con estes trazos algúns dialectalismos como mañán (l.4), solución do sufixo latino -ANUM, ou o demostrativo ises (l.7), propios do bloque central, sen que se observen vacilacións ou contradicións.
Podemos, pois, concluír que o texto presenta trazos dialectais e que, atendendo á presenza do apóstrofo, dos hipergaleguismos e dos vulgarismos, pode adscribirse ao galego enxebrizante (1880-1936), propio da época Nós. Esta é a variante empregada por escritores da altura de Castelao, Otero Pedrayo e Vicente Risco, que se esforzaron por crear un modelo de lingua afastado do castelán, exaltando a dimensión enxebre do código.
A Etapa Popularizante (1810-1880): O Rexurdimento
O presente comentario busca adscribir o texto proposto a unha das catro etapas da estandarización da lingua sinaladas polo profesor Henrique Monteagudo. Cómpre ter en conta que o fragmento é breve e pode que coexistan características de etapas diferentes.
En primeiro lugar, debo sinalar a presenza de apóstrofos (c’o ou n’a, l.2) que nos sitúan nun escrito redactado antes da Guerra Civil. A continuación, chama a atención a existencia de:
- Castelanismos léxicos: deuda (l.2), olvidos (l.3).
- Castelanismos ortográficos: prayas (l.7).
- Vulgarismos: romor (l.5) por asimilación; deseyo (l.5) por epéntese, onde atopamos a vocalización do primeiro elemento dun grupo consonántico; e beninidade (l.4), onde se elimina o primeiro elemento do grupo.
A chave do comentario dánnola os dialectalismos. Atopamos a solución en -S das palabras rematadas en -N en perdós (l.3), corazós (l.7) ou predilecciós (l.4), convivindo coa solución -ao en maos (l.4).
Para concluír e, en vista do sinalado, podemos indicar que a autora presenta unha variante dialectal unificada, sen contradicións, o que nos leva a falar dun texto dialectalizante. A existencia de vulgarismos e, sobre todo, de castelanismos, apuntan cara á etapa popularizante (1810-1880). Dato que se ve confirmado polo emprego dos guións. A este período debemos asociar autores do Rexurdimento como Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. A referencia a Follas novas (l.1) apunta á gran poeta galega.
O Galego Estándar (1980 ata a Actualidade)
Predispóñome a facer un comentario para tentar adscribir o texto proposto a unha das catro etapas da estandarización da lingua marcadas polo profesor Henrique Monteagudo, actual presidente da RAG. Cómpre ter en conta que o fragmento é breve e que, tras unha primeira lectura, non se observan desvíos da normativa actual.
En primeiro lugar, debo sinalar a ausencia de vulgarismos, castelanismos, arcaísmos ou hiperenxebrismos. O texto presenta unha lingua culta e coidada, propia dunha persoa que domina a normativa vixente, aprobada por vez primeira tras a elaboración do Estatuto de Autonomía en 1981.
Obsérvase, iso si, a existencia de anglicismos como blog (l.1) ou flash (l.3); ambos remiten ás novas tecnoloxías e confirman a hipótese dun texto actual. Determinadas escollas léxicas como falcatruada (l.4) ou reflectise (l.3) denotan que a autora do texto foxe de maneira consciente de castelanismos de ampla difusión na lingua actual como *trastadas ou *reflexase. Esta característica apuntala a teoría dun autor culto, consciente e coñecedor da norma.
Para concluír e en vista do sinalado, podemos afirmar que se trata dun texto do galego actual, encadrable no que o profesor Monteagudo denominou galego estándar (1980 ata a actualidade), caracterizado pola procura dun galego supradialectal que se manifesta na consecución dunha normativa unificadora común para os usos cultos.
Análise do Período Popularizante e a Falta de Fixación
Vou realizar un comentario do texto proposto para procurar encadralo nunha das catro etapas da estandarización da lingua descritas polo profesor Henrique Monteagudo. O fragmento é breve e é posible que non atopemos características suficientes para adscribilo con exactitude ou que convivan características propias de máis dunha etapa.
En primeiro lugar, cómpre sinalar a existencia de guións: qu-isa ou n-e (l.3). A seguir, observamos a vacilación en determinadas escollas léxicas, especialmente no caso da conxunción copulativa onde conviven “i” (l.1) e “e” (l.2), demostrando a existencia dun código pouco fixado.
Ademais, vemos a presenza de:
- Castelanismos ortográficos: nese sinal inicial de exclamación (l.1) e de interrogación (l.3). Hai tamén un castelanismo ortográfico no pronome interrogativo acentuado na primeira liña.
- Hipergaleguismos: como ensiñaron ou hastra (l.1).
- Vulgarismos: exemplos de epéntese (adeprender, l.2) e asimilación (lingoa, l.3). A preposición pra, aceptada na normativa actual, presenta unha síncope vocálica.
- Marcas dialectais: o demostrativo isa (l.3), que remite ao bloque central.
Todas estas características apuntan a un texto anterior á Guerra Civil. Decantámonos por un fragmento do período popularizante (1810-1880), correspondente ao Rexurdimento, con autores como Rosalía, Curros e Pondal polo contido do fragmento.