Evolución del Arte: De la Antigüedad Clásica a las Vanguardias

Enviado por Chuletator online y clasificado en Plástica y Educación Artística

Escrito el en con un tamaño de 6,17 KB

Contexto del Impresionismo

O impresionismo é un movemento artístico que xorde en París no último cuarto do século XIX, protagonizado por pintores como Claude Monet, Pierre-Auguste Renoir ou Edgar Degas, que pretendían renovar a pintura facéndoa máis espontánea e natural. Caracterízase polo traballo ao aire libre, o uso de cores claras e luminosas e o interese por captar a impresión inmediata da realidade, especialmente a luz. Estes artistas romperon coas normas académicas tradicionais herdadas do Renacemento, polo que foron rexeitados nos Salóns Oficiais e decidiron organizar as súas propias exposicións. O termo impresionismo xurdiu de maneira burlona a partir dun comentario sobre o cadro Impression, Sunrise, pero acabou por dar nome a todo o movemento.

Contexto do Postimpresionismo

O postimpresionismo é un termo acuñado en 1910 para referirse á pintura realizada entre 1886 e 1907, tras o impresionismo. Agrupa a artistas que, aínda que partiron deste movemento, non quedaron satisfeitos e buscaron novos camiños. Entre eles destacan Paul Cézanne, Vincent van Gogh e Paul Gauguin, quen mantiveron o interese pola luz pero revisaron as súas bases. Estes pintores recuperaron o debuxo e deron maior importancia ás formas, tratando de expresar non só a luz senón tamén a emoción e a esencia das cousas. Aínda que empregaban a cor como elemento fundamental, afastáronse da representación fiel da natureza e ofreceron unha visión máis subxectiva do mundo, sentando así as bases das vangardas do século XX.

Contexto de Roma

A historia de Roma pasa por distintas fases desde o século VIII a.C. ata o século V d.C., que marca a súa fin: Monarquía, República e Imperio. Roma constitúese nun estado centralizado na súa capital que vai levar a cabo unha política de conquistas. O Estado romano busca o seu engrandecemento, non só económico senón tamén político. Constrúe importantes obras de enxeñería, edificios públicos e tamén relixiosos. Todas estas obras, ademais de seren útiles, serven de propaganda política, poñen de manifesto a superioridade do Imperio romano sobre os pobos conquistados. Polo tanto, a arquitectura, como o resto da arte, estaba ao servizo da grandeza de Roma. En canto á relixión, Roma era oficialmente politeísta, de aí que o templo que logo estudaremos estea dedicado a todos os deuses.

Contexto de Grecia

O Partenón foi construído na segunda metade do século V a.C., tras as guerras médicas, como símbolo da Atenas clásica e da súa democracia baixo o goberno de Pericles. Aproveitando o tesouro da Liga de Delos, Atenas financiou a construción de grandes monumentos na Acrópole para mostrar o seu poder e superioridade sobre outras polis. Neste contexto erguéronse templos como o Partenón, o Erecteion e o templo de Atenea Niké, dedicados aos deuses, pero tamén espazos civís como as ágoras, fundamentais para a vida democrática.

A arquitectura grega buscaba servir ao cidadán e á vida da polis, incluíndo tamén edificios como teatros, ximnasios ou stoas. Gran parte do traballo era realizado por escravos e metecos, o que permitía aos cidadáns gozar de tempo libre para a participación política, o deporte e a cultura. O clima mediterráneo favoreceu os espazos ao aire libre e a vida pública. Todas estas condicións históricas explican as características da arquitectura clásica grega, exemplificadas no Partenón e na escultura de artistas como Policleto e Fidias.

O Renacemento

O Renacemento é un movemento artístico e cultural que marca o inicio do Antigo Réxime. A palabra significa “volver nacer”, xa que os homes desta época querían volver ao esplendor da cultura clásica (grecorromana), ao considerar a Idade Media como unha etapa na que se producira un retroceso cultural e artístico. A arte foi parte importante do pensamento humanista e presentou importantes novidades:

  • Volta á natureza e á antigüidade clásica.
  • Os artistas son intelectuais, humanistas e investigadores que plasman a beleza relacionada coa proporción, a harmonía e o equilibrio para conseguir unha beleza ideal.
  • A beleza máis perfecta é a humana; o ser humano é o principal protagonista da arte.
  • Os impulsores da nova arte foron os mecenas.

O Manierismo en España

A segunda metade do século XVI en España coñece un estilo diferente ao da primeira (Plateresco e Purismo): son as formas manieristas do Escorial, chamado tamén estilo escurialense ou herreriano, e da pintura do Greco. O manierismo español segue os trazos xerais italianos aínda que presenta algunha peculiaridade froito da propia situación dos reinos peninsulares: o empeoramento da situación económica, o escaso desenvolvemento do capitalismo, a proximidade das linguaxes gótica e mudéxar, a escasa renovación científico-técnica, o enorme peso da contrarreforma e da Inquisición, así como o labor de mecenado de Filipe II.

O estudo da arte do Renacemento en España resulta complexo, porque desde o principio coexisten no país as técnicas e tradicións góticas, cando non as influencias islámicas. A vixencia do mecenado eclesiástico impide o influxo civil, tan determinante no cambio humanístico e artístico en Italia; non existía unha burguesía consolidada en España que dera un impulso a un novo tipo de demanda no campo artístico.

A chegada do Renacemento a España produciuse por distintas vías: a través dos territorios italianos pertencentes á Coroa española (Nápoles, Sicilia e Milán); grazas ás viaxes de artistas españois a Italia e de artistas italianos a España para traballar na Corte; tamén contribuíron a publicación de tratados teóricos do Renacemento. As novas ideas artísticas non se difundirán maioritariamente: só entre certas elites da nobreza e, en menor medida, da Igrexa, terán aceptación e difusión. A monarquía será a grande promotora e cliente da nova arte, aínda que adaptándoa á súa propia maneira de concibila e entendela.

Entradas relacionadas: