Estrutura organizativa e contratos de traballo: principais aspectos
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,07 KB
Estrutura organizativa
O período medio de maduración está formado polo
período medio de almacenamento de materias primas,
de fabricación, de almacenamento de produtos
rematados, de venda e de cobramento a clientes.
. A estrutura organizativa ou organización interna é
a forma de integración e coordinación dos distintos
elementos que compoñen a empresa. É fundamental
para que os traballadores estean coordinados, teñan
unha tarefa asignada e para que non se dupliquen
esforzos. Ademais, a estrutura organizativa determina
o nivel de autoridade e responsabilidade de cada un
dos membros da empresa segundo a función que
desempeñen.
A estrutura organizativa descansa fundamentalmente
sobre dous tipos de principios: os relacionados
co desenvolvemento vertical (autoridade e
responsabilidade, xerarquía, unidade de mando
e descentralización) e os relacionados co
desenvolvemento horizontal (división do traballo,
especialización, coordinación e agrupación de
unidades).
A xerarquía refírese aos diferentes niveis nos que
se basea a autoridade, é dicir, a capacidade que ten
unha persoa para tomar decisións e impartir ordes. O
concepto de autoridade enténdese hoxe en día como
capacidade de liderado, que se basea na competencia
e na aceptación por parte dos subordinados. Todo
nivel de autoridade leva consigo un nivel de
responsabilidade, isto é, a capacidade de asumir
as tarefas que lle corresponden a cada un. Nunha
estrutura organizativa ten que estar claro o grao de
autoridade - responsabilidade que se asigna a cada
nivel. Unidade de mando significa que calquera
subordinado dependerá só dun xefe. Pode establecerse
unha descentralización de tarefas, delegando tanto
a autoridade como as funcións. A delegación de
autoridade consiste en asignar unha tarefa de mando
a un subordinado.
No que se refire á división do traballo, trátase de
organizar e dividir o traballo entre as persoas e
os grupos coordinando as súas actividades. Neste
sentido, o criterio máis simple de organización é a
especialización. Unha vez definidos os postos de
traballo por medio da especialización, o paso seguinte
é o da agrupación de unidades baixo a dirección dunha
persoa. En suma, unha empresa está ben organizada se
cada un sabe cál é o seu traballo e se todas as partes
encaixan para desenvolver perfectamente as funcións
do sistema e alcanzar os obxectivos.
Contratos de traballo
Un contrato de traballo é un acordo entre empresario
e traballador polo que este se obriga a prestar
determinados servizos por conta do empresario e
baixo a súa dirección, a cambio dunha retribución.
Tipos de contratos de traballo:
Contratos indefinidos: son aqueles que, sen ter
ningunha limitación, establécense por unha duración
indefinida.
Contratos de duración determinada: Estes contratos
teñen unha duración limitada no tempo. Existen
diversas modalidades e poden utilizarse para cubrir
temporalmente un posto de traballo en substitución
dun traballador con dereito á reserva do posto de
traballo,para a realización de determinadas obras
e servizos cunha duración incerta ou para atender
esixencias do mercado ou acumulación de tarefas
nunha empresa.
Contratos formativos: aínda que existen varios
tipos, en xeral ou ben, buscan facilitar experiencia
profesional axeitada ao nivel de estudios (Contratos en
prácticas) ou ben teñen como obxectivo proporcionar
unha formación técnica e práctica (Contrato para a
formación).
Contrato a tempo parcial: Esta modalidade utilízase
nos casos de prestación de servizos durante un tempo
determinado, ben durante un número de horas ao
día, á semana ou ao ano. Pode ser indefinido ou
determinado.
Principais Causas de suspensión:mutuo acordo das
partes, incapacidade laboral temporal, maternidade ou
paternidade, suspensión de emprego e soldo por razóns
disciplinarias, excedencia forzosa no caso de que o
traballador sexa elixido para un cargo público ou realice
determinadas funcións sindicais, exercicio do dereito
á folga, peche legal da empresa, causas económicas,
técnicas organizativas ou de produción.
Principais Causas de extinción:mutuo acordo das
partes, causas descritas no propio contrato, por
finalización do tempo ou realización da obra ou
servizo obxecto do contrato, por morte ou xubilación
do empresario, por dimisión, morte ou xubilación
do traballador, por forza maior que imposibilite a
realización do traballo, por despedimento colectivo
baseado en razóns económicas, técnicas, organizativas
e de produción, por causas obxectivas legalmente
procedentes.