Epicureísmo, Estoicismo e Escepticismo: Filosofía Antiga
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 7,17 KB
Epicureísmo: O Xardín de Epicuro
Esta escola, tamén coñecida como O Xardín, foi fundada por Epicuro de Samos en 306 a.C. Caracterizouse polas polémicas cos platónicos, aristotélicos, socráticos e coa incipiente escola estoica.
Os epicúreos dividen a filosofía en lóxica (canónica), física e ética. A felicidade constitúe o obxecto prioritario da moral. A cuestión da canónica é cal é o criterio de verdade a partir do cal esta poida ser recoñecida. Agora o coñecemento non consistirá simplemente na pertenza do ser humano á verdade, senón que residirá nas imaxes que teñen lugar en nós, e que as reproducen; ou sexa, as sensacións.
Na física, os epicúreos promoven unha renovación do atomismo de Demócrito. Consideran que a alma tamén é corpo, formada por átomos máis finos. Refugan o determinismo dos estoicos. Así pois, para eles toda a disposición dos infinitos mundos exteriores entre si parte dun acontecemento puramente casual. Un evento producido por unha desviación dos átomos respecto á súa traxectoria rectilínea no baleiro que os levou a chocar entre si.
A Busca do Pracer e a Ausencia de Dor
Polo que atinxe á conduta, a procura da felicidade equivale á busca do pracer. Cómpre reparar en que o principio do pracer comporta límites. Sobre todo, o verdadeiro pracer non pode consistir na satisfacción, senón no estado de ausencia de dor no corpo e de ausencia e perturbación na alma. Epicuro esfórzase en desmontar a rede de temores que atenaza a existencia humana usurpándolle a súa capacidade para ser feliz: os deuses, o medo á dor e a morte.
- Os deuses son seres inmortais e felices, polo que non se preocupan de asuntos humanos.
- A dor forma parte da phúsys humana, como o outro pathos que limita e con iso fai posible a perfección do verdadeiro pracer como ausencia de dor, e como repouso e culminación.
- Por último, resulta absurdo temer a morte. Só unha vida finita está feita á medida do verdadeiro pracer. Os desexos infinitos son incompletos, polo que non abondaría nin sequera unha vida infinita para satisfacelos. En consecuencia, nada hai que temer.
Epicuro dá grande importancia á amizade, a cal é imprescindible para acadar a felicidade.
Estoicismo: Zenón e Crisipo de Solos
Foi fundada por Zenón, aínda que destacou Crisipo de Solos.
En gran medida, o pensamento medieval debe aos estoicos a orientación interpretativa da recepción da filosofía grega, en particular de Aristóteles. Para os estoicos a filosofía articúlase en tres partes: lóxica, física e moral. O obxectivo final do individuo estoico será a consecución da felicidade. Unha felicidade que identificarán o intelectualismo moral socrático-platónico coa virtude. Só o sabio pode ser virtuoso, lograr o dominio das súas paixóns e vivir conforme á natureza e á razón.
Lóxica Estoica: Significante e Significado
A lóxica dividíana en retórica e dialéctica. Os estoicos estableceron unha relevante distinción para o futuro da lóxica: o significante e o significado. Unicamente do significado poderase dicir que é verdadeiro ou falso. A lóxica non se entenderá como indagación das relacións de dependencia entre modos de ser, senón entre feitos e conxuntos de feitos. Parece claro que este xeito de entender a lóxica supón, por unha banda, unha concepción determinista na física, segundo a cal todos os feitos han estar determinados polo logos; e por outro lado, por unha concepción do coñecemento que entenda a verdade como concerto entre uns feitos que se producen en min e os feitos en si mesmos considerados. O coñecemento é pois coñecemento de feitos, isto é, de algo singular. As nocións universais son ou ben producidas, ou ben xeradas de forma natural por si mesmas. A súa teoría do coñecemento é empirista e naturalista. Segundo eles, o coñecemento orixínase a partir das impresións recibidas polos sentidos.
Física Estoica: Hyle e Pneûma
Na física desenvolveron unha teoría corporeísta. Todos os corpos están compostos de dous principios inseparables: a hyle (materia) e o pneûma. O pneûma penetra totalmente a materia e actúa sobre ela producindo todo acontecer. De todos os xeitos atopámonos lonxe do hilomorfismo aristotélico, xa que a materia é concibida agora como o inerte eterno, a forma como corpo e a súa composición como unha mestura.
Moral Estoica: Virtude e Impasibilidade
Polo que atinxe á moral, a procura da felicidade identifícase coa da virtude e a sabedoría. Só a través delas se pode acadar ese dominio de si, por mor do cal nos podemos emancipar, ata certo punto, da necesidade que rexe toda natureza. A felicidade maniféstase así baixo a impasibilidade fronte ás emocións, vivir conforme á natureza. Pero esta aceptación non comportaba resignación no ámbito da política.
Escepticismo: Pirrón e a Dúbida Radical
Atribúese a Pirrón a súa fundación. Foi continuada polos últimos seguidores da Academia Platónica. Partindo dunha preocupación moral, os escépticos dirixirán unha crítica radical ás pretensións de calquera coñecemento dogmático, en particular ao que defendían os estoicos.
A Imposibilidade do Coñecemento Verdadeiro
O abismo entre o mundo sensible e o intelixible, así como a imposibilidade da Dialéctica para acceder á idea suprema ou idea de ben, contribúe no contexto da Academia, tras a morte de Platón, a crear condicións para a negación da posibilidade de verdadeiro coñecemento. O termo escepticismo conclúe a imposibilidade de xustificalo en termos absolutos. Deste xeito a verdade redúcese á representación dunha realidade de seu cambiante e fuxidía e, xa que logo, inasegurable.
Abstención de Xuízo e Apátheia
En correspondencia con isto, os escépticos afirmarán que a actitude do sabio é a abstención de todo xuízo. Preséntase como un principio ético radical que comparte moitos elementos coa apátheia estoica e a ataraxia epicúrea. Os escépticos abstéñense de todas tese, incluso a de que algo ou todo sexa falso.