Eduardo Pondal: Vida, Obra e Claves do seu Universo Literario
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,5 KB
Eduardo Pondal: Figura clave do Rexurdimento
Eduardo Pondal é unha das grandes figuras do Rexurdimento. Creou un universo literario singular, marcado por un lirismo épico, no que salientan a exaltación das raíces celtas de Galicia xunto coa férrea defensa do idioma galego.
Obra literaria
A primeira publicación de Pondal foi o longo poema “A campana de Anllóns”, incluído no Álbum de la Caridad (volume recompilatorio dos Xogos Florais). En 1886, publica Queixumes dos pinos, obra reelaborada do poemario bilingüe de 1877, Rumores de los pinos. Ademais, postumamente publicouse o seu extenso poema épico, Os Eoas, onde Pondal canta a fazaña da descuberta de América por Cristovo Colón.
Aspectos literarios e temáticos
Na produción poética de Pondal cómpre salientar a presenza dos seguintes elementos caracterizadores que a singularizan:
- O celtismo e o bardismo: Pondal constrúe un universo literario mítico baseado nun pasado lendario cheo de esplendor, que sitúa na época celta, e mais no futuro glorioso que agarda á raza celta. Para acadar isto, o poeta recorre á creación de heroes míticos e reutiliza outros mitos. Por outra banda, o bardo —personaxe destinado á profecía e dotado de características sobrenaturais— será o poeta-guía que conducirá ao pobo galego cara a ese futuro glorioso.
- O ossianismo: A mediados do século XVIII, un mestre escocés chamado Macpherson declarou que atopara un libro de poemas dun bardo chamado Ossian (en realidade, todo fora invención súa). Pondal viu neste autor a manifestación artística e literaria do celtismo, como un pasado ideal no que os galegos se deben ollar.
- O helenismo e o iberismo: Son elementos presentes na poesía pondaliana. Valores procedentes da cultura helenística, tales como a virilidade e o sentimento heroico, aparecen como referentes dos heroes da poesía de Pondal.
- A defensa da lingua: Pondal amosouse intransixente na defensa da fala, considerándoa un elemento fundamental da nosa identidade. Probablemente, esta sexa unha das razóns que expliquen a cativa produción poética deste autor, tan preocupado polo coidado exquisito das palabras.
- A muller: O tratamento que fai o poeta da figura feminina non é uniforme; a muller aparece tanto coma unha heroína guerreira ou ben coma un ser débil e indefenso.