Desenvolvemento da linguaxe e comprensión oral en Infantil

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Magisterio

Escrito el en gallego con un tamaño de 8 KB

As alteracións na linguaxe

Unha detección precoz destas alteracións pode resolvelas completamente.

Para detectar estas dificultades cómpre aplicar unha diagnose ao comezo do curso. Existen métodos como o TROLL que nos permiten, nuns cinco minutos, avaliar un neno ou nena de xeito bastante aproximado.

Lembra, porén, que cando o alumnado está escolarizado nunha L2, a diagnose das alteracións da linguaxe debe realizarse na L1.

Alteracións que afectan a expresión

  • Trastorno fonético: son alteracións na produción dos fonemas. Os nenos e nenas repiten sempre o mesmo erro.
  • Trastorno fonolóxico: o neno ten problemas de discriminación auditiva.
  • Trastorno do desenvolvemento fonolóxico: o neno atópase nunha etapa evolutiva anterior.
  • Disglosia: algunha anomalía física impide pronunciar correctamente.
  • Disartria: unha lesión no sistema nervioso central altera o control muscular.
  • Taquifemia: xeito precipitado, rápido e confuso de falar.
  • Disfemia: expresión chea de interrupcións na fluidez, tartamudez.
  • Disfonía: alteración da intensidade, ton ou timbre da voz.
  • Mutismo selectivo: o neno non fala en determinadas circunstancias ou perante certas persoas.

Alteracións que afectan a expresión e a comprensión

  • Atraso da linguaxe: afecta a fonoloxía, o léxico e a morfosintaxe.
  • Disfasia: a linguaxe aparece máis tarde do habitual e preséntanse problemas de concordancia.
  • Afasia infantil conxénita: coñecida como audiomudez.

Unha vez diagnosticado o neno ou nena, convén derivalo ao especialista de Audición e Linguaxe.

A conciencia fonolóxica

Como traballar a conciencia fonolóxica?

Cando falamos de conciencia fonolóxica, esta habilidade débese entender desde catro niveis:

  1. Recoñecemento de palabras.
  2. Recoñecemento de sílabas.
  3. Rima.
  4. Recoñecemento dos sons.

Os libros de poemas infantís son o paradigma de publicación que nos permitirá traballar esta habilidade. Comproba que:

  1. A linguaxe do libro teña ritmo.
  2. A rima sexa natural e non forzada.
  3. O libro conteña aliteracións.
  4. As palabras empregadas teñan diversas sílabas e sexan divertidas.

Que técnicas aplicar?

  • Recoñecemento de palabras: unha posibilidade é lerlles un verso ou unha frase e que batan palmas unha vez por cada palabra. Ao final cómpre facer a conta de palabras da frase.
  • Recoñecemento de sílabas: a mesma técnica pódese aplicar ao recoñecemento de sílabas. Tamén podemos segmentar unha palabra en sílabas.
  • Rima: as actividades típicas para traballar a rima consisten en identificala, completala e creala (ao ler un verso, pódese deter a lectura e pedir que os cativos enumeren varias palabras que rimen coa palabra final).
  • Recoñecemento de sons: cando hai aliteracións, pódeselles preguntar que son se repite. Despois pódeselles pedir que repitan o son illadamente e que enumeren palabras que comecen por ese son.

Pautas de traballo da expresión oral na aula

Existen unhas pautas xerais de actuación que cómpre observar. Estas pautas son xerais ao traballo de calquera ámbito docente:

  • a. Situación inicial do alumno: debemos partir dunha análise da situación inicial de cada estudante. Hai métodos, como o TROLL, que en pouco tempo nos axudan a facernos unha idea bastante exacta. Nin todos os grupos teñen o mesmo nivel nin tampouco todos os alumnos.
  • b. Observación e valoración dos progresos: mentres imos desenvolvendo o curso e, máis aínda, cada actividade, convén monitorizar o progreso do alumnado. Evolucionan respecto ao punto de partida?
  • c. Revisión da planificación: a monitorización das actividades serve como control do progreso do alumnado, mais tamén como control da adecuación das actividades formuladas. Se a evolución non é boa, as actividades tampouco.

A comprensión oral en Educación Infantil

A comprensión oral trabállase tendo en conta os seguintes puntos:

  • a. A interpretación: nunha conversa establécese un pacto entre os falantes para que a comprensión sexa viable:
    • Máxima de cantidade: non damos máis información da necesaria, nin tampouco menos.
    • Máxima de calidade: o que dicimos é verdadeiro.
    • Máxima de relevancia: o que dicimos é pertinente.
    • Máxima de modo: falamos con claridade.
  • b. A identificación de unidades léxicas: as palabras que identificamos con máis facilidade na conversa son os substantivos, verbos, adxectivos ou adverbios, é dicir, as palabras con tonicidade na frase. Cando identificamos unha palabra recuperamos todo o relacionado con ela: o significado, as funcións sintácticas... A entoación e o ritmo facilitan a identificación das unidades léxicas.
  • c. As inferencias: cando falamos, as palabras tamén transmiten contidos culturais e coñecemento do mundo:
    • c.1 Esquemas culturais: non explicitamos toda a información; moitos datos necesarios para interpretar a conversa parten de esquemas compartidos.
    • c.2 Guións: moitas accións son, en realidade, unha secuencia máis complexa.
    • c.3 Marcos: céntrase no coñecemento das situacións espaciais.
    • c.4 Esquemas textuais: cando contamos un conto, sabemos que ao inicio presentamos a historia, a parte central desenvolve a acción e prepara o desenlace.
  • d. Intención do falante: cando conversamos, somos quen de atribuírlle unha intención ao emisor. Ademais, débese ter en conta que a esas idades aínda non están afeitos á escoita atenta; convén presentarlles textos que ofrezan facilidades:
  1. Número limitado de personaxes.
  2. Personaxes ou obxectos diferentes entre si.
  3. Relacións espaciais simples e concretas.
  4. Respecto cronolóxico dos acontecementos.

Para potenciar a comprensión, convén traballar inicialmente a partir de diálogos. A mestra ou mestre debe saber empregar correctamente a entoación, facendo constantes referencias a recordos.

Como traballar a comprensión oral

Que técnicas aplicar?

  • Preguntas preditivas: permiten aproveitar os datos dispoñibles para facer inferencias, desenvolvendo a capacidade de reflexión e dedución. Pódense facer preguntas antes de comezar o libro, no medio da lectura ou ao final para comprobar se acertaron as predicións. Convén preguntarlles por que fixeron esa predición.
  • Preguntas abertas: adoitan ir encabezadas por interrogativos como «como» e «por que». Permiten traballar a argumentación e a linguaxe explicativa, facilitando a observación do proceso de pensamento infantil. As preguntas causais obríganlles a ollar as cousas desde a perspectiva dos personaxes.
  • Preguntas de relación neno-libro: trátase de formularlles preguntas persoais a partir do libro. Permite traballar a comprensión e a capacidade para comparar e identificar emocións, feitos, etc.
  • Preguntas de relación entre diversos textos: serven para conectar o conto actual con outros lidos con anterioridade. Potencia a memoria e axuda a desenvolver a capacidade de comparar feitos e emocións.
  • Preguntas de reflexión: serven para reflexionar sobre o que escoitaron, sexa a selección da información máis relevante ou a súa reformulación.