Crise da democracia en Europa: período de entreguerras

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,15 KB

A crise da democracia en Europa no período de entreguerras

A derrota dos imperios centrais e a revolución rusa provocaron a desaparición das monarquías nos estados de Europa central e oriental, onde se implantaron sistemas liberais e democráticos: soberanía nacional, división de poderes, etc. Porén, ao longo do período de entreguerras impuxéronse réximes antidemocráticos e, noutros, o sistema amosaba unha gran debilidade.

Exacerbación do nacionalismo

A Gran Guerra e os tratados de paz acentuaron o nacionalismo. Os factores que contribuíron a isto foron:

  • O orgullo da vitoria en Francia e Bélxica.
  • A humillación polas sancións impostas a Alemaña.
  • O sentimento de engano en Italia e Portugal.
  • As tensións polo trazado de novas fronteiras.

Todo isto levou a considerar a patria como o máis sagrado e a desprezar os inimigos exteriores e os sistemas parlamentarios.

Crecemento do militarismo

O papel do exército para reprimir as protestas populares e os intentos revolucionarios de esquerdas fixo que tivese unha grande influencia na vida pública. O exército constituía, para moitos, o salvador e a garantía da estabilidade do estado e da sociedade. Nesta situación, moitos mandos militares intentaron golpes de estado.

Descomposición do sistema parlamentario tradicional

Os partidos transformáronse en partidos de masas, dirixidos por un líder e con estratexias electorais encamiñadas á captación do voto. Formáronse alianzas e coalicións de moi variado signo:

  • De centro dereita: gobernos de coalición entre conservadores e liberais (Gran Bretaña, 1918) ou de conservadores e radicais (Francia, 1919).
  • De centro esquerda: coalición de Weimar (católicos, liberais e socialdemócratas) en Alemaña en 1918; cártel de esquerdas (radicais e socialistas) en Francia en 1925.
  • De unidade nacional: coa participación de conservadores, liberais e socialistas (Gran Bretaña, 1931).
  • De esquerdas: as frontes populares (radicais, socialistas e comunistas) en Francia e España en 1936.

Aparición de novas forzas políticas

No período de entreguerras apareceron as forzas políticas comunistas e fascistas. Nos anos 20 fundáronse os principais partidos comunistas, que desenvolveron unha política fortemente revolucionaria. O medo á revolución social e o auxe do nacionalismo favoreceron a aparición dos grupos e partidos fascistas. Os antisocialistas e os comunistas empregaron a violencia para someter os seus contrarios.

Crises económicas e incremento das tensións sociais

A crise da reconversión posbélica de 1921, o crecemento dos anos 20, o crack da bolsa en 1929 e a depresión dos anos 30 favoreceron as dificultades económicas, que orixinaron un forte aumento do desemprego, o empeoramento das condicións de vida dos traballadores e o incremento da tensión social. As folgas, as ocupacións de terras e fábricas, os enfrontamentos nas rúas e os intentos revolucionarios favoreceron as solucións autoritarias e fascistas.

Entradas relacionadas: