Construción do Estado Liberal en España: Isabel II e a Restauración

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,27 KB

Construción do Estado Liberal (Século XIX)

Co reinado de Isabel II instaurouse en España unha monarquía liberal caracterizada por:

  • Existencia dunha Constitución escrita. Ó longo deste reinado promulgáronse varias constitucións, unhas progresistas e outras moderadas, dependendo do partido que estivese no Goberno.
  • Convivencia de dous partidos políticos liberais, que apoiaban o sistema político, aínda que presentaban diferenzas ideolóxicas.

A monarquía liberal isabelina tivo que facer fronte a dificultades que marcaron o período histórico e contribuíron finalmente ó destronamento e exilio da raíña:

  • Crecente intervención do exército na política, xa fose como membros do Goberno ou levando a cabo pronunciamentos.
  • Aparición de novos grupos políticos como os demócratas e os republicanos, ambos os dous partidarios do sufraxio universal.
  • Guerras Carlistas.
  • Descontento da poboación ante a farsa electoral, xa que as eleccións eran manipuladas polo Goberno e os caciques.

A Restauración Monárquica

Coa chegada a España de Afonso XII iníciase o período coñecido como a Restauración. Cánovas del Castillo foi o artífice do novo réxime, que se baseaba nos seguintes piares:

  • Implantación dunha monarquía parlamentaria hereditaria.
  • Establecemento dunhas Cortes compostas polo Congreso dos Deputados e o Senado.
  • Promulgación da Constitución de 1876, de talante máis conservador ca a anterior: sufraxio censatario, soberanía compartida entre as Cortes e o rei, colaboración entre os poderes lexislativo e executivo, e declaración de dereitos e liberdades cidadáns máis restrinxida.
  • Bipartidismo. Convivencia de dous partidos: o Conservador, herdeiro dos moderados e unionistas, liderado por Cánovas del Castillo, e o Liberal, herdeiro dos progresistas, liderado por Sagasta. Os dous partidos puxéronse de acordo para alternar no poder falseando as eleccións.

As Rexencias

Cando morreu Fernando VII, a futura raíña Isabel II era menor de idade. A súa nai, María Cristina, foi nomeada rexente e tivo que enfrontarse á Primeira Guerra Carlista no País Vasco e Navarra, que concluíu co Convenio de Vergara (1839). Por este convenio, os liberais comprometéronse a respectar os foros vascos e navarros. Durante a rexencia, estando no Goberno o partido progresista, produciuse a desamortización dos bens da Igrexa (1837), obra do ministro Mendizábal, que provocou a creación de grandes latifundios. Os enfrontamentos entre moderados e progresistas desembocaron nun pronunciamento progresista que deu lugar á promulgación da Constitución de 1837. A rexente abandonou o país.

Foi nomeado rexente o xeneral Espartero, de ideas progresistas, pero que gobernou de maneira autoritaria, ata que un levantamento militar moderado proclamou a maioría de idade de Isabel II con 13 anos.

O Reinado de Isabel II

Década Moderada (1844-1854)

Dominada polo xeneral Narváez, líder do partido moderado. Nesta etapa promulgouse a Constitución de 1845, que ampliou os poderes da monarquía, restablecéronse as relacións coa Santa Sé (interrompidas dende a desamortización) e levouse a cabo unha reforma da Facenda baseada nun novo sistema fiscal.

Bienio Progresista (1854-1856)

Liderado por Espartero. Neste período redactouse unha nova Constitución (1856) que non chegou a promulgarse e produciuse outra desamortización, levada a cabo polo ministro Madoz, que afectou os bens dos concellos.

Alternancia no poder de Moderados e Unión Liberal (1856-1868)

A Unión Liberal, partido liderado por O'Donnell, estaba formado polos moderados de ideas avanzadas e os progresistas menos radicais. Durante este período produciuse unha grande expansión económica seguida dunha crise. A oposición ó réxime aumentou e diversas forzas políticas asinaron o Pacto de Ostende para derrocar a Isabel II mediante un pronunciamento. A raíña marchou ó exilio e comezou o Sexenio Revolucionario.

Entradas relacionadas: