Conceptos de Sociolingüística e Historia da Literatura Galega: Vangardas e Autores Clave
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 10,22 KB
Conceptos fundamentais de sociolingüística
- Sociolingüística: Disciplina ou rama da lingüística e da socioloxía que estuda as relacións entre as variedades ou linguas e os grupos sociais.
- Bilingüismo: Capacidade de falar, entender, ler ou escribir dúas linguas dunha persoa ou sociedade determinada.
- Diglosia: Situación na que os falantes empregan dúas linguas en función da situación ou do grupo social ao que pertenzan nunha sociedade determinada.
- Adscricional: Distintos grupos sociais nunha mesma sociedade falan linguas ou variedades distintas.
- Funcional: Todos os membros dunha comunidade falan dúas linguas ou variedades que usan segundo os contextos. (Adóitase chamar lingua A á de usos formais e/ou grupos predominantes e lingua B á de usos informais e/ou grupos de menor prestixio).
- Conflito lingüístico: Situación na que, nun contexto de diglosia, a lingua A despraza a lingua B nos seus ámbitos de uso (sexan funcionais ou adscricionais) e/ou a lingua B recupera ou inicia o uso en ámbitos de uso formais/escritos ou en contornas nas que non estaba presente.
- Lingua minoritaria: Lingua con menos falantes que outra nunha sociedade determinada.
- Lingua minorizada/dominada vs. dominante: Lingua que, por cuestións sociais, económicas, políticas ou históricas, non ten usos formais, está restrinxida a un ámbito coloquial ou a grupos sociais desfavorecidos.
- Competencia: Capacidade de falar, entender, ler ou escribir unha lingua oral ou escrita (activa ou pasiva).
- Uso: O grao en que unha lingua se emprega (oral, escrito, activo, pasivo).
- Actitudes: Posicionamentos ao respecto do uso ou do prestixio das linguas.
- Normalización: Proceso mediante o que unha lingua B pasa a ter usos, funcións ou ámbitos que non tivera ou que perdera.
- Normativización: Proceso de fixación ou creación da normativa estándar dunha lingua.
Definición detallada de Normalización
A normalización é o proceso mediante o cal unha lingua minorizada (ou B), cuxos usos formais e escritos foron restrinxidos por cuestións sociopolíticas ou económicas, ou que nunca os tivera, acada ou recupera os ámbitos que lle foran vedados ou que non desenvolvera.
Psicoloxía social da linguaxe
- Estereotipo: Proceso cognitivo mediante o cal simplificamos a realidade en relación con colectivos, asignándolles características en función da nosa percepción e experiencia. Un estereotipo pode producirse tamén como consecuencia dun proceso de aprendizaxe externo (vía familiar, social ou mediática).
- Prexuízo: É un proceso mediante o que asignamos as características do estereotipo dun colectivo a cada un dos individuos do mesmo.
Vangardas na literatura
O movemento de vangarda é unha corrente artística que procura a constante experimentación coas técnicas de creación, a consideración da obra artística como entidade independente e a deshumanización da arte. Case todos os movementos de vangarda empezan cun manifesto que sintetiza as súas características e obxectivos.
Os principais movementos de vangarda
- O Cubismo: Iniciado por Picasso en 1907 coa obra Les demoiselles d'Avignon, supuxo un paso máis na evolución dos impresionistas e post-impresionistas ao descompoñer os obxectos en distintas perspectivas, ou incluso rematando coa arte figurativa totalmente. En literatura destaca Apollinaire, que experimentou co caligrama.
- O Futurismo: Iniciado por Marinetti, ensalza a modernidade, a industria, a máquina, a guerra e a velocidade. Na arte plástica pretende plasmar o movemento e a velocidade experimentando con diversas técnicas. Influíu na propaganda do fascismo de Mussolini.
- O Surrealismo: Movemento que se basea na teoría da psicanálise de Sigmund Freud e emprega as súas técnicas de afloramento do subconsciente como método de creación, como a interpretación dos soños, a escritura automática ou a hipnose. Destacaron Salvador Dalí na arte plástica e André Breton na literaria.
- O Dadaísmo: Iniciado polo romanés Tristan Tzara, é o movemento máis provocador. Reivindica a arte do absurdo, a ruptura total con todo o anterior e emprega técnicas aleatorias ou carentes de significado, ou simplemente inútiles.
- O Creacionismo: Movemento iniciado polo poeta chileno Vicente Huidobro. Preténdese levar ao extremo a consideración da obra artística como realidade independente e do creador como un deus. Na poesía emprega a técnica da sucesión de imaxes e o léxico carente de significado.
A influencia das vangardas na literatura galega
Na literatura galega non temos propiamente obras de vangarda pura, pero si obras con influencias vangardistas. Reciben estas influencias autores como Amado Carballo (creacionismo), Álvaro Cunqueiro (surrealismo) e Manuel Antonio (fundamentalmente creacionismo, pero con trazos de todas elas).
Neotrobadorismo
Considérase tamén movemento vangardista pola súa renovación formal e esteticismo, aínda que consiste na recuperación dos temas e formas da lírica medieval (cantigas de amigo e de amor). Empregan o seu léxico (dona, dama, amigo...) e as súas técnicas (refrán, leixa-pren...). Destacan Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama Riveira e Fermín Bouza-Brey con Nao senlleira.
Hilozoísmo ou Imaxinismo
Ten como principal representante a Luís Amado Carballo, cuxa obra Proel consiste en poemas paisaxísticos cunha natureza humanizada ou personificada. O nome desta liña vén determinado pola sucesión de imaxes coas que describe as paisaxes, sendo esta a influencia vangardista fundamental procedente do creacionismo.
O Surrealismo en Cunqueiro
Outra importante influencia é a acollida tímida do surrealismo por parte de Álvaro Cunqueiro. Nas súas obras Poemas do si e non ou Herba aquí e acolá atópanse versos que presentan imaxes surrealistas, aínda que sen chegar a realizar obras puramente surrealistas.
Manuel Antonio e o manifesto 'Máis alá'
A súa biografía é fundamental para entender a ruptura literaria. No manifesto Máis alá critica os "vellos", é dicir, aqueles que escriben como os "antergos" do século XIX e que teñen a poesía galega estancada no paisaxismo, na poesía social ou no celtismo. Propón a necesidade dunha renovación incorporando novas técnicas vangardistas, aínda que tamén critica a vangarda pura pola súa pretensión de ruptura total coa realidade.
Na súa obra De catro a catro, composta por 19 poemas, transmítense situacións e imaxes relacionadas cunha viaxe, símbolo da propia vida e da existencia humana. O ser humano está só, e o barco, o mar ou o vento son chaves fundamentais. A influencia vangardista maniféstase na sucesión de imaxes (creacionismo), imaxes surrealistas e disposicións cubistas (espazos en branco ou caligramas).
Xeración do 36
- Aquilino Iglesia Alvariño: Autor de Cómaros verdes (1947). Destaca polo seu paisaxismo, natureza humanizada e neovirxilianismo. Alterna a renovación formal coa poesía tradicional e a linguaxe culta coa popularizante.
- Díaz Castro: Autor de Nimbos. A súa é unha poesía intimista e existencial, con compromiso cos que sofren e algunha peza de poesía social como "Penélope".
- María Mariño: Voz fundamental desta etapa.
- Celso Emilio Ferreiro:
- Poesía social: Longa noite de pedra (influencia marxista, antiimperialista e pacifista) e Viaxe ao país dos ananos (decepción pola emigración en Caracas).
- Poesía intimista: Onde o mundo se chama Celanova (a vila como paraíso perdido) e poemas de amor a Moraima.
- Forma: Linguaxe culta con termos técnicos e filosóficos, alternando co popular e o uso do fonosimbolismo.
Promoción de Enlace
Autores nados nos anos 20 que non coñeceron directamente aos homes da Xeración Nós. Caracterízanse pola angustia existencial, a poesía relixiosa, a poesía social simbólica e a poesía erótica (esta última en Luz Pozo). Autores principais: Cuña Novás, Antón Tovar e Luz Pozo.
Xeración das Festas Minervais
Características comúns
- Rebelión contra a estratexia de resistencia cultural previa.
- Ideoloxía marxista e nacionalista.
- Estética da Escola da Tebra.
- Preocupación formal, experimentación e predominio da linguaxe culta.
- Cultivo da poesía social, paisaxística, culturalista e neovirxilianista.
Xosé Luís Méndez Ferrín
Autor polifacético que cultiva a Escola da Tebra, a poesía culturalista, intimista e social. Obras destacadas:
- Voce na néboa.
- Con pólvora e magnolias.
- Poesía enteira de Heriberto Bens (uso de heterónimo para poesía social de versificación tradicional).
- Contra maquieiro (2005): Reivindicación da cosmovisión marxista con referencias culturais.
Outros autores destacados
- Uxío Novoneyra: Poesía paisaxística e neovirxilianista (Os eidos).
- Manuel María: Poesía social e paisaxística (Terra chá).
- Outros nomes: Bernardino Graña, Antón Avilés de Taramancos, Xohana Torres, Franco Grande, Alexandre Cribeiro.