Conceptos Fundamentais de Urbanismo e Demografía en Galicia
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en
español con un tamaño de 4,31 KB
Conceptos de Urbanismo e Ordenación do Territorio
Área Metropolitana
A área metropolitana é unha rexión urbana formada por unha cidade central, que dá nome á área, e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e de servizos, todo iso organizado dun xeito centralizado. A cidade central concentra importantes funcións que a converten no centro organizador dunha área que abarque varios municipios contiguos onde se sitúan as cidades satélites. En España, as áreas metropolitanas non teñen unha delimitación oficial; en xeral, considérase que a cidade central debe ter como mínimo 50.000 habitantes e o conxunto, polo menos, 20.000.
PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal)
O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) é o instrumento de planeamento urbanístico básico a nivel local en Galicia. É o instrumento polo que se planifica unha ordenación integral do territorio ou de diversos municipios. Ten por obxecto o establecemento da ordenación do territorio planeado, definindo o modelo de utilización do solo a longo prazo.
Xentrificación
A xentrificación é un proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior poder adquisitivo. Este fenómeno inflúe na renovación e remodelación do barrio e das edificacións. As casas rehabilítanse e os servizos e as infraestruturas mellóranse, a costa do desprazamento da poboación orixinaria (clases baixas que non poden pagar a subida dos alugueiros).
Cidade Difusa
A cidade difusa é un modelo de desenvolvemento urbano que se caracteriza por unha expansión do tecido urbano, con menor densidade de edificación, ao longo das áreas metropolitanas e contornas rururbanas. Na superficie configúranse áreas segregadas, especializadas en:
- Residencias
- Comercio
- Industria
Indicadores Demográficos e Sociais
Poboación Activa
A poboación activa é o conxunto de persoas de 16 anos ou máis que subministran man de obra para a produción de bens e servizos, ou están dispoñibles e fan xestións para incorporarse a esa produción. Comprende:
- Poboación activa ocupada: Persoas que están traballando a cambio dunha retribución.
- Poboación activa desocupada: Persoas que están buscando emprego porque están no paro ou porque buscan o seu primeiro emprego.
Nota: Non se inclúen nin amas de casa, nin xubilados, nin rendistas, que son considerados poboación inactiva.
Esperanza de Vida
A esperanza de vida é o cálculo dos anos que un individuo pode chegar a vivir dende que nace, ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade sexan constantes. En España, é maior a das mulleres (86 anos) ca a dos homes (81 anos), e prevese que seguirá aumentando. Para o seu cálculo, relaciónase o número de anos vividos por todos os membros dunha poboación co número de individuos que a compoñen.
Crecemento Vexetativo
O crecemento vexetativo é a variación da poboación dun lugar debido exclusivamente a factores naturais (natalidade e mortalidade). O cálculo realízase mediante a resta dos nacementos menos as defuncións:
- Se o número de nados é superior ao de falecidos, o crecemento é positivo (a poboación aumenta).
- Cando as defuncións superan aos nacementos, o crecemento é negativo (a poboación diminúe).
Padrón Municipal
O padrón municipal é o rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Recolle datos demográficos, económicos e sociais. O padrón actualízase cada 1 de xaneiro. É un rexistro dinámico que se modifica constantemente cos nacementos e defuncións, e coas altas e baixas de residencia. É un dato fundamental para os concellos, xa que reciben máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan rexistrada.