Conceptos Fundamentais da Linguaxe Pictórica e Técnicas de Arte
Enviado por Chuletator online y clasificado en Plástica y Educación Artística
Escrito el en
español con un tamaño de 2,64 KB
Conceptos Fundamentais da Linguaxe Pictórica
Luz, Cor e Técnica
Claroscuro – Arte de dispor nunha pintura os contrastes lumínicos, de luces e sombras. Aplícase concretamente ao modo de destacar as figuras iluminadas sobre un fondo escuro. Adquire unha grande relevancia no Tenebrismo.
Cor complementaria – Cada cor secundaria que contrasta plasticamente coa primaria que non entra na súa composición: azul-laranxa, vermello-verde, amarelo-violeta. Ao mesturarse dan branco ou gris neutro.
Esfumado/sfumato – Pintura de contornos desdebuxados ao óleo. Consiste en rebaixar os tons dunha composición para lograr coa suavidade do trazado certo aspecto de vaguidade ou distancia. Utilizouno por primeira vez Leonardo da Vinci.
Xéneros Pictóricos
Cadro de Historia – É un xénero pictórico que se inspira en episodios da historia de diferentes épocas. A pintura histórica considerouse durante moito tempo como o xénero pictórico máis importante porque propoñía exemplos de personaxes dignos de admiración.
Cadro de xénero – Obra pictórica na que se representan temas e persoas en escenas da vida cotiá. Representa escenas da vida diaria: mercados, interiores, festas, tabernas. Tamén se coñece co nome de pintura costumista.
Natureza morta/bodegón – Pintura que representa unha composición a base de seres inanimados. O termo procede do século XVIII, aínda que o xénero é máis antigo.
Retrato – Reprodución da efixie dunha persoa.
A Representación do Espazo: Perspectivas
Perspectiva lineal – Recurso técnico, pictórico, para crear profundidade sobre unha superficie plana a base dunha serie de liñas que converxen nun punto, representando os obxectos e as figuras máis pequenas a medida que se presentan afastadas do espectador.
Perspectiva xerárquica – Recurso plástico no cal as figuras máis importantes socialmente son de maior tamaño que as outras figuras que as acompañan.
Perspectiva aérea – Efecto de profundidade que se consegue nun plano, representando a atmosfera que envolve as cousas. O efecto conseguiríase debuxando as figuras e obxectos do fondo máis esvaidamente de tal xeito que produzan impresión de afastamento. Non é tan ríxida como a lineal, xa que o afastamento conséguese coa cor e coa imprecisión dos contornos. Considérase un mestre Velázquez.