Claves da Literatura Galega: Autores, Xeracións e Conceptos Lingüísticos
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,77 KB
Personaxes e Narrativa
Pedro está farto de sufrir as humillacións ás que o somete a señora Filomena. Despois dun soño no que se lle aparece o demo, decide asasinala. Aséstalle varias puñaladas e entrégase á policía. Mais logo compróbase que a sogra está en perfecto estado, porque Pedro a agredira cun pequeno coitelo de sobremesa. A señora Filomena rescata a Pedro do seu encerro na comisaría. Porén, a pesar do ridículo feito, Pedro consegue gañar o respecto da muller, que o ve como alguén capaz de realizar un acto valente e propio dun home.
Rañolas: Descrición física e psicolóxica
Eivado pero forte, decidido e impulsivo. Un rapaz corpulento, de presenza dominante, que contrasta con Pedriño. A súa personalidade é extrovertida e rebelde. Actúa por instinto, sen pensar moito nas consecuencias. É irreverente coas normas sociais, cos pais, coa escola e coa Igrexa. Ten unha visión crítica da sociedade. A súa liberdade interior choca constantemente coa realidade exterior, o que o leva a conflitos constantes. O seu comportamento e opinión non se adaptan á sociedade; cuestiona todo. Admira a liberdade, despreza a hipocrisía e a submisión. Fronte a Pedriño, el busca o seu propio camiño, mesmo que iso implique o sufrimento. É o líder natural, pero tamén traxicamente consciente da súa exclusión.
O simbolismo do lapis e os personaxes de 'O lapis do carpinteiro'
O lapis pertencera a un preso, pintor de profesión, que pintaba con el aos seus compañeiros de cela como se fosen os personaxes do Pórtico da Gloria. Posteriormente, acaba en mans de Herbal, garda do cárcere onde está preso o doutor Da Barca. Este lapis actúa como unha especie de voz da conciencia, a voz do “ben”, que se opón á voz do mal, a do “home de ferro”, que fan que o comportamento de Herbal se mova entre o ben e o mal.
- Daniel Da Barca: Médico moi vocacional. É unha persoa moi admirada. A súa palabra sempre é moi respectada e el sempre quere o ben para todo o mundo. É moi animoso e con moita fortaleza mental. Tamén é capaz de poñerse no lugar dos demais.
- Herbal: Garda civil que detén ao doutor Da Barca e que se caracteriza por estar obsesionado pola súa parella, Marisa. Sempre está buscando a maneira en que ela se fixe nel. Na súa loucura, a Herbal aparéceselle o pintor, que o axuda a facer o ben, pero tamén o “Home de Ferro”, que provoca que se porte mal.
A poesía das Irmandades da Fala
A poesía das Irmandades da Fala caracterízase por continuar as liñas do Rexurdimento, destacando o costumismo ruralista, o historicismo celtista, o intimismo sentimental e a reivindicación cívica. Ademais, estivo influída polo movemento agrarista, que defendía os dereitos do campesiñado.
Autores destacados
Noriega Varela foi un dos autores máis importantes desta etapa. A súa obra principal é Do ermo, na que destacan dúas liñas fundamentais:
- Costumismo ruralista: descrición de paisaxes, costumes e escenas da vida campesiña.
- Lirismo da natureza: exaltación dos elementos máis humildes da natureza desde unha visión simple e espiritual.
Ramón Cabanillas é considerado o principal poeta das Irmandades da Fala e o máis innovador do grupo. Na súa obra poética destacan tres grandes liñas:
- Poesía costumista: descrición de paisaxes, costumes e personaxes da aldea.
- Poesía intimista: temática amorosa e evocación de vivencias pasadas, cunha clara influencia de Rosalía.
- Poesía cívica: denuncia das inxustizas sociais, crítica do caciquismo, defensa do campesiñado e reivindicación da identidade nacional galega.
Pola súa renovación formal e temática, especialmente a través da poesía cívica, Ramón Cabanillas converteuse no poeta máis representativo das Irmandades da Fala.
A literatura galega entre 1936 e 1975: Xeración das Festas Minervais
A xeración das Festas Minervais está formada por autores nacidos entre 1930 e 1940, con formación universitaria e influídos polas correntes europeas. Desenvolven a súa obra en pleno franquismo, polo que escriben unha poesía comprometida, que combina o socialrealismo e o existencialismo, e recuperan o nacionalismo de esquerdas, moitas veces a través do grupo Brais Pinto.
- Uxío Novoneyra: destaca pola poesía da natureza, especialmente no Courel, cunha visión transcendente e ás veces mística. Ademais, inclúe unha vertente social de defensa de Galicia e postura antibelicista e antiimperialista.
- Méndez Ferrín: é unha figura clave do grupo Brais Pinto. Parte da “Escola da Tebra” e evoluciona cara a unha poesía comprometida e innovadora. En Con pólvora e magnolias combina denuncia social e introspección persoal, con renovación formal e referencias culturais.
- Manuel María: comeza cunha poesía intimista e existencialista e logo evoluciona cara ao compromiso social e nacional, combinando paisaxe, defensa das clases populares e crítica do sistema, cunha linguaxe sinxela.
- Bernardino Graña: tamén parte da “Escola da Tebra” e evoluciona cara á poesía social e intimista, destacando o tema do mar e a reflexión sobre o amor e a alienación.
En resumo, é unha xeración que moderniza a poesía galega ao unir compromiso político, preocupación existencial e novas influencias europeas.
Conceptos lingüísticos fundamentais
- Dialectalismo: Uso de trazos propios dun dialecto concreto dentro dunha lingua. Reflicte a variedade local e non busca unificar nin superar diferenzas.
- Interdialectalismo: Mestura de trazos de distintos dialectos dunha mesma lingua. Prodúcese cando se combinan formas de varias zonas sen seguir unha norma fixa.
- Supradialectalismo: Uso dunha variedade común e supradialectal que intenta superar as diferenzas entre dialectos. Busca unha forma máis xeral e compartida da lingua.
- Normalización lingüística: Proceso polo que unha lingua amplía o seu uso en todos os ámbitos sociais (ensino, medios, administración, etc.). Busca que a lingua se use con normalidade na vida diaria.
- Normativización lingüística: Proceso de fixación das normas dunha lingua (ortografía, gramática e léxico). Ten como obxectivo establecer unha variedade estándar e unificada.