Célula: Unidade Básica da Vida

Enviado por Nuria y clasificado en Biología

Escrito el en gallego con un tamaño de 10,25 KB

A Célula: Unidade Básica da Vida

A teoría celular establece que a célula é a unidade estrutural, funcional e xenética dos seres vivos e que unha célula procede doutra xa existente.

Niveis de Organización da Materia

A materia ten distintos niveis de organización:

  • Niveis abióticos:
    • Partículas subatómicas (e-, p+ e n.)
    • Átomos (de osíxeno)
    • Moléculas (glicosa)
    • Macromoléculas (amidón)
    • Orgánulos (cloroplastos)
  • Niveis bióticos:
    • Células (c. vexetal)
    • Tecidos (parenquimático)
    • Órgano (folla)
    • Aparellos e sistemas (flor)
    • Poboación (aciñeiral)
    • Comunidade (aciñeiras e resto de s.v)
    • Ecosistema (bosque mediterráneo)
    • Ecosfera (conxunto de ecosistemas da Terra)

Células Procariotas

Non teñen núcleo, o seu material xenético encóntrase distribuído polo citoplasma. Exemplo: as bacterias. Constan de:

  • Parede celular: Envoltura ríxida e forte formada por polisacáridos e proteínas que lle dan forma á bacteria.
  • Membrana plasmática: Sitúase por dentro da parede celular e controla a entrada e a saída de substancias.
  • Cromosoma bacteriano: Está formado por unha soa molécula circular, o ADN que contén toda a información xenética da célula. Localízase no nucleoide.
  • Ribosomas: Pequenos orgánulos nos que se produce a síntese de proteínas.
  • Flaxelos: Prolongacións do citoplasma que interveñen no desprazamento.
  • Fimbrias: Estruturas curtas e numerosas que fixan a bacteria ao substrato.

Células Eucariotas

Teñen un núcleo que encerra o material xenético e numerosos orgánulos celulares. Exemplo: as algas. Constan de:

  • Núcleo: Contén o material xenético no seu interior e está separado do resto da célula pola envoltura nuclear que permite o intercambio de substancias co resto da célula.
  • Citoplasma: É a parte da célula comprendida entre a membrana plasmática e a nuclear. No seu interior están os orgánulos celulares.
  • Centrosoma: Rexión próxima ao núcleo que controla o movemento das fibras do endoesqueleto e intervén na división celular.
  • Orgánulos celulares: Son elementos celulares que se encargan de diferentes funcións:
    • Retículo endoplasmático: Formado por un conxunto de sacos aplanados e condutos tubulares. Se leva ribosomas é rugoso (sintetiza proteínas) e se non é liso (sintetiza lípidos).
    • Aparello de Golgi: Formado por conxuntos de cisternas aplanadas e amoreadas. Nelas acumúlanse substancias procedentes do retículo endoplasmático e segrégase cara o exterior mediante pequenas vesículas da súa periferia.
    • Mitocondrias: A súa forma é esférica ou alongada cunha dobre membrana. Nelas prodúcese a respiración celular.
    • Lisosomas: Son vesículas membranosas procedentes do aparello de Golgi que transforman moléculas complexas noutras máis simples.
    • Vacúolos: Son vesículas membranosas e no seu interior acumúlanse diferentes produtos, como a auga.

Diferenzas entre Células Animais e Vexetais

As células eucariotas poden ser animais ou vexetais e entre elas existen estas diferenzas: As células animais presentan no centrosoma dous pequenos cilindros denominados centríolos constituídos por túbulos proteicos. As células vexetais teñen unha parede celular que rodea externamente a membrana plasmática. A súa función é protexer a célula e manter a súa forma regular. Presentan unhas canles chamadas plasmodesmos que conectan unhas células con outras.

O Núcleo

É a estrutura máis voluminosa das células eucariotas. Nel encóntrase o ADN celular, que contén a información xenética. Consta de:

  • Envoltura nuclear: Formada por dobre membrana separadas por un espazo intermembranoso.
  • Nucleoplasma: É o medio interno acuoso onde se encontran os demais compoñentes nucleares.
  • Nucléolo: É un corpúsculo esférico e carente de membrana nuclear que pode verse cando a célula non está en división.
  • Cromatina: Está constituída por filamentos de ADN en diferentes graos de condensación, asociados a proteínas e dispersos polo nucleoplasma.

Os Cromosomas

Son estruturas con forma filamentosa que aparecen durante a división celular. Reparten a información xenética contida no ADN da célula nai ás células fillas. Cada cromosoma está formado por dúas cromátides que se unen nun punto denominado centrómero. Cada especie pode ter un número característico de cromosomas. Pode haber:

  • Organismos haploides: Posúen un só xogo de cromosomas nas súas células.
  • Organismos diploides: Posúen un número par de cromosomas nas súas células somáticas (non reprodutoras). Exemplo: n=23 e 2n=46.

O cariotipo é o conxunto de cromosomas dunha especie.

  • Heterocromosomas: Os dos homes son XY e os das mulleres XX. Interveñen na determinación do sexo.
  • Autosomas: Constitúen o resto de cromosomas e son iguais nos dous sexos.

O Ciclo Celular

É a secuencia de modificacións que sofre unha célula desde a súa formación ata que se divide orixinando dúas células fillas. Ten dúas fases:

  • Interfase (fase de non división): É a inicial, de longa duración na que se pode observar o núcleo celular. No final desta fase prodúcese a duplicación do ADN necesaria para que tras a división cada célula filla poida recibir a mesma cantidade de ADN que tiña a célula nai.
  • Fase M (fase de división): É a fase final, de curta duración na que o núcleo desaparece e os cromosomas se fan visibles. Comprende a división do núcleo (mitose) e a división do citoplasma (citocinese).

A Mitose

A mitose divídese en catro fases:

  • Profase: A cromatina condénsase e forma os cromosomas. O nucléolo e a membrana nuclear desaparecen e comeza a constituírse o fuso cromático.
  • Metafase: Os cromosomas, totalmente condensados, dispóñense no centro da célula, formando a placa ecuatorial e adhírese polo centrómero ás fibras do fuso acromático.
  • Anafase: As cromátides irmás de cada cromosoma sepáranse e diríxense a polos opostos da célula arrastrada polos filamentos do fuso acromático.
  • Telofase: Reaparece o nucléolo e comeza a formarse a membrana nuclear. Desaparece o fuso acromático e os cromosomas descondénsanse para constituír de novo a cromatina.

A Citocinese

A citocinese ocorre nas células animais e nas células vexetais:

  • Nas células animais realízase por estrangulación do citoplasma a nivel do ecuador da célula.
  • Nas células vexetais fórmase entre as células fillas un tabique de separación denominado fragmoplasto.

A Meiose

É un tipo de división reducional, xa que a partir dunha célula nai (2n) fórmanse células fillas haploides (n) é dicir, coa metade do contido de ADN ca a célula proxenitora. Durante este proceso prodúcense dúas divisións nucleares sucesivas, polo que ao final se forman catro células fillas haploides, xeneticamente diferentes entre si e distintas á célula nai.

  • Interfase: Antes de iniciarse a primeira división meiórica hai un período de interfase no que se duplica o ADN.
  • Profase I: Os cromosomas condénsanse ata facerse visibles, os homólogos aparéanse e intercambian fragmentos de ADN, o que se coñece como sobrecruzamento e asegura que as células fillas sexan xeneticamente distintas da célula nai.
  • Metafase I: Os cromosomas homólogos dispóñense por parellas no ecuador da célula.
  • Anafase I: Arrastrados polos filamentos do fuso, os cromosomas homólogos diríxense a polos opostos da célula.
  • Telofase I e citocinese: Fórmanse dúas células fillas haploides (n) coa metade de cromosomas ca célula nai.
  • Profase II: Sen pasar por un período de interfase, vólvese formar o fuso e os cromosomas, constituídos por dúas cromátides móvense cara a placa ecuatorial.
  • Metafase II: Os cromosomas dispóñense no ecuador da célula.
  • Anafase II: Sepáranse as cromátides e cada unha diríxese cara a un extremo da célula.
  • Telofase II e citocinese: Obtéñense catro células fillas haploides (n) distintas, cada unha coa metade de cromosomas ca a célula nai.

Na meiose I sepáranse cromosomas homólogos e na meiose II sepáranse cromátides irmás.

Diferenzas entre Mitose e Meiose

Mitose

  • Prodúcese nas células somáticas.
  • É un proceso curto.
  • Non precisa que os cromosomas estean emparellados, polo que pode ocorrer tanto en células haploides como diploides.
  • O núcleo divídese unha soa vez.
  • Non ocorre sobrecruzamento.
  • Durante a anafase sepáranse cromátides irmás.
  • Orixínanse 2 células fillas idénticas entre si e cos mesmos cromosomas ca a nai.

Meiose

  • Só se produce nas células nai dos gametos.
  • É un proceso longo.
  • Só se producen en células cun número diploide de cromosomas xa que precisa que estes estean emparellados por homólogos.
  • O núcleo divídese dúas veces.
  • Durante a primeira división meiótica prodúcese o sobrecruzamento entre cromosomas homólogos.
  • Durante a primeira división meiórica sepáranse pares de cromosomas homólogos. Na segunda división sepáranse cromátides.
  • Orixínanse 4 células fillas xeneticamente distintas coa metade de cromosomas ca a célula nai.

Entradas relacionadas: