Biografía e Traxectoria Literaria de Ramón Cabanillas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,86 KB
Biografía de Ramón Cabanillas
Ramón Cabanillas naceu en Cambados en 1876 e estudou no Seminario de San Martiño Pinario en Compostela (onde entra en contacto coa literatura grecolatina). En 1912 viaxa a Cuba, onde entra en contacto con galeguistas como Fontela Leal ou Basilio Álvarez e publica o seu primeiro libro, No desterro, con prólogo de Basilio Álvarez. Volve a Galicia en 1915, entra en contacto co Rexionalismo e escribe o himno de Acción Gallega. Dous anos despois edítase a súa obra Da terra asoballada. Por petición de Vilar Ponte publica a peza teatral O Mariscal e pola de Enrique Peinador Na noite estrelecida e A rosa de cen follas.
En 1920 ingresa na Real Academia Galega e en 1929 entra a formar parte da Real Academia Española. Xa retirado, pasa tempadas no mosteiro de Samos, onde escribe unha obra co mesmo nome, Samos. Morre en Cambados o 9 de novembro de 1959.
Perfil Político e Ideolóxico
Para entender a obra de Cabanillas hai que analizar o seu perfil político e ideolóxico, no que destacan:
- Rexionalismo e agrarismo: movementos que xorden como consecuencia da crise agraria e da emigración que castigaban Galicia a finais do século XIX. Teñen como obxectivos a unión do agrarismo, o fin do caciquismo, a modernización do campo e a redención dos foros, para conseguir que os labregos se convertesen en propietarios das terras que traballaban. Cabanillas asume o seu papel de escritor ao servizo da nación no momento no que se extingue o Rexionalismo e xorde Solidaridad Gallega, onde converxen republicanos, carlistas e rexionalistas e de onde saen as Asembleas Agrarias de Monforte, cuxo ideario será asumido integramente polo nacionalismo, que en 1916 crea a I Irmandade da Fala.
- Cristianismo e misticismo: especialmente destacados na súa obra Samos, na que o poeta establece unha analoxía entre a relixión católica e o nacionalismo cultural das Irmandades e da Xeración Nós.
- Culturalismo: ao que contribuíron a súa formación académica e as traducións que realizou de autores europeos, así como a súa participación activa na revista Nós e no Seminario de Estudos Galegos (SEG), onde se confería unha grande importancia á historia do país.
Perfil Literario e Cultural
En canto ao seu perfil literario e cultural, Cabanillas realizou unha síntese moi persoal entre diversos elementos da tradición poética (provenientes da literatura clásica grecolatina, da poesía popular, do Romanticismo europeo e do Rexurdimento galego) e outros novos da poesía de fins do século XIX e comezos do XX (dos movementos franceses de finais do XIX —parnasianismo, simbolismo—, do saudosismo portugués ou do Modernismo recolle a renovación da expresión poética). Esta síntese da literatura decimonónica coa contemporánea fan de Cabanillas un poeta total, considerado polas Irmandades como o "poeta nacional" ou "poeta da Raza".
Obra de Ramón Cabanillas
Na súa extensa obra inclúense:
Poesía
Na súa poética influíron nun primeiro momento as ideas agraristas, presentes nos poemas sociais dos seus primeiros libros; logo, coa súa incorporación ás Irmandades da Fala, vai ser o galeguismo e as teses nacionalistas de Risco as que deixen pegada nos seus versos; finalmente, a Guerra Civil suporá unha creba importante na súa andaina literaria. Nesta produción poética imos diferenciar dúas liñas:
- Narrativa: Na noite estrelecida (1926), na cal galeguiza as lendas medievais da materia de Bretaña e adáptaas a unha mensaxe patriótica e cristiá, o que responde á estética do nacionalismo galego das Irmandades da Fala.
- Lírica: constituída polas obras No desterro (1913) e Vento mareiro (1915), libros onde asimila a tradición poética do Rexurdimento, sobre todo de Curros, nos poemas sociais ou cívicos nos que manifesta a ideoloxía do agrarismo con chamamentos á loita e denuncia da miseria dos labregos; Da terra asoballada (1917), evoluciona cara a unha lírica menos combativa e máis didáctica para achegar o galeguismo ao pobo. Veñen despois O bendito San Amaro (de carácter patriótico, onde trata a lenda arredor deste santo), A rosa de cen follas (1927, onde recolle a súa poesía intimista amorosa), Camiños do tempo, Da miña zanfona (1954, con ecos machadianos ao expresar a tristura pola mocidade perdida) e Versos de alleas terras e de tempos idos (1955, onde reúne as súas traducións de textos doutras literaturas). Na posguerra retoma a actividade literaria coa creación dunha poesía máis persoal e intimista, presente no longo poema Samos (1958, onde se mesturan o paisaxismo, o misticismo e a historia para recrear a orixe do mosteiro) e tamén en Poesías ventureiras.
Teatro
A súa obra teatral redúcese a:
- A man da Santiña: obra que logrou elevar o galego en escena á categoría de idioma rico, fermoso e flexible e na que o fidalgo é paradigma de honestidade e amor á terra.
- O Mariscal: obra cume do teatro da época que trata sobre o axustizamento do nobre Pardo de Cela.
Prosa
Cabanillas é eminentemente poeta, pero cultiva tamén a prosa en:
- Prólogo a Antífona da cantiga, a primeira obra editada pola editorial Galaxia en 1951.
- A saudade nos poetas galegos.
- As romaxes de Nosa Señora da Franqueira. Apuntes dun ofrecido (1927).