Aristóteles: Biografía, Metafísica, Física, Ética e Política
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,01 KB
Aristóteles
Nace en Estaxira no 384 a.C., fillo dun dos médicos da corte do rei de Macedonia. Cando tiña 17 anos marchou a Atenas a estudar na Academia de Platón, permanece nela ata o 347 a.C., data na que morre Platón. Trala morte deste, Aristóteles realiza unha serie de viaxes, unha viaxe a Xonia onde funda unha escola en Asos e outra máis tarde en Mitilene na illa Lesbos. A segunda etapa da súa vida caracterízase porque o que escribe non é para o público, senón para o uso interno na escola. A terceira etapa da súa vida vai desde 335 a.C. ata o 322 a.C. Nesta terceira etapa funda no 334 a.C. a súa propia escola en Atenas, a cal dirixiu ata o 323 a.C., ano no que se lle acusa de favorecer a hexemonía macedónica sobre os pobos gregos e abandona Atenas. O ano seguinte morre.
Metafísica
Aristóteles diferencia dúas filosofías: a primeira ocuparíase do ser en canto que ser, mentres que a segunda ocuparíase do aspecto natural dos seres. A primeira sería unha ciencia máis xeral que se ocupa do ser. Xa nos tratados de lóxica en Categorías, Aristóteles di que hai un modo fundamental do ser que el chamou substancia. Para Aristóteles, o ser é a substancia entendida como individuo particular concreto. Este distingue entre dúas substancias, sendo a primeira o ser individual e a segunda a esencia ou a especie. Aristóteles explica isto mediante a teoría hilemórfica, segundo a cal todos os seres son compostos de materia e forma. A forma é a substancia 2, a materia é o principio de individuación e a substancia 2 non existe senón existe a substancia 1.
Física aristotélica
Aristóteles define a natureza como principio intrínseco de movemento e é o que caracteriza aos seres naturais por oposición aos artificiais. A explicación científica dos seres naturais queda recollida na teoría das catro causas. Segundo Aristóteles, a explicación científica require sempre a explicación das causas material, formal, eficiente e final. En relación aos seres naturais, as catro causas redúcense a dúas: a causa material, que todo ser está formado de materia e forma, e a fisis, que nos seres naturais é ao tempo causa formal, causa eficiente e causa final. Por outra banda, o tema do movemento ocupa boa parte da física aristotélica. Este di que hai varios tipos de movementos e distingue o cambio substancial (xeración e corrupción) e o cambio accidental (cambio cuantitativo, cualitativo e local). Aristóteles di que en todo cambio deben darse tres elementos: o que permanece, o que aparece de novo e o que desaparece. O final da Física de Aristóteles fala do primeiro motor inmóbil. Dende o punto de vista da metafísica, o primeiro motor é causa final, e dende o punto de vista físico é causa eficiente. Na física aristotélica existe un principio que di que todo o que se move é movido por outro, pero Aristóteles recoñece que a serie de causas non pode ser infinita e por iso di que hai un primeiro motor que move, pero non se move nin é movido. Aristóteles ubica isto na súa cosmoloxía, que formaría parte tamén dos tratados físicos se entendemos a materia como o cosmos.
Ética e política
A teoría ética aristotélica é eudemonista e está exposta na Ética a Nicómaco, que empeza manifestando o consenso existente en canto a que o fin da vida humana é a felicidade (idea de cidadán en Aristóteles). Todos os homes buscan a felicidade, pero segundo Aristóteles isto é aparente. Segundo Aristóteles, a felicidade é un fin en si mesma e non un medio. Aristóteles, para definir a felicidade, di que consistiría na perfección do ser. Non obstante, recoñece que o home ten outras necesidades tamén que lle impiden adicarse só á súa actividade propia, por iso fala da virtude, que segundo el é unha disposición permanente, e esta constancia é só posible mediante o exercicio ou hábito cara á elección do correcto. Aristóteles non establece, como Platón, unha serie de virtudes que sexan as máis desexables, senón unha distinción entre virtudes éticas ou propiamente morais.
Aristóteles di que o home é por natureza un animal social e aquel que non vive en sociedade é ou un animal ou un deus, e distingue comunidades ou sociedades nas que se desenvolve a vida humana (familia, aldea e Estado). As dúas primeiras necesítaas o home para vivir, pero só co Estado é posible vivir ben para o home. O Estado é anterior aos individuos porque só no seo do Estado (polis) é posible a vida humana. O Estado é autosuficiente porque só é capaz de proporcionarlles aos individuos bens para a vida. Calquera forma de goberno empeñado na consecución do ben dos cidadáns é unha boa forma de goberno. Aínda así, Aristóteles fala das tres clásicas formas de goberno en función do número de gobernantes: monarquía (un só), aristocracia (un grupo minoritario) e a democracia xusta, e sinala tamén as súas formas dexeneradas (a tiranía, oligarquía e a demagoxia).