Antigo Réxime e Ilustración: Unha Análise Completa

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,85 KB

As pegadas do Antigo Réxime

O Antigo Réxime é o conxunto de relacións sociais, económicas e políticas que caracterizaban as monarquías europeas do século XVIII. Ten tres características principais: o mantemento da sociedade estamental de orixe feudal, un sistema económico que se baseaba no sector primario (agricultura e comercio) e un sistema político baseado na monarquía absoluta.

O mantemento da sociedade estamental

A sociedade estamental era a forma de organización social característica do Antigo Réxime. Orixinouse durante a Idade Media e dividía a sociedade en tres ordes ou estamentos: o clero, a nobreza e a xente do común. A sociedade estamental tiña dúas características:

  • O inmobilismo vertical: a xente do común non podía ascender e pertencer á nobreza.
  • A existencia do privilexio: permitía á nobreza e ao clero ter algúns beneficios.

As transformacións dentro da sociedade

Dentro da sociedade estamental, existían tamén divisións:

  • A nobreza: dividíase en alta e baixa nobreza. A alta nobreza tiña moitas propiedades no campo e recibía diñeiro polos seus dereitos señoriais. A baixa nobreza, con menos recursos, buscaba matrimonios coa burguesía adiñeirada, que á súa vez desexaba ennoblecerse.
  • O clero: dividíase en alto clero e baixo clero. O alto clero estaba formado polos fillos menores das familias nobres e tiñan os señoríos eclesiásticos. O baixo clero estaba formado por persoas procedentes da xente do común e moitas veces vivían nun estado de miseria próxima á do campesiñado.
  • A xente do común: estaba composta pola burguesía e os campesiños.
  • O campesiñado: era o grupo máis numeroso, pero con escasa influencia social. Só unha pequena porcentaxe eran propietarios das súas terras, e o resto estaba sometido ao réxime señorial.
  • A burguesía: era a máis importante dentro do terceiro estado. Os burgueses estaban libres do réxime señorial, pero non podían acceder ao poder político, monopolizado pola alta nobreza e o alto clero.

O goberno a comezos do século XVIII

O mantemento do absolutismo en Europa

O absolutismo era o sistema político que rexía na maior parte de Europa a principios do século XVIII. O rei concentraba o poder lexislativo, executivo e xudicial. O absolutismo naceu en Francia e apoiábase en teorías como a de Bossuet, que defendía a orixe divina da monarquía. Tamén se apoiaba no mercantilismo, un sistema económico desenvolvido polo ministro de Facenda de Luís XIV, Jean Colbert, que defendía tres ideas:

  1. Un estado era máis rico canto máis ouro e prata tivese.
  2. Para captar os metais había que desenvolver o comercio exterior e, para evitar que saísen do país, implantábase un proteccionismo económico.
  3. O estado debía intervir noutros aspectos da economía.

O triunfo do absolutismo permitiulles aos monarcas depender menos da aristocracia. Os monarcas absolutos desenvolveron un poderoso exército real, financiado cos impostos sobre o campesiñado e a burguesía.

A Ilustración e o despotismo ilustrado

A Ilustración: un cambio de mentalidade

A Ilustración foi un movemento intelectual que se desenvolveu en Europa ao longo do século XVIII, baseado en tres principios:

  1. Era posible analizar a sociedade aplicando a razón.
  2. A aplicación da razón levaría ao progreso continuo da humanidade.
  3. As persoas teñen uns dereitos naturais que deben ser respectados.

Afirmaban que a tolerancia debía ser a base da convivencia humana.

A crítica do Antigo Réxime

Os ilustrados opuxéronse á sociedade estamental. Defendían un sistema de igualdade social e legal. Pensaban que os privilexios dalgúns grupos sociais e dalgunhas institucións eran un obstáculo para o crecemento económico, por iso estes grupos sociais criticaron duramente aos ilustrados. As ideas ilustradas difundíronse por Europa grazas á publicación en Francia da Enciclopedia, na que participaron autores como Rousseau, Quesnay e Voltaire.

O despotismo ilustrado

Chamamos despotismo ilustrado ao sistema político que nace da aplicación das ideas ilustradas por parte da monarquía absoluta. Os reis realizaron reformas nos seus reinos para mellorar a vida da poboación e desexaban avanzar no proceso de concentración de poderes. O despotismo ilustrado apoiouse na fisiocracia, teoría económica enunciada por Quesnay, segundo a cal a riqueza dunha economía dependía da agricultura, pois a industria só transformaba os produtos agrícolas. O despotismo ilustrado tiña unha capacidade limitada para transformar a sociedade, xa que as reformas chocaban cos privilexios da nobreza e do clero.

O final do século XVIII: o liberalismo

O liberalismo revolucionario

As revolucións burguesas son o proceso de conquista do poder por parte da burguesía, como a Revolución Francesa. O liberalismo revolucionario foi o pensamento no que se apoiaron as revolucións burguesas. Hai dous conceptos esenciais:

  • Separación de poderes: lexislativo, executivo e xudicial.
  • Soberanía nacional: o poder reside na nación, é dicir, no conxunto de cidadáns. Os cidadáns establecen un pacto co estado a través da constitución. O rei é un simple representante do poder da nación.

Aspiraban tamén a crear unha sociedade na que se suprimisen os antigos privilexios.

O liberalismo económico

É a doutrina económica que vai unida ás revolucións burguesas. Os liberais desexaban que a actividade económica se rexese polo principio de liberdade económica, con dúas consecuencias:

  • Calquera persoa que o desexase e tivese os medios axeitados debería poder abrir un negocio e tomar as decisións que considerase oportunas.
  • Os gremios debían suprimirse. O estado non debía intervir na economía, senón limitarse a protexela e a garantir a súa liberdade de funcionamento (librecambismo).

Segundo a lei da oferta e da demanda, a economía organízase por si mesma, sen necesidade de que o estado a controle.

España: o reformismo borbónico

A Guerra de Sucesión

A morte de Carlos II sen descendencia fixo que Francia e o Imperio Alemán quixesen poñer no trono español os seus respectivos candidatos: Filipe de Anjou e o Arquiduque Carlos. O testamento de Carlos II designaba a Filipe de Anjou como o seu sucesor, pero o Arquiduque non o aceptou e reclamou os seus dereitos ao trono. Así produciuse a Guerra de Sucesión, que tivo un escenario europeo, onde Francia se enfrontou a unha coalición de potencias europeas, e un escenario español. A guerra terminou coa sinatura do Tratado de Utrecht, polo cal España renunciou ás súas posesións en Flandres e Italia.

Carlos III e o despotismo ilustrado

Carlos III foi o máximo expoñente do despotismo ilustrado en España. Intentou introducir reformas, pero este programa reformista foi freado polo Motín de Esquilache, un levantamento popular contra os ministros italianos debido á escaseza de medios de subsistencia, promovido polos privilexiados. Carlos III levou ao poder a Campomanes, Floridablanca e Jovellanos. Propuxeron as seguintes reformas:

  • Estableceron a fisiocracia, con reformas na agricultura.
  • Reformaron a educación, que estaba en mans do clero.
  • Difundiron as ideas da Ilustración e impulsaron a creación das Sociedades Económicas de Amigos do País.
  • Intentaron acabar cos privilexios da nobreza e do clero. O rei impuxo a súa autoridade sobre a Igrexa.
  • Declararonse honradas todas as profesións.

O seu sucesor, Carlos IV, freou as reformas.

Entradas relacionadas: