A Alienación en Marx: Análise e Superación
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 7,56 KB
O Concepto de Alienación en Marx
Marx tratou o problema antropolóxico na súa obra xuvenil, en controversia co pensamento de Hegel e de Feuerbach. Hegel concibe o ser humano como esencialmente espiritual, xa que a esencia humana é o pensamento e a súa principal actividade a conciencia. Para Hegel é a actividade espiritual a que distingue os humanos dos animais. Feuerbach reivindica como primario o corpo, a sensibilidade, o sentimento, as relacións humanas. Converte o idealismo nunha concepción materialista dándolle prioridade ao natural sobre o espiritual.
A concepción antropolóxica de Marx comprende tres grandes temas:
- Teoría da Esencia do ser humano (unidade ou afirmación)
- Teoría da Alienación (escisión ou negación)
- Teoría do Home Novo (reconciliación ou síntese)
A Esencia Humana e as Súas Determinacións
Para definir o ser humano, Marx relaciónao con outras realidades como Deus, a Natureza, a Sociedade e a Historia. Os trazos humanos que se manifestan nestas relacións débense considerar como parte dunha unidade inseparable.
En relación con Deus
Marx considera o ser humano como o ser supremo, esta doutrina da supremacía do home xa fora defendida por Feuerbach. É o ser humano quen crea a Deus e non ao contrario. O ser humano, impulsado polos seus desexos, proxecta nun máis aló ficticio as súas mellores calidades elevadas a un grao infinito, atribuíndollas a un ser ao que chama Deus. Os atributos da divindade son os atributos da especie humana, polo que o segredo da teoloxía reside na Antropoloxía.
En relación coa Natureza
Marx define o ser humano como un ser natural e activo. A especie humana está unida á natureza porque necesita dela para satisfacer as súas necesidades vitais e así poder subsistir. A antropoloxía marxiana faise naturalista e materialista. A relación que o ser humano mantén coa Natureza é esencialmente activa. E esta actividade é unha actividade material definida pola interacción do home coa natureza por medio do traballo. A Natureza da que fala Marx é unha natureza transformada polo ser humano (humanizada). É o traballo (praxe produtiva ou produción material) o que segundo Marx distingue esencialmente o ser humano dos animais, xa que o ser humano produce de xeito universal e ilimitado, creativo, libre e consciente, mentres que os animais producen só o que necesitan inmediatamente.
En relación coa Sociedade
Marx define o ser humano como un ser social e comunitario. O traballo implica unha relación esencial coa sociedade; o home produce para outros homes e en relación con outros produtores polo que a produción material implica relacións sociais. Marx afirma que a esencia humana é un conxunto de relacións.
En relación coa Historia
Marx extrae de Hegel a concepción do ser humano como resultado do seu propio traballo, como creación e autoxénese. Marx realiza unha lectura da historia humana dende o ángulo da produción e tamén dende a autoprodución do ser humano polo traballo. As relacións de intercambio coa Natureza e a Sociedade cambian historicamente e, polo tanto, tamén cambia o ser humano con elas.
Alienación
Marx herda o concepto de alienación de Hegel e de Feuerbach, pero dándolle unha nova interpretación. A alienación é o proceso polo cal os produtos da actividade humana, material ou espiritual, convértense en forzas superiores, autónomas e independentes que acaban dominando o ser humano. O ser humano pasa a ser dominado e escravizado polos obxectos creados por el mesmo.
Marx distingue tres tipos de alienación:
- Alienación relixiosa, en relación con Feuerbach.
- Alienación socio-política, en relación cunha crítica ao concepto de estado de Hegel.
- Alienación económica, en oposición á sociedade capitalista.
Respecto da Alienación Relixiosa
Marx acepta a tese básica de Feuerbach: é o ser humano o que crea a Deus, pero Marx afirma que a alienación relixiosa é un fenómeno derivado, reflexo da miseria económica e social. Se a relixión é a realización fantástica da esencia humana é porque se busca un alivio imaxinario ás miserias. En resumo, a clave da miseria humana reside na alienación relixiosa.
Respecto da Alienación Socio-política
O humano está alienado na sociedade burguesa levando unha dobre vida: a vida individual na sociedade civil como persoa dominada polos intereses particulares e por outro lado a vida política e social como persoa pública e membro do Estado que concilia os intereses antagónicos entre individuos. Sendo creación humana convértese no noso inimigo. Marx critica o Estado Absoluto de Hegel.
Respecto da Alienación Económica
Tanto a alienación relixiosa como a socio-política teñen a súa raíz na alienación económica, a máis importante para Marx. Ten lugar no traballo dentro do capitalismo. Destacamos catro aspectos básicos:
- Na sociedade capitalista, os traballadores están alienados da súa actividade produtiva. Os traballadores traballan para uns capitalistas que lles pagan un salario de subsistencia, tanto traballadores como capitalistas cren que ese pago significa que a actividade pertence ao capitalista, polo tanto os traballadores están alienados, reducíndose a actividade produtiva a gañar diñeiro para a subsistencia.
- Os traballadores están alienados non só respecto das actividades produtivas, senón tamén do obxecto desas actividades. O produto pertence ao capitalista podendo usalo como desexen, xeralmente para o seu beneficio. Así os traballadores non teñen unha percepción correcta do que producen.
- No capitalismo os traballadores están alienados dos compañeiros de traballo con respecto das relacións sociais. O capitalismo destrúe a cooperación enfrontando os traballadores para ver cal produce máis o que xera hostilidade entre eles.
- Na sociedade capitalista os traballadores están alienados do seu propio potencial humano. Os individuos cada vez se realizan menos como humanos quedando reducidos ao papel de máquinas. A conciencia aletárgase dando como resultado unha masa de persoas incapaces de expresar as capacidades humanas, traballadores alienados.
Como consecuencia dos anteriores as relacións tamén están alienadas. A alienación convértese en algo máis directo que se manifesta moi claramente nas relacións entre capitalistas e obreiros enfrontados como propietarios e non propietarios e explotados e non explotados.
O concepto de alienación, central no Marx novo, en canto a fundamentos explicativos de fenómenos económicos, ideolóxicos… convértese no Marx maduro nunha categoría socio-económica cristalizada no fetichismo e reificación (fenómenos típicos do mundo capitalista). O fetichismo significa dominio das cousas sobre o ser humano converténdose o diñeiro no fetiche que esclaviza o humano. A reificación por derivación denota que na sociedade burguesa as relacións entre os humanos revisten a apariencia entre a relación entre as cousas.
O Home Novo
A teoría do futuro ser humano supón a superación de toda alienación, a recuperación da esencia humana e a reconciliación do humano consigo mesmo, coa natureza e os outros humanos creando unha nova sociedade de tipo comunista. O humanismo prometeico de Marx está cargado dunha grande utopía que ten como escatoloxía esta sociedade futura. O comunismo en canto a reconciliación da esencia e existencia humana como un novo modo de produción.