Administración e Xurisdición Laboral en Galicia
Enviado por Chuletator online y clasificado en Formación y Orientación Laboral
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,01 KB
Administración e Xurisdición Laboral
A Administración e os Xulgados do Social son os que velan polo cumprimento da lexislación laboral.
Órganos da Administración Laboral
Na Administración Laboral (que inclúe a Seguridade Social) aparecen varios órganos:
Ministerio de Emprego e Seguridade Social
Consellería de Economía, Emprego e Industria
Inspección de Traballo e Seguridade Social
É un órgano administrativo que controla as condicións de traballo en xeral: condicións laborais, de Seguridade Social, de Prevención de Riscos Laborais, etc.
A Inspección pode levantar diferentes actas de infracción que terán como consecuencia expedientes sancionadores en función das infraccións detectadas pola Inspección.
Competencias da Inspección de Traballo e Seguridade Social
- Vixiar e controlar o cumprimento da normativa.
- Asesoramento.
- Mediación en conflitos laborais.
- Suspensión de traballos en caso de risco grave e inminente.
- Propostas de sancións por incumprimento normativo.
(Ver modelo de denuncia en anexos de documentación colgados na aula virtual)
Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS)
Encárgase do recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria, do recoñecemento de prestacións económicas na modalidade contributiva, etc.
Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS)
É un servizo común que unifica todos os recursos financeiros da Seguridade Social. Ten como funcións: a inscrición de empresas, afiliación, altas e baixas dos traballadores, xestión e control da cotización, recadación de cotas, etc.
Servizo Estatal Público de Emprego (SEPE) e Servizo Público de Emprego de Galicia
Teñen como funcións a xestión das prestacións por desemprego, a organización de servizos de emprego, a formación profesional dos traballadores, a aplicación de políticas de emprego, etc.
Entidades Colaboradoras na Xestión da Seguridade Social
Poderíanse considerar como entidades colaboradoras as Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais. Son asociacións autorizadas polo Ministerio de Traballo e Inmigración que teñen as seguintes competencias:
- Xestionar as continxencias profesionais.
- Colaborar na xestión da incapacidade temporal por continxencias comúns.
- Realizar actividades de prevención de riscos laborais, etc.
A Xurisdición Social: Resolución de Conflitos
Cando hai un conflito laboral ou de Seguridade Social débese ter en conta o seguinte proceso:
Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC)
Intentarase chegar a un acordo ante o SMAC ou órgano equivalente da Comunidade Autónoma correspondente. Se hai acordo, o conflito remata neste momento; se non, hai que acudir ao órgano que corresponda da Xurisdición Social.
(Ver modelo en carpeta de anexos de documentación)
Xulgado do Social
Coñece, en primeira instancia, os procesos en materia sociolaboral: reclamación de cantidades, despedimentos, conflitos colectivos, etc.
Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Coñece de conflitos colectivos e sindicais que exceden da provincia, pero non superan o ámbito da Comunidade Autónoma, e resolve os recursos de suplicación interpostos ás sentenzas do Xulgado do Social.
Sala do Social da Audiencia Nacional
Coñece procesos relativos á liberdade sindical ou aos conflitos e convenios colectivos que exceden da Comunidade Autónoma, etc.
Sala do Social do Tribunal Supremo
Resolve os recursos de casación que se interpoñen contra as sentenzas dos Tribunais Superiores de Xustiza e da Audiencia Nacional.
Extinción do Contrato Laboral
A extinción do contrato significa que o contrato remata e, polo tanto, as partes teñen que saldar as súas obrigas.