A Acción Transformadora: Explorando o Concepto e a Historia do Traballo

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 9,42 KB

Diferenciándose do resto dos seres vivos, o ser humano non semella atado ós seus instintos para satisface-las súas necesidades, senón que coa súa acción práctica e productiva transforma o medio natural para adaptalo á satisfacción dos seus desexos. Esta acción transformadora recibe o nome de traballo.
Este labor require un coñecemento crecente do medio e do modo como pode ser transformado para que sirva mellor ós seus intereses, o que dá lugar á técnica.

1. O Concepto de Traballo

A noción de traballo pode parecer moi simple, pero a pluralidade de culturas e a diversidade de circunstancias nas que se leva a cabo fai difícil elaborar unha definición que recolla o contido e as connotacións do que se entende por tal.

Polo xeral, podemos dicir que traballo é a forma que reviste a acción productivo-transformadora do ser humano, a póiesis da clasificación aristotélica.

A característica fundamental desta actividade é que sempre vai dirixida á producción de "algo útil". Non é necesario que este algo sexa un obxecto material; abonda con que sexa algo socialmente útil. Teriamos así unha primeira característica desta actividade que é a relación que o traballo establece entre suxeito e obxecto: o axente -traballador- entra en relación co obxecto para transformalo conforme a un plan previo.

En segundo lugar, atopámo-la característica de actividade obrigada e penosa, que require esforzo. O traballo non é nin pasatempo, nin diversión senón acción abrigada pola necesidade de axeita-la natureza ós nosos desexos e necesidades; e isto tense que facer constantemente, cada día, como unha tarefa ou mesmo como unha condena. O ser humano depende tanto dos seus productos que lle resultaría imposible sobrevivir sen a provisión regular de comida, bebida, vestidos, vivenda, etc., o que lle esixe un grande esforzo e dedicación.

2. Significación Histórica do Traballo

Polo xeral, a filosofía grega, o cristianismo e a meirande parte dos filósofos de corte racionalista tenderon a valora-la actividade intelectual ou contemplativa por riba da actividade pragmática e productiva. As actividades de cazadores, recolledores de froitos, labradores, artesáns, "técnicos", en xeral, son consideradas de inferior categoría e subordínanse ás actividades teóricas que requiren, nun supoñer, máis intelixencia. Hai que esperar a épocas máis modernas para ter superada a idea de considera-lo traballo manual ou arte mecánica como degradante para quen o exerce.

En efecto, moitas correntes filosóficas contemporáneas, como son o positivismo, o marxismo, o pragmatismo ou o vitalismo inverten os termos e consideran que o ser humano é pragmático antes que teórico, e, se chegou a ser intelixente foi gracias a esta práctica previa: a man conduciuno á intelixencia.

2.1 O traballo na cultura clásica

Nas orixes da cultura grega recoñécese o traballo como actividade productiva que garante a supervivencia do ser humano ó poder transforma-la natureza para satisface-las súas necesidades. Así e todo, unha visión máis negativa foise impoñendo progresivamente, a medida que, coas guerras, aumentou a afluencia de escravos ós que se obrigaba a exerce-las profesións manuais que os cidadáns libres ían desprezando e que pasaban, así, a ser cualificadas como traballos servís.

Na República de Platón (428-347 a.C.), os traballadores (artesáns e agricultores) ocupan o derradeiro chanzo na xerarquía social. Nesta clase intégranse aqueles individuos de categoría inferior que non salientan nin polo seu intelecto (sabios gobernantes), nin polo seu valor (guerreiros), senón unicamente pola súa habilidade manual, o que os fai aptos para produci-los bens que se necesitan no Estado.

Na mesma liña que Platón, Aristóteles (384-322 a.C.) afirma que a verdadeira acción humana está directamente relacionada coa actividade contemplativa ou sabedoría; sen ela, non é posible o exercicio da liberdade, nin o uso da palabra na asemblea, nin a intervención no goberno da cidade.

Deste xeito, para Aristóteles, as mulleres e os escravos, considerados como seres humanos inferiores, traballan na producción dos bens necesarios, mentres que os homes, superiores pola súa condición de libres, permanecen ociosos para atender as accións de goberno e de defensa da cidade. O traballo manual sempre debe estar supeditado ó intelectual.

2.2 O traballo no cristianismo

A tradición cultural xudía, a través do cristianismo, achega unha nova perspectiva das relacións que o ser humano mantén co mundo, creado e gobernado por Deus. O ser humano ocupa un lugar privilexiado e correspóndelle a responsabilidade de colaborar co seu Deus no devir histórico da creación. Neste contexto, o traballo adquire un valor teolóxico que acentúa a súa dimensión creativa, ausente anteriormente.

De feito, na Biblia recóllense dúas visións contrapostas do traballo. Dunha banda, atopámo-lo aspecto negativo do traballo como castigo, como actividade forzada pola natureza, ó ter sido dominada, que leva consigo esforzo, fatiga e dor. Doutra banda, o traballo permítelle ó home dominar e somete-la natureza para o seu deleite e beneficio.

Así pois, o traballo como condición da vida humana imponse a todos; os textos bíblicos estimulan o traballo ben feito e reprenden a ociosidade como degradación: "o que non traballe que non coma", chega a dicir San Paulo.

Na Idade Media (séculos VIII-XI), así e todo, o traballo manual, novamente, comeza a ser degradado, e considérase unha ocupación propia do estamento máis baixo da sociedade feudal, os laboratores (campesiños convertidos en servos, con fortes vínculos á terra), pero totalmente allea á nobreza guerreira (bellatores) e mais ó clero (oratores).

Nos séculos XIII, XIV e XV, coa aparición dos burgos, desenvólvense novas actividades artesanais e comerciais, que son promovidas por traballadores libres asociados en gremios, o que contribúe a dignifica-la súa condición laboral e social. Nacen as artes e os oficios cos seus mestres e aprendices, e aparece o salario.

2.3 O traballo nas sociedades modernas

Durante a Idade Moderna prodúcese unha progresiva revalorización do traballo como actividade de todos e xa non dunha soa clase social. O traballo adquire unha dignidade descoñecida ata daquela ó ser considerado, mesmo, como unha bendición divina e signo de gracia para o crente cristián.

Socialmente se favorece a iniciativa privada, o espírito inventivo e mailo desenvolvemento da ciencia moderna. Agora ben, o emprego de procedementos mecánicos trae consigo a especialización e maila división do traballo.

Xorde o capitalismo mercantilista e con el unha clase de burgueses que se enriquecen de xeito progresivo. Estamos ante a aparición do home económico, para quen o traballo deixa de ser un medio de supervivencia para se constituír nun fin en si mesmo: a acumulación de capital e de riqueza.

A Reforma Protestante contribuíu a desenvolver unha nova valoración do traballo como profesión. O traballo manual, considerado antano como deshonroso e propio de xentes sen recursos, dignifica agora ó ser humano ó lle permitir facerse dono do universo. En particular, o calvinismo considera o éxito nos negocios como sinal de predestinación divina, e a vida laboriosa como a única capaz de reconciliar ó home pecador co seu Deus. A outra cara da moeda é que o sistema económico xera unhas condicións de traballo infrahumanas que desembocan na explotación dos traballadores, en especial das mulleres e dos nenos, con salarios de simple subsistencia que obrigan a seguir traballando. Este novo réxime acabou sendo máis deshumanizador que ningún outro polas condicións tan duras e miserentas nas que vivían os proletarios, tanto nos propios centros de traballo coma nos núcleos suburbiais e periféricos das cidades.

2.4 A concepción marxista do traballo

K. Marx (1818-1883) considera que o traballo como actividade productiva constitúe a dimensión esencial da vida humana. Por medio do traballo, o ser humano libre e conscientemente transforma a natureza e aprópiase dela humanizándoa. Ó mesmo tempo, realízase a si mesmo como membro dunha comunidade e da especie humana, e asegúrase o seu desenvolvemento e reproducción. A esencia humana maniféstase no traballo como actividade vital. O traballo fai que o ser humano sexa o que é, diferenciándoo, deste xeito, do animal e das cousas.

Así e todo, a actividade laboral no sistema capitalista deshumaniza ó traballador. O traballo, no canto de realizar ó traballador, resulta ser unha actividade de alienación, que impide que o traballador se recoñeza naquilo que fai. O traballo asalariado escraviza ó traballador e redúceo a unha mercadoría entre as mercadorías, sometendo así a esencia humana ás leis do mercado. Os productos do home vólvense contra el e establécese unha relación de hostilidade entre un ser humano, a natureza e os demais homes.

Esta situación só se poderá superar mediante unha transformación revolucionaria do seu sistema de producción e da sociedade clasista que o sustenta.

Entradas relacionadas: