A narrativa de posguerra

Enviado por lucia y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 23,01 KB

As consecuencias do golpe de estado fascista do 18 de xullo de 1936 foron terribles para a cultura e a literatura galega. A morte e o exilio converteron a extraordinaria festa das letras que foi a II Republica Española nun silencio tenso de medo e resentimento. Entre os que non viviron para contalo, asesinados por opinar e ter ideas diferentes dos que enton se proclamaron como únicos estan o poeta comunista ourensán Manuel Gómez del Valle; o escenografo Camilo Díaz Baliñó; o escritor, editor e dirixente socialista Xaime Quintanilla,… Na colección persoal da revista Nós que gardou “Ben-Cho-Shey”, este autor deixou constancia manuscrita dos colaboradores da revista asesinados: Casal, Blanco Torres, Díaz Baliño, Carballeira e Noguerol, ademais dos coñecidos Isaac Forneiro Barandela, Manuel Fuentes Canal, Amadeo López Bello e Modesto López Teijero. Tamen fuxiron cara o exilio nomes tan relevantes no xornalismo e na cultura como Basilio Álvarez, Blanco Amor, Luis Seoane,… Moitas outras voces tiñeron que optar polo silencio como unica alternancia para poderen sobrevivir. A postura mais coñecida foi a de Vicente Risco, levado de medo e das suas ideas antimarxistas como director da Escola Normal de Maxisterio de Ourense. Nesas datas aparecerían poemas franquistas nalguns sornáis, entre eles alguns de Antonio Noriega Varela. As consecuencias de todo isto non tardarian en facerse notar, a curto e a medio prazo. Un modelo de politica retrógada e uniformadora que considera España como un país monolingÜe; empobrecemento xeral e incremento da emigración; autarquia economica e illamento internacional, raciamento dos alimentos,… No 1963 nacerá o Dia das Letras Galegas e a Biblioteca Penzol e en revistas salientaran a revista “Grial” e “La Noche”.



 A Xeración de 1936 está formada por autores nacidos entre 1910 e 1920 e que publican os seus primeiros poemas durante a República, en revistas das que son responsables os escritores máis vellos (Nós, Ronsel, Yunque etc). A súa obra callará definitivamente despois de 1936. A esta xeración pertencen poetas que publican a súa obra no exilio, como Luís Seoane, Emilio Pita ou Lorenzo Varela, mais tamén aqueles que a comezan publicando en revistas galegas ou na citada colección Benito Soto. Podemos sinalar varias direccións poéticas neste grupo de autores, algunhas, como dixemos, seguidoras das correntes da preguerra, e outras máis novidosas. Entre os autores desta primeira promoción cabería citar a Xosé Mª Álvarez Blázquez e a Díaz Jácome (neotrobadorismo); e a Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé Mª Díaz Castro (poesía paisaxista e ruralismo). Forman parte do segundo poetas como Carballo Calero, o propio Iglesia Alvariño (clasicismo culturalista) ou Celso Emilio Ferreiro (socialrealismo). Pola súa importancia, cómpre detérmonos na obra de poetas como Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, Lugo , 1909 – Santiago, 1961), que foi autor de Señardá (1930), Corazón ao vento (1933). Os libros publicados nos anos 30 son continuadores da poesía paisaxista de Noriega Varela, ben que en Corazón ao vento fica patente o influxo hilozoísta. En Cómaros verdes acada un dos seus cumes: abandona a rima, emprega preferentemente o hendecasílabo branco, conseguindo unha enorme calidade rítmica e sonora nos seus versos cunha lingua escolmada de forma selecta. Os dous seguintes libros caracterízanse por un ton existencialista. Lanza de soledá é outro dos sus libros máis intensos, empregando o soneto e convertendo a poesía nunha dorida e grave confesión. Finalmente, Nenias é un poemario culturalista, con reflexións sobre o feito poético e homenaxes ós poetas amados. Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 – Vigo 1979) eríxese na figura principal da corrente lírica socialrealista, que será a máis practicada até a publicación en 1976 de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín. A poesía de Celso Emilio presenta tres grandes eixes temáticos: a poesía social, solidaria cos oprimidos de calquera lugar. Denuncia o fascismo, a emigración, a explotación, a inxustiza... O segundo eixe é intimista; caracterízase polo desacougo existencial, con temas como a identificación coa terra, a fugacidade da vida, o amor... Ademais ten unha poesía fortemente corrosiva e crítica, influenciada polas cantigas de escarnio e maldicir. A ironía constitúe, pois, unha das características máis salientables de Celso Emilio. O soño sulagado (1954) é un libro dominado polo clima existencialista dos anos 50, que crea un universo simbólico caracterizado pola presenza da angustia e da dor existencial, a soidade, a morte, o “paraíso perdido” da infancia, a paisaxe e a terra natal. Con Longa noite de pedra (1962) a poética de Celso Emilio decántase cara aos temas sociais e o compromiso político cos marxinados da Terra, cuns trazos característicos que son a sinxeleza expresiva, a preeminencia da mensaxe sobre a forma, o humor, ironía e sarcasmo, e o ritmo e musicalidade dos seus poemas, que os fixo idóneos para a adaptación musical por diversos cantautores, contribuíndo deste xeito á súa difusión. Verbo dos temas máis salientables do libro, cómpre destacar a denuncia da opresión, que inclúe a condena do capitalismo e o fomento dunha conciencia proletaria; o antibelicismo, ligado á súa experiencia como soldado na guerra civil; a denuncia da dictadura franquista e a defensa da liberdade; e a preocupación pola realidade galega, as súas xentes e a súa lingua. Obras posteriores son Viaxe ao país dos ananos (1968), Cantigas de escarnio e maldicir (1968), Terra de ningures (1969), Paco Pixiñas (1970), entre outros.



A segunda xeración de posguerra está formada por escritores nacidos entre 1920 e 1930, a Promoción de Enlace, formados na penuria económica e cultural dos primeiros anos do franquismo. Seguen modelos da literatura española, escribindo tamén en castelán, e actúan como ponte entre a xeración anterior e a seguinte dos anos 50. As direccións poéticas son en xeral as mesmas das xeracións do 25 e 36. A escasas innovacións temáticas terán un desenvolvemento serodio. Entre os autores desta promoción cabe salientar a Luz Pozo Garza (poesía vitalista), Antón Tovar (existencialismo), Neira Vilas (poesía social) e Cuña Novás, que, asemade, foi fundador da nomeada Escola da Tebra co seu libro Fabulario novo (1952), destacando polo seu ton existencial.          



Coñécese co nome de Xeración dos 50 un grupo de poetas nacidos na década dos 30 e que irrompen no panorama literario galego dos anos 50 (como prosistas forman parte do que se coñece como Nova Narrativa Galega). Como poetas, as primeiras mostras deste grupo atopámolas na “Escola da Tebra”, e da que tamén forma parte Manuel María. A súa poesía reacciona fronte ás tendencias de estética conservadora (imaxinismo, paisaxismo, neotrobadorismo...) e mestura elementos surrealistas con outros procedentes do existencialismo literario. É unha poesía que trata con pesimismo vital sobre a angustia, a dor da existencia, etc. Un grupo de poetas desta xeración chega á literatura na súa etapa de estudantes universitarios en Santiago, baixo a tutela ideolóxica de Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro; promotores do galeguismo culturalista da preguerra, a súa actividade está ligada ao nacemento da Editorial Galaxia. Tamén se lle chamou Xeración das Festas Minervais por participaren todos eles nos certames poéticos que con ese nome se viñan celebrando na Universidade desde o século XVII. Entre estes poetas podemos citar a Xosé Luís Franco Grande, Salvador García- Bodaño, Xohana Torres etc., autores dunha poesía de temas intimistas, existencialistas e culturalistas, ós que se unen figuras senlleiras como Avilés de Taramancos, Manuel María ou Uxío Novoneyra. Paralelamente, outro grupo de poetas desenvolve a súa obra en Madrid, cidade na que cursan os seus estudos. Coñécese co nome de Grupo Brais Pinto, e pertencen a el, entre outros, X. Luís Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña ou Raimundo Patiño. A súa poesía, xurdida nun ambiente máis aberto, contén elementos temáticos máis radicais, conectando con movementos europeos e norteamericanos de protesta (Xeración Beat). Contra o final da década, algúns membros desta xeración, influenciados por Celso Emilio Ferreiro, dedicáronse a cultivar unha poesía socialrealista e comprometida (sobre todo Ferrín), e participaron activamente no cambio político xerado no nacionalismo galego, que derivou cara a posturas radicais (marxismo, autodeterminación), e que acabaría desembocando nos grupos nacionalistas da actualidade. Entre os autores máis destacados da Xeración dos 50 cómpre citarmos a Manuel María (1929-2004: Muiñeiro de brétemas (1950), Morrendo a cada intre (1952), Terra Chá (1954), Documentos persoais (1958)...). A amplitude da súa obra poética dificulta a clasificación de Manuel María nunha das correntes poéticas estudadas pois, se os dous primeiros libros se caracterizan polo ton existencial que os vincula á “Escola da Tebra”, en Terra Chá salienta a descrición da paisaxe, o que o aproxima á poesía de Novoneyra, mentres a súa produción dos anos 60 e 70 se enmarca no socialrealismo e na poesía de compromiso político dominante nesta etapa. Nos últimos libros, o poeta adéntrase nunha poesía máis reconcentrada e saudosa. Uxío Novoneyra (O Courel, 1930 – Santiago, 1999) escribiu Os Eidos (1955), Elexías do Courel e outros poemas (1966), Poemas caligráficos (1979).... Posúe unha obra herdeira da tradición paisaxística anterior, a de Noriega e Iglesia Alvariño. Mais en Novoneyra atopamos unha comuñón coa natureza do Courel, un existencialismo telúrico que nos amosa unha paisaxe vivida intimamente. Novoneyra constrúe os seus versos cunha linguaxe na que predomina a exclamación e a aliteración fonosimbólica. Finalmente, Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense 1938) eríxese como un autor clave na evolución da poesía e da narrativa galega contemporáneas. Os seu primeiro libro, Voce na néboa (1957), manifesta a influencia existencialista da Escola da Tebra. A poesía producida nos anos 60, publicada na década seguinte baixo o pseudónimo de Heriberto Bens, está fortemente marcada pola tendencia socialrealista, con fortes connotacións sociopolíticas (Antoloxía popular, 1972). Con pólvora e magnolias é o seu poemario máis celebrado e está considerado como un libro capital que abriu novos camiños na lírica contemporánea a partir da morte de Franco.



Para coñecer a primeira obra narrativa( publicada na Galicia interior) posterior a desfeita de 1936 haberá que agardar ata o ano 1951, no cal, sae a luz a novela de Ricardo Carballo Calero “A xente da barreira”. Os tres grandes narradores en lingua galega renovadores da prosa galega serán Alvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e Anxel Fole. Tratase de tres grandes narradores, cultivadores de correntes diferentes. Así pódese dicir do primeiro que se movía como prosista dentro do realismo máxico, o segundo na tendencia do socialrealismo (“A Esmorga”) e o terceiro, combinaría as caracteristicas do conto popular coa narrativa culta (“A lus do candil”). Ademais, tamén Rafael Dieste contribuíu á renovación prosística cos seus contos “Dos arquitos do trasno”. A partir da aparición da colleción Illa Nova da editorial Galaxia, a cal, fará que as posibilidades da publicación en galego e en Galicia aumente considerablemente, e durante as dúas decadas seguintes a narrativa galega converterase nun xénero consolidado, iranse coñecendo novos autores en prosa e en lingua galega. A maior parte deles encadraríanse dentro do movemento da Nova Narrativa Galega. Inspirada no Nouveau Roman francés, os escritores que se moven dentro desta tendencia posuíran unha serie de características comúns, sendo algunhas delas as seguintes: utilización abundante do monólogo interior; débil delimitación entre o tempo e o espazo, que fican indeterminados; fusión do mundo onírico co mundo real; presentación dun mundo violento e adverso para as personaxes, o cal, lles crea desacougo; os protagonistas destas narracións son con frecuencia antihéroes e con frecuencia, cada vez que aparezca unha reivindicación de tipo político, farase mediante o uso de trasuntos, símbolos. Por outra parte, non existe un criterio unificado á hora de delimitar que autores pertencían a este movemento. Así e todo, o contemporáneo Xosé Neira Vilas presenta unha narrativa máis tradicional e incide en temas como o mundo rural e a emigración. As suas “Memorias dun neno labrego” (1961) desenvolven o tema do neno labrego de posguerra. Como liñas narrativas da literatura galega de posguerra poden diferenciarse as seguintes:

Os  continuadores da tradición narrativa do Grupo Nós, en especial mostrando a temática  centrada na decadencia da fidalguía. Esta é a orientación que segue Carballo Calero na novela A  xente da Barreira, que toma como modelo a triloxía de Otero Os camiños da vida. O propio Otero Pedrayo publica en 1957 Entre a vendima e a castañeira, escolma de relatos escritos  probablemente antes da guerra, e en 1960, O señorito da Reboraina, na que mestura o relato  realista e a novela de aventuras.



O realismo popular, ou etnográfico, ten como iniciador nos anos cincuenta a Ánxel Fole( Lugo,1903-1986).  A súa  obra está constituída por libros de contos de factura moi similar; os dous primeiros son os máis  importantes: Á lus do candil (1953) e Terra brava (1955). A primeira obra das citadas é unha  colección de contos relacionados entre si cunha sinxela estrutura: uns personaxes, reunidos a carón do lume nunha vella torre incomunicada pola neve, contan as diferentes historias que compoñen o libro, transcritas por un dos presentes. Na segunda obra citada, o narrador informa de que atopou un cartapacio que contén unha colección de contos escritos polo seu padriño; tales contos aparecen reproducidos a continuación. O propósito de Fole é revitalizar unha liña temática con tradición xa na literatura galega de preguerra, o realismo popular ou etnográfico, na liña do conto popular de carácter oral (discurso lineal e apelación aos oíntes). Sobre o fondo da realidade labrega galega, preséntasenos a complexidade dese tipo de home, o labrego, insistindo no seu humor e na súa cultura espiritual: crenzas,  lendas e experiencias paranormais (premonicións, aparicións, telepatía).  Contos da néboa (1973)  contén 18 narracións e Historias que ninguén cre (1981) é unha compilación de 20 contos que estaban dispersos en diversas publicacións. A lingua galega de Fole non evita os vulgarismos, arcaísmos e dialectalismos. 

O realismo fantástico, concepto co que podemos definir a narrativa de  Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981), é unha mestura de elementos culturalistas e populares, de realidade cotiá e de fantasía desbordada que atopamos en obras como Merlín e familia (1955), As crónicas do Sochantre (1956) ou Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Merlín e familia consiste nunha sucesión de episodios engarzados arredor da figura do personaxe central, o mago Merlín, que Cunqueiro instala en Galicia, xunto á súa raíña dona Xenebra e o seu criado Felipe de Amancia, que, desde a vellez, narra de forma retrospectiva as visitas que fan diversos e estraños personaxes á casa do mago buscando a solución dun problema de carácter máxico. As crónicas do Sochantre está escrita nun rexistro totalmente distinto. O ambiente evocado é agora a afastada Bretaña, descrita con trazos e cores de Galicia. A obra está concibida como un xogo macabro e organízase en tres seccións fundamentais tituladas "A carroza", "As historias" e "Os viaxes", que narran as peripecias do sochantre  da catedral de Pontivy cando se dirixe a Quelven para tocar nun enterro. Na carroza que o recolle encóntrase con cinco personaxes defuntos, que narran cadansúa historia, todas arrepiantes, e as razóns que os obrigan a errar polo mundo expiando os seus pecados. A obra remata co regreso do Sochantre a Pontivy, logo dun ano de viaxe, onde constata que ninguén o botou en falta. Se o vello Sinbad volvese ás illas  achégase máis ós trazos xenéricos da novela. Conta a derradeira aventura do vello mariñeiro de As mil e unha noites, unha aventura frustrada que o leva a recluírse no mundo dos soños, onde pode seguir sendo o heroe que xa non permiten os tempos. O segundo grupo de títulos está formado por unha triloxía de libros con breves retratos (Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979), que teñen como intención dar á luz todo o extraordinario que pode haber en seres reais, algúns deles tomados do mundo mindoniense que coñecía o autor, a través dun narrador de carácter oral. Son como esbozos de personaxes que puideron ter sido empregados por el en calquera das súas novelas.  En 2011 celebrouse o ano centenario de Alvaro Cunqueiro.



Por outra banda, o realismo social é unha corrente que, dadas as condicións da España da época e a crueza e contundencia ideolóxica propias do xénero, encontra moitas dificultades para o seu desenvolvemento. Tivo como máximo representante a Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897 – Vigo, 1979) coa novela inaugural, A esmorga, publicada en 1959 en Buenos Aires e na que o autor pon en práctica a asimilación das técnicas que caracterizan a renovación narrativa do século XX. A obra comeza cunha "Documentación" onde un narrador en primeira persoa explica cómo chegou a obter a información que se relata a continuación: os sucesos ocorridos durante un día de esmorga pola cidade de Auria a tres personaxes: Cibrán, O Bocas e O Milhomes, así como o tráxico remate da mesma. O relato propiamente dito ocupa cinco capítulos e consiste na transcrición das declaracións feitas por Cibrán durante dous días perante un xuíz do que non se rexistran as intervencións. A este xeito de presentar un personaxe nunha conversa a través das respostas do receptor denomínaselle "técnica telefónica", pois só se oe o que di este coma se estivese falando por teléfono. Cibrán convértese así no segundo narrador da novela, que conta os sucesos acaecidos ós tres personaxes desde o seu encontro de madrugada ata a detención del mesmo pola Garda Civil sobre esa mesma hora do día seguinte logo do asasinato do Bocas por unha navallada do Milhomes e a morte deste por afogamento nun lago xeado ao fuxir. A voz do primeiro narrador reaparece no derradeiro capítulo  para deixarnos a dúbida de se a morte do 3 Cibrán despois da declaración se produce por suicidio ou polos culatazos dos gardas tralo fracaso da exculpación.  En 1962, publica Blanco Amor o libro de relatos Os biosbardos, composto por sete contos que teñen en común a narración en primeira persoa e a relación de experiencias de personaxes infantís. Todo o libro conforma un "relato de aprendizaxe" no que nenos de diversa psicoloxía e clase social se enfrontan a experiencias que transforman a súa vida, a súa percepción do mundo e a súa relación cos demais.  Posteriormente, en 1972, edítase a última novela de Blanco Amor,  Xente ao lonxe, a que mellor cadra co realismo social. Outra vez atopamos o Ourense de comezos do século XX, visto desde a perspectiva dun neno de familia proletaria  de ideas socialistas. O protagonista vaise facendo consciente dos conflitos económicos e ideolóxicos da sociedade na que vive e que sofre na súa propia familia.



Neira Vilas. Aínda que os seus inicios na literatura coinciden coa Nova Narrativa e algúns críticos o inclúen neste grupo,  a súa obra é diferente da dos autores da Nova Narrativa (afastados do socialrealismo e máis preocupados pola experimentación técnica) polo que, igual ca Cunqueiro ou Blanco Amor, pode considerarse a Neira Vilas unha individualidade que soubo conectar,  a principios dos sesenta, cos problemas máis acuciantes da sociedade galega: a desfeita do mundo rural galego, inzado de miserias e traxedias nos tempos da guerra civil e da inmediata posguerra, e a emigración. Tendo en conta a temática  tratada, adóitase clasificar a súa narrativa en catro núcleos: 1. A visión da Galicia rural a través da mirada dos nenos: Memorias dun neno labrego (1961) e Cartas a Lelo (1971) e  Aqueles anos do Moncho (1977). Son tres novelas de protagonista infantil ambientadas en Galicia que constitúen o chamado  pola crítica “ciclo do neno”. Na primeira, a máis coñecida, maniféstanse as inquedanzas e a frustración de Balbino, un rapaz que vive nun  mundo labrego de miseria e represión. 2. A visión da Galicia rural a través da mirada dos adultos: Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969) e Querido Tomás (1980). Son obras de protagonista adulto que sitúan a acción en Galicia. Nas dúas primeiras temos de novo a visión  pesimista do mundo labrego: violencia, marxinación, explotación, represión. 3.A visión da Galicia emigrante: Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968) e Remuíño de sombras (1973). Todas estas obras caracterízanse pola visión dos problemas xerados a causa da emigración: a angustia e a morriña da terra, o illamento e as dificultades de adaptación ao mundo urbano, a loita por saír da miseria, o compromiso coa revolución. 4.Coleccións de estampas líricas e semblanzas: Lar (1973), Nai (1980) e Pan (1986). Neira Vilas é tamén autor de libros para nenos: O cabaliño de buxo, ou Contos vellos para rapaces novos. A súa última obra publicada ata agora é O home de pau (1999) composta de 15 relatos nos que reflexiona sobre o previsible destino das cidades actuais e da xente que vive nelas. En fin, a súa obra pódese situar dentro do  realismo crítico  coas condicións de dominación, linguaxe directa e doses de tenrura e afectividade

Entradas relacionadas: