Xerarquía Urbana en España: Análise e Eixes de Desenvolvemento
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en
gallego con un tamaño de 8,58 KB
Atopámonos ante un mapa temático que representa o territorio peninsular e insular de España. Trátase dun mapa de figuras ou cartograma, no que o principal fenómeno que se representa é a xerarquía urbana española, e para representar dita información utilizáronse unha serie de figuras. As cidades que compoñen o sistema urbano organízanse xerarquicamente en función do seu tamaño demográfico, as súas funcións, a extensión da área de influencia e as relacións que manteñen coas demais cidades. Nesta xerarquía as cidades españolas clasifícanse, de maior a menor importancia en:
Metrópoles Nacionais
(en cadrados vermellos) teñen máis de un millón de habitantes, contan con funcións diversificadas e encabezan os sistemas urbanos nacionais. Están integradas no sistema europeo e manteñen relacións con outras cidades mundiais, polo que se consideran cidades globais. Son Madrid e Barcelona.
Metrópoles Rexionais
(en cadrados azuis) son grandes áreas metropolitanas, cunha poboación entre os 500.000 e 1.000.000 de habitantes. Con amplos servizos especializados, que exercen unha grande influencia sobre o territorio a nivel rexional e que manteñen estreitos lazos coas dúas grandes cidades nacionais. Exemplos serían Valencia, Sevilla ou Bilbao, entre outras.
Metrópoles Subrexionais
(en cadrados verdes) neste caso trátase de cidades cunha área de influencia menor e con menos servizos especializados que as anteriores. A súa poboación rolda entre os 250.000 e 500.000 habitantes. Soen estar ben comunicadas e a súa influencia é rexional ou subrexional. Algunhas destas cidades son Córdoba, Vigo ou A Coruña. Despois temos cidades medias e cidades pequenas, con certa relevancia a nivel provincial pero sen moita importancia a nivel nacional.
Cidades Medias
Cunha poboación de entre 50.000 e 250.000 habitantes, as súas funcións son menos diversificadas e contan cunha densa rede de autobuses que as relacionan coas poboacións próximas; un exemplo sería Santiago de Compostela.
Cidades Pequenas
Son aquelas que teñen entre 10.000 e 50.000 habitantes, contan con funcións reducidas e pouco especializadas e a súa área de influencia é comarcal, por exemplo podemos mencionar o caso de Vilagarcía, Soria ou Teruel.
Eixe Atlántico Galego
Atópase entre Ferrol-A Coruña-Vigo e ten relación coas cidades interiores. Este eixe está especializado no comercio, a industria e o transporte. Trata de mellorar as súas vinculacións con Madrid e co eixe cantábrico.
Eixe Cantábrico
Inclúe o triángulo asturiano Oviedo-Xixón-Avilés; Santander; e o triángulo vasco Bilbao-Donostia/San-Sebastián-Vitoria/Gasteiz. Atópase en fase de axuste debido á perda da preeminencia da industria madura, xunto coa implantación de actividades novas. Un exemplo sería a rehabilitación da ría de Bilbao e a construción do Museo Guggenheim.
Eixe Mediterráneo
Comprende desde Xirona a Cartaxena, trátase dun dos eixes máis dinámicos, grazas a unha industria diversificada e a un forte peso dos servizos, sobre todo do turismo. Mantén conexión co eixe do Ebro, Madrid, Andalucía e as Baleares, especialmente.
Eixe do Val do Ebro
A súa importancia radica no seu enlace entre Madrid, o eixe mediterráneo e o eixe cantábrico.
O mapa amosa claros desequilibrios no territorio español, herdados, en gran medida, dun proceso de industrialización que afectou de xeito desigual ás diferentes provincias españolas, o que explica, tamén, a desigual integración das diferentes metrópoles españolas no sistema urbano europeo. Por iso Madrid sería a única con rango de metrópole global, seguida de Barcelona como metrópole europea, pasando por metrópoles nacionais ou transnacionais que poden ter influencia dentro do propio país pero tamén con capacidade de interactuación con países próximos da UE, como por exemplo Bilbao, Valencia ou Sevilla. Aínda así, en conxunto, as cidades españolas ocupan unha posición periférica con respecto do núcleo máis dinámico do territorio europeo. Para mellorar esta situación e gañar proxección internacional, as cidades deben ofrecer: accesibilidade, equipamentos e servizos, un contorno empresarial e laboral favorable, relacións institucionais e un medio ambiente de calidade.
Cidade Difusa
Espazo urbano de baixa densidade construtiva e poboacional, con vivendas unifamiliares ou edificios residenciais de poucas vivendas, frecuentemente dotados de xardíns e outros espazos amplos integrados en edificios, agrupados en urbanizacións, ben comunicados por estrada co núcleo urbano onde dispoñen dos servizos públicos principais, ao que se accede principalmente grazas ao automóbil. Ao mesmo tempo, son típicos da cidade dispersa, os polígonos industriais e centros comerciais na periferia ou ao longo de vías de comunicación.
Xentrificación
Proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo á vez que se renova.
Poboación Activa
Sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16 a 65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada ou desempregada.
Esperanza de Vida
Cálculo do número de anos que unha persoa pode esperar vivir ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose en 2020 en 85,4 anos para as mulleres e 80,1 para os homes (en España, INE).
Saldo Migratorio
É a diferenza entre as entradas por migración e as saídas polo mesmo motivo; en consecuencia, o signo positivo ou negativo do mesmo indica que as entradas superan as saídas ou viceversa.
Censo de Poboación
É un documento no que se reconta a poboación dun país nun momento determinado, achéganos información sobre o volume de poboación dun lugar, a súa composición por sexo e por idades, estado civil, tamaño da familia, nivel de estudos, renda, etc.
Crecemento Vexetativo
É a diferenza entre o número de nacementos e o número de defuncións dunha poboación nun determinado período de tempo. Calcúlase restando á taxa de natalidade a taxa de mortalidade.
Padrón Municipal de Habitantes
Rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Contén tamén información sobre as características da poboación, aínda que algo menos detallada que a do censo. A súa principal vantaxe é a de tratarse dun rexistro vivo, dinámico, xa que cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio ten a obriga legal de empadroarse nel. De aí que sexa denominado padrón continuo de poboación. Isto quere dicir que en calquera momento se pode coñecer a cantidade de poboación dun municipio, así como as súas principais características, polo que é un dato de vital importancia para os concellos, xa que reciben máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan.
Inverno Demográfico
É a denominación, acuñada en 1968 polo filósofo, teólogo e sacerdote belga Michel Schooyans, para denominar a hipótese dunha "diminución extrema da poboación". Segundo esta teoría a taxa de natalidade, lonxe de igualarse á taxa de mortalidade ao final da transición demográfica, seguiría descendendo de maneira rápida incidindo no envellecemento das poboacións e o decrecemento demográfico se non se produce inmigración doutros países ou territorios.
Réxime Demográfico
Etapa na evolución do movemento natural dunha poboación cunhas características determinadas en canto á natalidade, á mortalidade e ao crecemento natural ou vexetativo. Distínguense: 1) o antigo réxime demográfico, con altas taxas de natalidade e mortalidade e crecemento vexetativo escaso; 2) o réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade e mortalidade moi baixas.
Área Metropolitana
Rexión urbana que engloba unha cidade central que dá nome a área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades-dormitorio, industriais, comerciais e servizos, todo organizado de xeito centralizado.
Área Suburbana
Territorio próximo ás cidades que polas súas características constitúe unha zona de transición entre o núcleo urbano propiamente e o espazo rural adxacente.