Xeración Nós e Vangardas: Obras e Autores Fundamentais da Literatura Galega

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 10,72 KB

Vicente Risco (1884-1963)

Ideólogo do Grupo Nós e un dos intelectuais máis importantes da súa xeración.

Narrativa

  • O porco de pé: A súa obra máis importante. É unha sátira contra a burguesía, representada por Don Celidonio. Este personaxe representa a vulgaridade e o materialismo da burguesía, en contraposición co doutor Alveiros, que corresponde co home de espírito, quen, porén, acaba sucumbindo ante o mundo burgués.
  • Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros: Narración humorística na que o protagonista entra en contacto co mundo dos mortos e libera a momia de Tutankhamon das súas vendas.
  • O lobo da xente e Trabe de ouro e trabe de alcatrán: Dúas narracións breves inspiradas en lendas e crenzas populares, como o lobishome e os tesouros dos mouros.
  • Os europeos en Abrantes: Novela inacabada que satiriza persoas e costumes da vida ourensá.

Ensaio

  • Teoría do nacionalismo galego: Obra que o converte no principal teórico do galeguismo.
  • Nós, os inadaptados: Explica a súa traxectoria e evolución ideolóxica, desde o individualismo ata o compromiso co galego.
  • Mitteleuropa: Relata as súas experiencias de viaxe por Centroeuropa en 1930.

Teatro

  • O bufón de el-Rei: Drama ambientado na época medieval. Conta a historia dun bufón que delata ante o rei a relación amorosa entre a raíña Iolanda e o cabaleiro Guindamor, sen saber que é o seu irmán.

A Lusofonía: Unha Ponte Lingüística

A Lusofonía é a comunidade de todos os países que teñen o portugués como lingua oficial ou como lingua falada no seu territorio. Inclúe a:

  • Portugal
  • Brasil
  • Mozambique
  • Angola
  • Guinea-Bissau
  • Cabo Verde
  • San Tomé e Príncipe
  • Timor Leste
  • Goa
  • Macau

Diferenzas entre o Galego e o Portugués

PortuguésGalego
Grafías como nh, lh, j, ç. Til de nasalidade sobre as vogais (ex: são).Grafías como ñ, ll. O til de nasalidade úsase só na consoante ñ.
Existencia de vogais orais e nasais.Non existen vogais nasais.
Diferenza fonética entre o fonema /b/ (grafía b) e /v/ (grafía v).Só existe o fonema /b/.
Existencia do fonema /s/ xordo e /z/ sonoro.Só existe o fonema /s/ xordo.
O pronome persoal te funciona como Complemento Directo (CD) e Indirecto (CI).Diferénciase entre te (CD) e che (CI).
Futuro sintético con mesóclise (ex: chamar-te-ei).Futuro sintético con énclise (ex: chamareite).
Existencia do fonema /ʒ/ (como en janela).Non existe o fonema /ʒ/.

Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)

Considerado o principal literato do Grupo Nós, destacou no campo da narrativa, aínda que tamén cultivou o teatro e a poesía.

Narrativa

  • Os camiños da vida: A súa primeira novela. Reflicte os cambios que se producen en Galicia no século XIX, como a decadencia da fidalguía rural e o ascenso da burguesía urbana. A trama está protagonizada por dúas familias fidalgas, os Doncos e os Puga, que amosan a súa decadencia económica, física e moral. A obra divídese en tres partes cuxa acción transcorre en Trasouto, Ourense e Santiago.

Teatro

  • A lagarada: Traxedia situada no Ribeiro na época da vendima. Narra o asasinato do señor Vences, un vello labrego rico, enfrontado aos seus fillos e criados.
  • O desengano do prior: Obra humorística sobre a implantación da industria dos cadaleitos na "leda terra" do Ribeiro.

Ensaio

A súa obra ensaística céntrase principalmente en temas de xeografía e historia.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950)

É a figura máis sobranceira da cultura galega do século XX. Nel fúndense as facetas de pintor, debuxante, narrador, dramaturgo, ensaísta e político galeguista.

Narrativa

  • Un ollo de vidro: Novela curta centrada no tema de ultratumba, na que un esqueleto narra as peripecias da súa vida actual nun cemiterio. Predomina o humor negro e o compromiso social.
  • Cousas: Conxunto de relatos curtos, cada un acompañado dunha ilustración. Forman un mosaico da realidade galega do seu tempo: o mundo mariñeiro, a emigración, retratos de personaxes, etc. As «cousas» son a creación máis orixinal de Castelao e supoñen unha síntese única entre a narrativa e a plástica.
  • Retrincos: Colección de cinco relatos, aparentemente autobiográficos, que narran acontecementos e vivencias do autor en distintos momentos da súa vida.
  • Os dous de sempre: A única novela longa de Castelao. Narra a biografía paralela de dous personaxes, Pedriño e Rañolas, amigos desde a infancia que encarnan dúas maneiras diferentes de concibir a vida:
    • Rañolas: É o rapaz que, partindo de circunstancias adversas (eivado de corpo, de condición humilde), vai superando todos os atrancos grazas á súa intelixencia, valentía e idealismo.
    • Pedriño: En cambio, é unha persoa sen vontade, preguiceira e materialista, que ten por única preocupación comer e folgar.

    Na portada da novela figuran un paxaro e unha ra que representan simbolicamente a cada personaxe: o inconformista que ergue o voo superando as dificultades (o paxaro) e o pasivo que sempre permanece pegado ao chan (a ra).

Ensaio

A obra máis importante de Castelao é Sempre en Galiza, que condensa o seu ideario nacionalista. Nela, Galicia é definida como unha nación con idioma propio, territorio diferenciado, tradición cultural e economía específica. Fronte ao centralismo, propón un federalismo dos pobos ibéricos. Destacan tamén os seus traballos sobre a arte popular: As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950).

Teatro

Os vellos non deben de namorarse foi estreada en Bos Aires en 1941 e publicada en libro en Galicia en 1953. A obra consta de tres lances independentes, pero con tema e estrutura semellantes, encadrados entre un prólogo e un epílogo. O prólogo anticipa o tema e o argumento: os amores serodios dos vellos van aparellados á morte. Os lances presentan tres versións dun mesmo drama: en cada un hai un vello namorado dunha moza e un mozo que rivaliza con el. En todos os lances aparece tamén a Morte como personaxe que advirte ao vello das dramáticas consecuencias do seu namoramento.

No epílogo, os tres vellos reúnense —xa convertidos en esqueletos— e analizan as circunstancias da súa morte, laianse da súa imprudencia e coñecen noticias das súas mozas respectivas.

Castelao definiu esta peza como «unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato»; deste modo, quería manifestar a importancia que lle concedía aos artificios escenográficos (iluminación, vestiario, decorados...), mediante os cales modernizou o teatro galego do seu tempo.

Obra plástica

Castelao foi tamén pintor, debuxante e caricaturista, converténdose na principal figura da arte galega do seu tempo. Nos seus primeiros álbums presenta personaxes populares, como labregos e mariñeiros, e a través do humor ofrece unha visión crítica da Galicia da súa época. Despois da guerra, publica outros tres álbums con dramáticas estampas da cruel represión fascista en Galicia.

A Prosa de Vangarda

Rafael Dieste (Rianxo, 1899-1981)

A produción literaria de Rafael Dieste abrangue a narrativa e o teatro. As súas obras máis destacadas son:

  • Narrativa: Dos arquivos do trasno (1926)
  • Teatro: A fiestra valdeira (1927)

Dos arquivos do trasno, subtitulado "Contos do monte e do mar", é un conxunto de relatos sobre temas como o misterio, a emigración, a morriña ou a morte. Retrata a psicoloxía da xente galega e presenta experiencias extraordinarias de tipo fantástico e marabilloso.

A fiestra valdeira é unha comedia de carácter simbólico que aborda o tema da identidade cultural. O protagonista é un indiano que fixo fortuna no Brasil e agora está retirado na súa vila natal. A súa familia quere ocultar a súa humilde orixe, mais no desenlace este reconcíliase co seu pasado mariñeiro e volve sentirse parte integrante da súa comunidade. Dieste empregou ocasionalmente o pseudónimo de Félix Muriel.

O Teatro Galego: Das Irmandades da Fala á Vangarda

Coas Irmandades da Fala, o teatro convértese nun instrumento de concienciación política e lingüística. O obxectivo principal era crear obras que achegasen o público urbano ao idioma e ao galeguismo.

En 1919, Antón Villar Ponte promoveu na Coruña a creación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego, que en 1922 se converteu na Escola Dramática Galega, baixo a dirección de Leandro Carré. O seu fin era potenciar a creación de textos dramáticos e formar un grupo estable de actores e actrices que permitise difundir o coñecemento do pasado ao pobo.

Os dramaturgos máis significativos deste período son: Ramón Cabanillas, Armando Cotarelo Valledor, Antón Villar Ponte, Xaime Quintanilla, Xesús San Luis Romero, entre outros.

Os autores do Grupo Nós tamén participaron deste interese pola creación dramática e escribiron textos teatrais. Os vellos non deben de namorarse é a peza máis significativa deste período.

Entre os autores da vangarda, cómpre salientar a obra de Rafael Dieste, A fiestra valdeira.

Entradas relacionadas: