A Xeración Nós: Figuras Clave da Literatura Galega - Risco, Otero Pedrayo e Castelao

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 8,54 KB

Caracterización do Grupo Nós

O Grupo Nós estaba formado por figuras como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Florentino López Cuevillas, entre outros. Inicialmente, crearon a revista La Centuria. Eran, na súa maioría, fillos de familias acomodadas de Ourense e mantiñan unha postura individualista e elitista.

A Revista Nós

A revista Nós foi fundada en 1920. O seu director inicial foi Vicente Risco. Máis tarde, únense Castelao como director artístico e Ánxel Casal como editor. Publicaron 144 números en total. O seu obxectivo era europeizar e universalizar a cultura galega. Na revista, Risco ocúpase dos estudos etnográficos, Otero Pedrayo da xeografía e historia de Galicia, e Castelao de temas da arte. Numerosos autores das novas promocións axudaron nas tarefas da revista.

Vicente Risco

A obra de Vicente Risco abrangue a narrativa, o ensaio e o teatro.

Obra Narrativa

Narrativa modernista

Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros é o primeiro relato desta etapa. Nel son visibles as pegadas da súa etapa prenacionalista. Significa unha novidade temática na narrativa do seu tempo.

Narrativa etnográfico-patriótica

En obras como A velliña vella, Risco defendeu o valor da tradición na reivindicación da identidade nacional. A velliña é unha personificación de Galicia. Outros relatos desta liña son O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Teñen as súas fontes orixinais na narrativa popular, nun intre en que Risco estaba ocupado no labor de pescuda etnográfica. A Coutada ten aparencia de diálogo filosófico sen intervención de narrador. N'A Coutada simbolízase unha Galicia fiel a si mesma.

Narrativa satírica

Os europeos en Abrantes é unha novela que comezou a publicarse por entregas na revista Nós. Constitúe unha burla dos novos hábitos que se ían introducindo na vida urbana galega. O porco de pé é a súa obra narrativa máis importante e trátase dunha das novelas máis innovadoras da súa época. Risco fai un retrato grotesco dos personaxes e grupos sociais que circulan pola novela.

Ensaio Literario

Décalus en Compostela é un relato entre a ficción narrativa e o ensaio dialogado. Mitteleuropa é un diario persoal que escribiu cando viaxaba por Centroeuropa cunha bolsa de estudos para ampliar os seus coñecementos de etnografía e que se publicou en parte na revista Nós.

Teatro

Escribiu O bufón d'El Rei, obra ambientada na época medieval cuxo protagonista é un personaxe deforme.

Ramón Otero Pedrayo

A produción de Ramón Otero Pedrayo destaca na narrativa e na obra ensaística.

Obra Narrativa

Novelas histórico-realistas

Destacan Pontelas, home libre e O purgatorio de D. Ramiro. O primeiro trata o tema da vinculación do home co mundo rural; o segundo é un contiño macabro que ten como protagonista o esqueleto errante do fidalgo don Ramiro. Os camiños da vida é a primeira gran novela de Pedrayo e ten tres partes que narran a historia dunha familia ourensá a través de tres xeracións. Contos do camiño e da rúa e Entre a vendima e a castañeira son volumes que recollen relatos curtos en que Otero recrea elementos do mundo rural galego e o contraste entre este e o mundo urbano.

Novelas histórico-culturalistas

Fra Vernero pode ser considerada unha novela de ideas, tomando como pretexto a vida do protagonista. A romaría de Xelmírez narra a viaxe que o primeiro arcebispo compostelán fai desde Santiago a Roma, co fin de obter do Papa a dignidade metropolitana e arcebispal para a cidade.

Novelas psicolóxicas, de introspección e procura

Escrito na néboa céntrase no personaxe dun mozo fidalgo máis preocupado da súa personalidade intelectual que de ocuparse do goberno da súa facenda. Vidas non paralelas narra distintas peripecias de tres irmáns fidalgos con personalidades moi diferentes. Arredor de si é a máis significativa desta categoría.

Obra Ensaística

O ensaio xeográfico

Desenvolve varios manuais de xeografía e guías de Galicia. Destaca a súa obra Xeografia fisica da historia de Galicia.

Os libros de viaxes

Pelerinaxes relata a romaraxe emprendida con Risco e outros galeguistas.

Castelao

Castelao e o Grupo Nós

Na traxectoria artística de Castelao percíbese un forte compromiso con Galicia. Unha diferenza con respecto aos outros membros do grupo é o seu polifacetismo e a busca da orixinalidade. Existen diverxencias entre Castelao e outros membros: a extracción social de Castelao é popular, fronte á de Cuevillas, Otero ou Risco. O seu pensamento social é esencialmente laico e progresista; para el, a solución aos problemas do país está en construír o futuro por nós mesmos. Practica unha arte de intervención que busca modificar a percepción da realidade do seu público.

A Narrativa de Castelao

Iníciase con Un ollo de vidro. Memorias dun esqueleto, publicada pola editorial Céltiga. Consta dun prólogo e dun epílogo onde o narrador se dirixe ao lector para lle explicar a orixe do manuscrito que vai reproducir. Cousas é unha obra que agrupa 44 narracións, caracterizada pola combinación de debuxo e texto. Destaca polo seu sintetismo e a confluencia coa poesía, narrativa e teatro en formato de relato. Castelao ofrécenos uns relatos moi elaborados onde o lirismo e o humor son trazos definitorios. Retrincos está composta por cinco contos pretendidamente autobiográficos, ambientados na infancia de Castelao na Pampa arxentina. Os elementos biográficos son accesorios; as historias constitúen reflexións sobre a construción da identidade. Os dous de sempre é a novela que culmina a produción narrativa de Castelao, cun fondo filosófico e ideolóxico. O primeiro protagonista, Pedriño, móvese só por necesidades primarias, carece de proxecto na vida e mantense infantilizado. Rañolas, orfo e desamparado, representa o espírito de superación. Os remates irónicos de Pedriño e Rañolas deixan na ambigüidade o sentido moral da historia, non ofrecendo respostas, só preguntas ao lector.

O Ensaio de Castelao

Escribe varios ensaios centrados no mundo da arte. Diario recolle reflexións da súa viaxe por varios países de Europa co obxectivo de estudar novas técnicas. Outras obras ensaísticas importantes son As cruces de pedra na Bretaña, As cruces de pedra na Galicia e, fundamentalmente, Sempre en Galiza, editado en Bos Aires (Arxentina).

Rexistros Lingüísticos do Galego

Rexistro Coloquial vs. Formal

O rexistro coloquial utilízase en actos de fala marcados por necesidades inmediatas, subxectivas, da vida cotiá.

O rexistro formal é empregado en actos de comunicación motivados por unha actividade máis ou menos planificada, cun claro contido intelectual e un propósito obxectivo.

Galego Culto vs. Vulgar

O galego culto é tanto oral como escrito e caracterízase por un uso coidado das normas lingüísticas e por un máximo aproveitamento dos recursos léxicos e gramaticais.

O galego vulgar é basicamente oral e caracterízase por unha menor precisión e corrección lingüística, por unha certa pobreza léxica e pola utilización de abundantes vulgarismos e dialectalismos.

Entradas relacionadas: