Xeración do 36: Poesía Galega e Tendencias Literarias na Posguerra
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,87 KB
A Poesía Galega na Posguerra: Xeracións e Tendencias
O forzoso silencio de posguerra orixinou que neste período, de lenta recuperación, escribisen ao mesmo tempo tres xeracións distintas:
- Luís Pimentel (membro da Xeración do 25) publica Triscos en 1950.
- Aquilino Iglesia Alvariño (membro da Xeración do 36) publica Cómaros verdes en 1947.
- Manuel María (representante dos poetas máis novos) publica en 1950 Muiñeiro de Brétemas.
Direccións da Poesía Galega nestes Anos
Son diversas as direccións que se manifestan na poesía galega destes anos:
1. Continuación das tendencias da poesía anterior á Guerra
- O paisaxismo: Poesía ruralista de raíz decimonónica que segue a liña de Noriega Varela.
- O neotrobadorismo: Continuado na posguerra por Cunqueiro e X.M. Álvarez Blázquez, entre outros.
- O hilozoísmo: Iniciado por Amado Carballo, e que vai ter aínda moitos seguidores.
2. Tendencia á humanización poética
Esta tendencia maniféstase en:
- Unha nova concepción da tradición paisaxística, chamada paisaxismo humanista ou neovirxilianismo (A. Iglesia Alvariño e X.M. Díaz Castro).
- A aparición dunha poesía introspectiva relacionada co existencialismo (Manuel Cuña Novás).
- A crecente importancia que se lle dará á poesía de contido social, e que ten o seu máximo expoñente na obra de Celso Emilio Ferreiro.
Luís Pimentel
En vida só publicou Triscos (1950). Postumamente o seu amigo Celestino Fernández de la Vega recompilou e ordenou outros poemas que publicou co título de Sombra do aire na herba (1959). En 1967 aparecería un libro en castelán, Barco sin luces, cun prólogo que Dámaso Alonso tiña escrito desde había moito tempo.
A obra de Pimentel caracterízase por ser un caso illado e singular na nosa lírica: camiña á marxe de modas e de grupos. A súa obra tivo unha notable influencia na poesía galega posterior, especialmente na do grupo Brais Pinto, formado en Madrid por estudantes e intelectuais galegos cara a finais da década dos 50.
A Xeración do 36
A Xeración do 36 está formada por escritores que naceron entre 1910 e 1920. Algúns deles xa publicaran antes da guerra. O profesor Méndez Ferrín caracterízaos da seguinte maneira:
- Fórmanse no marco da II República Española. Todos son de extracción social pequeno-burguesa ou campesiña. Prepáranse no liberalismo republicano e no movemento galeguista.
- Inicialmente apoiáronse no maxisterio do Grupo Nós e no da Xeración do 25 pero, de contado, rebélanse ideoloxicamente contra os seus predecesores e contra a súa concepción do galeguismo, adoptando posturas máis radicais e desenvolvendo un intenso labor político e cultural no ambiente universitario de Santiago.
- O estalido da guerra marcaraos intimamente. Será unha xeración de escritores accidentados, traumatizados pola contenda bélica.
- Serven de ponte entre os creadores anteriores a 1936 e as novas xeracións.
Direccións Poéticas da Xeración do 36 na Posguerra
As direccións poéticas que seguen os poetas do 36 despois da guerra son:
- Hilozoísmo ou Imaxinismo: Tivo como mestre ao poeta Luís Amado Carballo. Esta tendencia estaba baseada no sentimento da paisaxe e na asimilación de elementos neopopularistas.
- Neotrobadorismo: Xurdido do descubrimento e divulgación dos Cancioneiros medievais galegos, foi a outra gran tendencia reanudada na inmediata posguerra.
- Ruralismo ou Paisaxismo Neovirxiliano: Seguindo polo xeral o maxisterio de Antón Noriega Varela e da súa escola humanística, na que a humanización da paisaxe é correlativa á expresión da soidade e dos sentimentos do home. Tivo un núcleo fundamental na posguerra entre varios escritores saídos do Seminario de Mondoñedo.
- Clasicismo: Rende culto á perfección formal. Sen apenas tradición en Galicia desde Eduardo Pondal e os seus seguidores decimonónicos, caracterizouse polo intenso cultivo do hendecasílabo e demais formas métricas ao uso renacentista —especialmente o soneto— e por un ton sereno e ponderado. A temática predominante foi a íntima e cotiá.
- Socialrealismo: Foi a grande achega desta xeración. Entronca coa tradición civil decimonónica galega (Curros, etc.), interrompida despois de Ramón Cabanillas.
- Intimismo radical: Representado por María Mariño, autora de fondos, desacougantes e sombrizos poemas líricos.