A Xeración de 1916: Nacionalismo e Renovación Poética en Galicia (Cabanillas e Noriega Varela)
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,24 KB
O Rexurdimento e a Renovación Poética Galega: Irmandades da Fala e a Xeración de 1916
En 1916 fúndanse na Coruña as Irmandades da Fala, unha asociación de carácter cultural e político que estendeu a súa organización a outras cidades e vilas galegas.
Obxectivos e Impacto das Irmandades da Fala
As Irmandades tiñan dous obxectivos claros:
- A difusión da cultura galega.
- No plano político, a consecución dunha autonomía integral para Galicia.
Ao redor da actividade das Irmandades, houbo un gran desenvolvemento: apareceron editoriais, revistas, xornais, e todo tipo de agrupacións artísticas.
O Compromiso do Poeta coa Lingua e o Nacionalismo
O poeta deste momento comprometeuse de cheo coa lingua e cos presupostos do nacionalismo, ao tempo que apostou decididamente pola renovación das liñas literarias, explorando novos estilos, temas e xéneros. A nosa lírica, sen renunciar ao legado das figuras do XIX, afástase de maneira decidida da súa tradición. Esta renovación vén encarnada por Antón Noriega Varela e, especialmente, por Ramón Cabanillas.
Antón Noriega Varela: O Poeta da Xeración
Antón Noriega Varela é o máis vello dos poetas da xeración. Os primeiros poemas de Noriega xurdiron na etapa de maior relación coas Irmandades e tiñan un carácter cívico e reivindicativo. Por eles, Noriega sufriu como represalia o seu traslado desde Foz a Calvos de Randín.
Podemos dicir que Noriega é autor dunha soa obra, Do ermo, que amosa dúas liñas poéticas básicas: a costumista e a lírica pura.
Liñas Poéticas en Do ermo
1. A Poesía Costumista
Nun primeiro momento, e tras un frustrado comezo como poeta cívico e combativo, Noriega retomou a estética decimonónica, caracterizada polo seu realismo costumista. A esta fase correspóndese a maioría das pezas publicadas nas edicións de 1904 e 1910.
2. A Poesía Lírica Pura
O autor mindoniense supera o realismo costumista anterior. Os motivos seguen a ser os mesmos (o campo e a vida montañesa) e tamén o é a lingua que emprega (a fala popular da súa terra); con todo, agora é o propio poeta quen se aproxima á natureza e fala adoptando un ton íntimo e emotivo. Son creacións desta fase os poemas engadidos na edición de 1920.
Ramón Cabanillas: «O Poeta da Raza»
Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) é o poeta máis representativo da época, na que é coñecido como «O Poeta da Raza». Recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros e introduce elementos renovadores modernistas.
O poeta cambadés é autor dunha ampla obra poética, que adoita agruparse en dúas modalidades: a poesía lírica e a narrativa.
Modalidades Poéticas de Cabanillas
1. Poesía Lírica
Na poesía lírica do autor cambadés podemos encadrar obras como Vento mareiro (1915), Da terra asoballada (1917) ou A rosa de cen follas (1927). Nestas obras predominan dúas orientacións ou liñas temáticas:
- Liña Cívica: Cabanillas reflectiu en numerosos poemas a súa sensibilidade ante problemas sociais: as reivindicacións do agrarismo, a denuncia do caciquismo, a defensa da identidade de Galicia.
- Liña Intimista: Este poeta tamén compuxo moitos versos nos que afloran os sentimentos máis persoais: a vivencia do amor, a conmoción ante a natureza, a angustia vital.
2. Poesía Narrativa: Na noite estrelecida
Respecto á poesía narrativa, cómpre destacar a súa obra Na noite estrelecida (1926). Neste longo poema narrativo, Cabanillas retoma o tema artúrico medieval (Materia de Bretaña): a historia do Rei Artur e dos seus cabaleiros á busca do Santo Graal, que sitúa en Galicia.
Mais, Na noite estrelecida non é tanto a narración épica das fazañas dos cabaleiros do Rei Artur senón, máis ben, a exaltación lírica de Galicia. A carga ideolóxica nacionalista é clara: a partir duns elementos céltico-artúricos, perséguese a dignificación do noso pasado e dos nosos valores culturais.