Voces do Exilio Galego: Prosa e Teatro na Posguerra
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,53 KB
Prosa
Ramón Valenzuela
Ramón Valenzuela naceu na Bandeira. Tivo un papel moi activo na campaña do Estatuto de Autonomía do 36 á beira de Castelao e, finalmente, tivo que fuxir a Bos Aires, despois de estar condenado a morte e encarcerado nun campo de concentración. Despois da Guerra Civil exiliouse en Bos Aires, onde colaborou en Galicia Emigrante con narracións que máis tarde reuniría no libro O Naranxo (1974).
En 1957 publicou a novela Non agardei por ninguén, na que a acción se desenvolve na Guerra Civil. Esta temática continúase en Era tempo de apandar, ambientada na posguerra. Ambas constitúen un documento narrativo desta época e teñen moito de autobiográficas. Nelas conta as súas vivencias, con parte de ficción, desde que se alista voluntariamente no bando franquista coa intención de pasarse ao republicano, ata que é encarcerado, foxe a Francia e, despois de diversos avatares, escapa para América.
Silvio Santiago
Silvio Santiago fuxiu a Portugal a raíz da Guerra, vivindo clandestinamente ata que conseguiu chegar a Venezuela. Escribiu no exilio caraqueño unha novela que publicou ao seu regreso a Galicia en 1961, Vilardevós. Escrita con sinxeleza técnica e con intención crítica social, é unha pintura dos costumes populares valéndose das súas lembranzas de neno e mozo no medio rural. Postumamente publicouse O silencio redimido (1976), novela autobiográfica na que relata a época da súa condena, fuxida e desterro.
Antón Alonso Rois
Antón Alonso Rois, mestre, escritor, líder agrarista e político, conseguiu fuxir a Portugal e desde alí a Bos Aires. Escribiu a novela autobiográfica O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte, publicada en 1979.
Pero as mellores achegas á narrativa galega desde o exilio chegaron da man de Blanco Amor, que publicou en Bos Aires A esmorga (1959), e de Neira Vilas, con Memorias dun neno labrego (Bos Aires, 1961). Por outra parte, cómpre destacar a obra ensaística de Castelao, Sempre en Galiza (Bos Aires, 1944), considerada a biblia do galeguismo.
Teatro
Polo que respecta ao teatro galego na diáspora, atopamos dous modelos estéticos e temáticos heteroxéneos: un teatro culto (en canto ás técnicas e á temática) e un teatro máis popular, que pretende manter viva a tradición e os costumes e crenzas do pobo.
O Teatro Popular
O teatro popular está representado polo estradense Manuel Varela Buxán, que emigrou á Arxentina e alí se formou dun xeito autodidacta. Fundou a compañía de teatro Aires da Terra, na que faría a estrea de varias das súas obras:
- Se o sei... non volvo á casa
- A xustiza dun muiñeiro
- O ferreiro de Santán
En 1950 volveu a Galicia. Desde aquela publicáronse tres tomos do seu teatro:
- O ferreiro de Santán
- Taberna sen dono
- O cego de Fornelos
e outras comedias curtas, diálogos e monólogos. É o seu un teatro directo, popular, de intención social, de liña cómica e sentimental, encadrado nun ambiente rural.