Vocabulario Esencial da Arte Clásica: Arquitectura e Escultura Grega e Romana
Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades
Escrito el en español con un tamaño de 5,17 KB
Arte Grega: Termos Clave
- Arquitrabe: Parte do entaboamento que se apoia directamente sobre o capitel.
- Basa: Parte inferior da columna ou piar sobre a que repousa o fuste.
- Canon: Norma que regula as relacións de proporcións ideais entre as partes dun edificio ou entre os membros do corpo humano a fin de establecer un modelo de máxima beleza e harmonía. É un termo de orixe grega que significa regra, modelo.
- Capitel corintio: Elemento arquitectónico que se caracteriza pola súa aparencia de campá invertida ou cesta, con follas de acanto, volutas e caulículos nas súas esquinas.
- Capitel dórico: O máis antigo dos capiteis clásicos gregos, constituído por ábaco (peza prismática a modo de taboleiro cuadrangular), equino (moldura circular e convexa) e colarino (prolongación do fuste cunha fina acanaladura).
- Capitel xónico: Capitel clásico grego formado por un bocel ou un toro, decorado con ovas e dúas grandes volutas en cada lado.
- Contraposto: Fai referencia á oposición harmónica das distintas partes do corpo da figura humana, o que proporciona certo movemento e contribúe a romper a lei da frontalidade. Tamén se coñece como quiasmo.
- Cornixa: Moldura horizontal que sobresae do muro coroando un edificio e marcando unha transición no mesmo. Na arquitectura clásica é a parte superior do entaboamento ou o remate en ángulo do frontón.
- Curva praxiteliana: Contrabalanceo acusado do contraposto, ata adquirir trazo curvilíneo ou en S, que acentúa a sensación de dinamismo. Caracterizaba a composición das esculturas de Praxíteles, de quen toma o nome.
- Entaboamento: Elemento arquitectónico horizontal de orixe grecorromana composto por arquitrabe, friso e cornixa.
- Éntase: Avultamento do fuste da columna, que se sitúa frecuentemente cara un terzo da súa altura e que é máis aparente que real. É común na orde dórica.
- Escultura de vulto redondo / Escultura exenta: Aquela que está traballada por todas as caras e permite a contemplación desde calquera punto.
- Estatua-columna: Imaxe que se encontra adosada ao fuste dunha columna e cumpre a función sustentante.
- Friso: Parte do entaboamento que se sitúa entre o arquitrabe e a cornixa. Dependendo das ordes, pode estar dividido en tríglifos e métopas (orde dórica), ou pode levar decoración corrida, inscricións ou estar liso.
- Fuste: Elemento arquitectónico que forma parte da columna, sitúase entre o capitel e a basa. O seu acabado pode ser liso ou con acanaladuras. Adopta formas diferentes: de soga, fasciculado, salomónico...
- Métopa: Elemento arquitectónico correspondente ao friso dórico, de forma cadrada ou rectangular, situado entre os tríglifos e decorado con relevos.
- Técnica de panos mollados: É unha técnica escultórica moi empregada que consiste en representar as transparencias do corpo humano producidas cando a roupa está mollada.
- Tríglifo: Parte do friso da orde dórica. Elemento arquitectónico con tres acanaladuras verticais (glifos) que se alterna, no friso da orde dórica, coas métopas.
Elementos Arquitectónicos Clásicos e Medievais
- Altorrelevo: Aquel relevo que sobresae do seu fondo máis da metade do seu vulto.
- Arco de medio punto: Aquel de curvatura semicircular, de xeito que a frecha é igual á semiluz.
- Bóveda de aresta: Cuberta que se forma ao se cruzaren perpendicularmente dúas bóvedas de canón de igual frecha, resultando dese cruce catro arestas angulares.
- Bóveda de canón: Cuberta semicilíndrica, orixinada polo desprazamento dun arco de medio punto sobre soportes paralelos ao longo dun eixo lonxitudinal.
- Capitel composto: Capitel de creación romana por fusión de elementos dos capiteis gregos: as volutas do xónico e as follas de acanto do corintio.
- Clave dun arco: A doela central en forma de cuña que pecha o arco. Tamén recibe ese nome a peza que pecha as bóvedas de cruzaría.
- Cúpula: Cuberta semiesférica, xerada pola rotación dun arco, que cobre un espazo de planta circular, poligonal ou cadrada. Nestes dous últimos casos precisa apoiarse sobre pendentes (pechinas) ou trompas.
- Doela: Cada unha das pezas en forma de cuña coas que se forma a volta do arco. A central denomínase clave e a primeira, inmediata ao arranque, recibe o nome de salmer.
- Piar: Soporte vertical exento de sección cadrada, rectangular ou poligonal.
- Pilastra: Piar non excesivamente groso encastado ao muro.
- Plan central: Aquela na que os muros exteriores equidistan aproximadamente dun punto central. Adopta as formas circulares, poligonais e de cruz grega.