Virxilio e a Eneida: Estrutura, Valores da Romanidade e Personaxes
Virxilio e o Contexto da Eneida
Virxilio naceu arredor do ano 70 a.C. nunha aldea próxima a Mantua. Estudou filosofía e retórica en Milán e Roma, onde entrou en contacto co círculo de Mecenas. A partir de aí puido dedicarse totalmente á poesía. A Eneida, poema de doce cantos, é o cumio da poesía épica latina. Con ela satisfai a Augusto e mostra o significado e os valores da romanidade:
- Pietas: O home romano é piadoso respecto aos seus antecesores familiares e á súa patria.
- Humanitas: É a virtude que reflicte o espírito romano, a guía moral do individuo.
- Virtus: Virxilio personifica no protagonista o valor do pobo romano, que ao longo da súa historia perdera moitas batallas, pero nunca unha guerra e sempre superara as primeiras derrotas; exaltando o heroe, exaltaba o espírito romano.
- Gravitas: O personaxe cumpre coas súas obrigas de heroe.
A Eneida debe o seu nome a Eneas, o heroe troiano que protagoniza a obra. A idea do poema partiu do propio Mecenas, nobre romano, confidente e conselleiro político de César Augusto. Quería que Virxilio escribise unha obra que eloxiase a familia imperial. Virxilio converteu en protagonista a Eneas, fillo de Afrodita, cuxo fillo Iulo era o lendario antepasado do que dicían descender os membros da gens Iulia á que pertencía o emperador, conseguindo así que todo o pobo romano se sentise identificado.
Técnica Narrativa e Estrutura
A técnica narrativa de Virxilio é moi actual: o relato comeza cun acontecemento que capta inmediatamente a atención do lector. Esta técnica coñécese como in medias res.
A Eneida, composta en doce libros, estrutúrase en dúas partes:
- Primeira parte: Integrada polos seis primeiros libros, narra a viaxe de Eneas desde Troia ata a península itálica; o seu referente pode ser a Odisea.
- Segunda parte: Composta por outros seis libros, relata as loitas de Eneas cos distintos pobos itálicos; o seu referente pode ser a Ilíada.
Pódese observar tamén unha división tripartita: Eneas en Cartago, viaxe ao Lacio e preparativos para a guerra, e desenlace.
Personaxes Principais
Eneas
Fillo de Anquises e primo do rei de Troia, casou con Creúsa e tivo un fillo (Iulo). Durante a guerra de Troia os deuses protexen a Eneas e ante o menor perigo acoden na súa axuda, xa que o seu destino non estaba en morrer en Troia. Cando Troia cae, Eneas foxe canda o seu pai, o seu fillo e os seus compañeiros. Un temporal fai que os barcos sexan lanzados cara á costa de Cartago, onde os deuses fan que a raíña Dido namore del. Cando Hermes lle leva a orde de que ten que partir de Cartago, a raíña suicídase. Cando Eneas descendeu ao Averno, tentou falar con Dido, pero a súa pantasma negouse a perdoalo.
Cando chega ao Lacio, fai unha alianza co rei Latino, quen lle dá a man da súa filla Lavinia. Turno, rei dos rútulos e pretendente á man de Lavinia, decláralle a guerra. Tras o combate, morre Turno e Eneas casa con Lavinia. Virxilio transmitiu ao personaxe de Eneas gran humanidade: é unha persoa que sofre, dubida, teme e compadécese dos demais. Eneas representa o ideal do heroe romano. Neste personaxe percíbese unha loita constante entre o deber e a súa propia vontade. Esta loita interna, unida ás distintas experiencias que lle toca vivir, vai madurar a Eneas converténdoo nun heroe máis axeitado para ser o fundador do pobo romano. Virxilio atribúelle o cualificativo de Pius, que encerra todas as virtudes romanas.
Dido
Raíña de Cartago, acolle a Eneas cando chega aos seus litorais e namora del. É correspondida, mais pasado algún tempo Eneas recibe a orde de partir cara ao seu destino, que era fundar a nova Troia. Dido intenta convencelo para que quede con ela, mais este marcha e ela suicídase coa espada que lle regalara Eneas. Virxilio fai de Dido un personaxe moi humano, vítima da vontade dos deuses. Dido era unha muller namorada e tremendamente vital.
Turno
Rei dos rútulos. Aspiraba á man de Lavinia, pero o rei Latino xa lla concedera a Eneas, cumpríndose así o oráculo que predixera que a princesa acabaría casando cun estranxeiro. Comezou deste xeito a guerra entre troianos e rútulos. No transcurso dos combates, Turno mata a Palante, amigo de Eneas. Finalmente enfróntanse nun combate Eneas e Turno; cando Turno está derrotado no chan pide ver o seu pai, pero cando Eneas ve as armas do seu amigo Palante, crávalle a súa espada.
Na obra, os deuses tamén choran, sofren, compadécense e odian. Virxilio prefire a lenda de Eneas para enaltecer os Xulios e porque Eneas era un personaxe verdadeiramente heroico.