La Vida y Obra de Rosalía de Castro: Pionera de la Literatura Gallega

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,6 KB

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro era filla dunha fidalga solteira, María Teresa de Castro, e de Xosé Martínez Viojo, crego de Iria Flavia. Os seus primeiros anos pasounos ao coidado dunha tía paterna na aldea de Castro de Ortoño, en contacto co mundo rural (o idioma, os costumes, as crenzas), que trasladaría despois aos seus poemas.
Con quince anos, vai vivir a Santiago coa súa nai e alí estuda, frecuenta o Liceo de la Juventud e participa en veladas literarias e musicais. Con dezanove anos, marcha a Madrid, onde publica o seu primeiro libro de poemas, titulado La flor. Coñece a Manuel Murguía, que xa daquela era unha importante personalidade no ámbito cultural, e casan. Reside en diferentes lugares fóra de Galicia por mor do traballo do seu home. A pesar dos problemas que padece (económicos, familiares, de saúde), estes anos serán de gran produtividade literaria: escribe Cantares gallegos, Follas novas e a maioría das súas novelas en castelán.

De regreso a Galicia, no ano 1871, reside na Coruña, Santiago e Padrón. Finalmente, ocupa coa súa familia a chamada «casa da Matanza», na parroquia de Iria, en Padrón, convertida hoxe na sede da Fundación que leva o seu nome. Alí escribirá En las orillas del Sar, xa enferma de cancro. Morre o 15 de xullo de 1855. Os seus restos descansan no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago.

Foron moi poucas as mulleres que antes do século XVIII publicaron obras literarias. Desde a segunda metade do século XIX, aumenta, de xeito rechamante, o número das que se atreven a defender a súa arte e facela pública nunha sociedade hostil e contraria a que a muller saíse do ámbito doméstico.
O feito de que a muller tome a pluma é en parte consecuencia das ideas da Ilustración, que preconizara a necesidade e interese da alfabetización universal. A Rosalía temos que incluíla na nómina destas escritoras, pioneiras da arte literaria, que como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Fernán Caballero, George Eliot, as irmás Brontë -Charlotte, Emily e Anne-, Mary Shelley, Emily Dickinson ou George Sand, entre moitas outras, abriron un camiño que logo percorrerían moitísimas máis xa no século XX. Rosalía trata, con frecuencia nos seus ensaios e en menor medida nos seus poemas, a problemática das escritoras do seu tempo, revelándonos as dificultades, a rabia e a amargura que padecían as que, coma ela, ousaban desafiar as convencións sociais que se referían ao rol que debía desempeñar a muller na sociedade.
A obra poética galega de Rosalía está formada por dous libros: Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880). Tamén publicou outro libro de poesía en castelán: En las orillas del Sar (1884).
É autora ademais de catro novelas en castelán: El caballero de las botas azules, La hija del mar, Ruinas e Flavio.

Cantares gallegos

A publicación deste libro, o 17 de maio do ano 1863, marca o inicio do Rexurdimento pleno. Por esta razón, a Real Academia Galega escolleu esta data como o «Día das Letras Galegas».
O libro consta de 36 poemas e ten unha estrutura circular. No primeiro, unha rapaza, que podemos identificar coa autora, expón a súa intención de cantar a beleza de Galicia. No último, esa mesma rapaza descúlpase polas posibles imperfeccións do seu canto. En medio, sitúanse os poemas centrais nos que se canta a Galicia desde distintas ópticas, pero sempre cun afán reivindicativo: dar a coñecer a verdadeira Galicia e desterrar os prexuízos existentes contra o noso país.
Os poemas son glosas de cantares populares, que se sitúan no inicio ou no remate da composición, e que Rosalía desenvolve ao longo dos seus versos.
Os obxectivos principais do libro, ben aclarados no prólogo, son:
  • Dignificación e exaltación de Galicia (paisaxe, xentes...)
  • Denuncia das inxustizas e da marxinación que padece: pobreza, incomprensión, emigración.
  • Defensa do idioma galego.
Podemos agrupar os poemas nas seguintes liñas temáticas:
  • Temática costumista: Poemas que describen paisaxes, crenzas, costumes, tradicións, supersticións, tipos populares...
  • Temática amorosa: Poemas que reflicten, en forma dialogada ou monologada, a maneira de vivir o sentimento amoroso diferentes personaxes do pobo en distintas circunstancias e situacións.
  • Temática intimista: Só un par de poemas, «Campanas de Bastabales» e «Como chove miudiño», nos que a autora expresa os seus sentimentos.
  • Temática social-patriótica: Poemas que tratan o tema da emigración, das razóns que levan os galegos fóra da terra e das consecuencias que isto provoca.

Follas novas

Follas novas foi publicado en 1880, aínda que os poemas foron escritos vinte anos antes, durante a estancia de Rosalía en Simancas.
No prólogo, titulado «Dúas palabras da autora», a escritora cualifica os seus versos de «pobres enxendros da miña tristura» e «fillos cativos das horas de enfermidade e ausencia», que reflicten os pesares propios —liña intimista— e os alleos —liña social—. O ton optimista de Cantares dá paso agora a unha temática máis grave e pesimista.
Diferenciamos dúas liñas temáticas:
  • Temática intimista: Rosalía presenta as súas inquietudes persoais: o paso do tempo, a dor, a morte, a saudade, os problemas da creación literaria. O ton amargo e o pesimismo traspasan todos estes poemas.
  • Temática social: Afonda nas inxustizas que padecen o noso país e os seus habitantes e que son causa da emigración masiva dos mozos galegos. Nestes poemas continúa a liña reivindicativa do libro anterior, solidarízase coa xente traballadora do país, labregos e mariñeiros, pero sobre todo coas mulleres, dobremente vítimas da situación decimonónica, que teñen que sacar adiante as súas familias en soidade «viúvas dos vivos e de mortos». A elas, en exclusiva, vai dedicada a última parte do libro.
Outro dos méritos de Follas novas é a orixinalidade métrica dos poemas: Rosalía realizou combinacións métricas innovadoras (octosílabo + hendecasílabo, decasílabo + alexandrino...), coas que se anticipa á gran renovación levada a cabo tempo despois polos modernistas.

Entradas relacionadas: