Vexetación e Formacións Secundarias: Dominio Atlántico e Mediterráneo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,24 KB
Formacións Vexetais
Formacións secundarias do Dominio Atlántico
O bosque atlántico está hoxe reducido a pequenas áreas, ao ser substituído por unha formación secundaria de especies *favorecidas polo home* polo seu rendemento económico, coma o castiñeiro, ou introducidas para o seu rendemento comercial, principalmente o piñeiro e o eucalipto.
A landa
É unha paisaxe de matogueira e herbas que aparece nos pisos superiores dos montes, ou como resultado da degradación do bosque caducifolio. Nela son característicos o breixo, o toxo, o buxo, o teixo, as xestas e os fentos.
Os prados
Son formacións exclusivamente herbáceas que ocupan os pisos superiores das ladeiras dos montes. Neles dominan as gramíneas como a festuca.
O Dominio Mediterráneo
Correspóndese esencialmente á área de distribución do clima mediterráneo.
A formación clímax: a durisilva
A formación clímax é o bosque mediterráneo, esclerófilo ou durisilva, caracterizado por árbores de folla perenne. As especies máis representadas son a aciñeira e a sobreira xunto a carrascos, queiroas e carballos mediterráneos.
O sotobosque está composto de lentiscos, mirtos, érbedos e esparragueiras, e poucas especies herbáceas.
Características da Durisilva
As especies arbóreas das fragas mediterráneas caracterízanse por:
- Ter follas pequenas e duras, a miúdo espiñentas, e cubertas por unha cutícula.
- Os troncos son retortos e as copas esténdense horizontalmente para evitar a evaporación da auga do solo.
- A codia é espesa e rugosa.
- As raíces esténdense en superficie e profundidade para aproveitar toda a auga posible.
- Crecen lentamente e a madeira é por iso moi dura.
Nos bosques hai poucas especies.
As formacións secundarias mediterráneas
A devesa
O bosque mediterráneo está moi alterado pola man do home, converténdose as máis das veces nun bosque ralo, con árbores illadas entre extensións de herbáceas. Este bosque ralo recibe o nome de devesa e é unha das formacións máis características da paisaxe española.
Noutras zonas afectadas pola actividade humana atópanse piñeirais (piñeiro carrasco, piñeiro manso), sobre todo en zonas de repoboación ou de solos moi pobres.
O maquis
É unha formación de matogueira formada por oliveiras bravas (*acebuche*), lentisco, xara, breixo e xestas, que adoitan formarse en solos silíceos, demasiado pobres para o crecemento do bosque, ou onde este foi moi degradado.
A garriga
É outra formación arbustiva do Mediterráneo, formada por plantas aromáticas (romeu, tomiño, lavanda), propia de solos moi febles, onde aflora a rocha nai, principalmente en zonas calcáreas.
A estepa
Está formada por pequenos arbustos espiñentos e baixos, que deixan ao descuberto gran parte do chan. Abunda o tomiño, o esparto e o espárrago, e a palmeira anana (*palmito*) nas zonas costeiras. É propio do clima mediterráneo árido do sueste peninsular, onde a falta de chuvias impide o desenvolvemento dos solos.