Vanguardia Artística Galega: Renovación e Innovación nas Letras
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 24,7 KB
Vanguardia Artística Galega: Renovación e Innovación nas Letras
A noción de vangarda artística desenvólvese a partir de 1910 e engloba unha serie de movementos (futuristas, dadaístas, cubistas, creacionistas, surrealistas...) que teñen en común o desexo de innovación e orixinalidade. Cuestionan a maneira de percibir a realidade por parte da tradición artística e buscan a ruptura, alterando formas, cores, imaxes, melodías e linguaxe, na procura de novas formas de expresión. O desenvolvemento das experiencias vangardistas orixínase na pintura e logo espállase a outros campos artísticos, destacando enormemente na poesía.
A Xeración do 25
Os escritores galegos nados arredor de 1900, que constitúen a xeración seguinte á Xeración das Irmandades e do grupo Nós, levaron a cabo a renovación das letras galegas. Estes escritores, coñecidos co nome de Novecentistas, Vangardistas ou Xeración do 25, incorporaron á nosa literatura o espírito e os recursos das vangardas literarias europeas, aínda que non todos poden ser cualificados de vangardistas.
O vangardismo galego, aínda que non tivo a forza nin a cohesión doutras literaturas, aparece como un movemento renovador notable, se temos en conta a particular situación da sociedade galega, pouco desenvolvida economicamente, e da súa lingua. Mais o talante innovador e europeísta do grupo Nós abrira o camiño que logo foi seguido polos xoves poetas e artistas. Talvez o poeta que máis se axusta ao modelo de artista vangardista é Manuel Antonio: subversivo, rupturista, cun afán creativo de buscar o moderno, o novo. Tamén un poeta como Álvaro Cunqueiro segue as principais liñas innovadoras.
O vangardismo introdúcese na cultura galega a través de revistas (A Nosa Terra,...), mediante o labor divulgativo de persoas como Risco, conferencias, unha intensa correspondencia con autores novos como Manuel Antonio, e mesmo a través da tradución de poesía vangardista foránea.
Directrices dos Poetas Vangardistas Galegos
As directrices que seguen os nosos poetas vangardistas quedan basicamente resumidas nos tres grupos seguintes:
- Neotrobadorismo: Xorde por influxo da lectura dos cancioneiros medievais, popularizándose sobre todo a partir de 1928, ano da edición das Cantigas de amor debida ao portugués Nunes. É un fenómeno literario singular e alleo ás tendencias vangardistas europeas, que non consiste nunha pura mímese da literatura medieval senón que é unha reformulación dos seus temas e estilos, engadíndolle imaxes propias da poesía moderna. Os seus principais cultivadores son Fermín Bouza Brey (Nao senlleira, 1933) e Álvaro Cunqueiro en Cantiga nova que se chama riveira (1933) e Dona do corpo delgado (1950) no que inclúe cantigas de amor cortés.
- Hilozoísmo ou imaxinismo: Segue a tradición paisaxística do XIX e de Noriega Varela combinándoa con imaxes audaces. Os poemas hilozoístas pretenden captar a alma, a vida da paisaxe entrelazando elementos sensoriais e auditivos cunha métrica sinxela baseada en formas populares. O seu principal cultivador foi Amado Carballo nos seus libros, como Proel (1927), con 35 poemas nos que aparecen motivos como a bandeira, a natureza, o solpor, o faro e tamén espazos da Pontevedra urbana e o amor por Marucha.
- O galo (1928, póstumo). A protagonista é a paisaxe humanizada a través de prosopopeias e imaxes zoomórficas; non obstante, a forma é tradicional e non usa o verso libre, típico das vangardas.
- Creacionismo: Xa nun plano totalmente rupturista coa tradición, Manuel Antonio introduce nas letras galegas as vangardas europeas sen caer no mimetismo ou imitación. A vivencia da natureza, a solidariedade co mar e co cosmos. O sentimento e a preocupación existencial afastan a súa poesía do xogo intranscendente e da deshumanización propia dos ismos.
A novidade da poesía de Manuel Antonio maniféstase especialmente no seu libro clave, De catro a catro (1928), que presenta unha triple novidade: lingüística, debido á presenza de numerosos cultismos inéditos na nosa literatura e ao emprego por primeira vez nas nosas letras do léxico da navegación; novidade temática, por canto nos ofrece unha visión do mar desde o propio mar, perspectiva singular na literatura galega; e novidade formal, dado o tratamento rupturista e as imaxes vangardistas que vertebran o poemario.
A obra, único libro publicado en vida do autor, componse de dezanove poemas que son presentados polo autor como un diario de a bordo no que fai anotacións durante a súa garda de catro a catro. Non se trata dun libro de composicións autónomas, senón dun poemario dotado de unidade temática e estrutural.
A obra iníciase cun poema "Intencións" (escrito desde terra antes de principiar a travesía) no que se percibe un pulo de entusiasmo alleo ao contido xeral do libro. O poeta vai comezar a singradura, abandona o mundo coñecido e protector da beiramar e lánzase ilusionado a unha nova experiencia. Continúan dezasete poemas nos que se manifesta unha vivencia intensa do mar e unha experiencia íntima, en contacto co cosmos que o rodea. A travesía apórtalle un conxunto de experiencias nun mundo novo que debe descifrar. Na metade do poemario, dúas composicións representan un alto na travesía: "Recalada" e "Navy bar". O derradeiro poema do libro, "Adeus", tamén escrito desde terra (pero esta vez ao final da viaxe), representa a despedida do poeta e navegante e expresa a saudade polo mar. A estrutura de De catro a catro é circular (saída, navegación, recalada, regreso) e isto reflíctese no propio título da obra, que alude ás horas de comezo e remate da quenda, o que converte a travesía nunha singradura reiterativa e monótona.
Estamos, pois, diante dunha viaxe iniciática estruturada, segundo o tópico literario, en tres etapas: abandono, aventura e regreso. O máis interesante da estrutura mítica é que, a partir dun disfrace temático e formal, o ambiente mariño, imos percibindo o miolo temático do libro: a visión desilusionada da vida e do cosmos que se descobre desde a soidade. De aí que non apareza nos poemas a sensación de movemento inherente á viaxe, senón que domine a idea de estatismo, de inmobilidade.
A existencia que nos revela Manuel Antonio en De catro a catro é moi real, xa que o home no medio do mar, illado, desvencellado da realidade, enfoca con máis dramatismo a existencia, facéndose as mesmas preguntas que foron, son e serán a preocupación constante do home: a soidade, a monotonía da existencia, a busca da propia identidade, a vida e a morte, o tempo...
Outras obras do autor son: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e máis dispois e Viladomar (unha presa de poemas de 11 e 14 sílabas, en que reflexiona sobre a nostalxia, o eu no universo, a norte...), todas elas póstumas.
A Poesía das Irmandades da Fala e o Grupo Nós
Antonio Noriega Varela
O máis vello representante dos escritores, o legado decimonónico e a literatura galega do século XX é Antonio Noriega Varela, autor dun único libro, Montañesas (a partir da terceira edición aparece co título Do ermo). Noriega fai paisaxística dos arredores montañosos do seu Mondoñedo natal. As primeiras composicións pertencen ao realismo costumista XIX, centradas na dura vida campesiña ou as alegrías festeiras. O poeta irá enriquecendo de xeito que na segunda etapa usa linguaxe máis coidada, emprega estrofa culta (soneto) sen abandonar os motivos paisaxísticos.
Ramón Cabanillas
A figura máis sobresaliente é Ramón Cabanillas, quen coa súa obra abriu novos camiños á poesía galega. Pola súa vinculación ao agrarismo e polas características da súa obra, inclúese dentro do período de transición intersecular.
O poeta de Cambados caracterízase por saber conxugar a nosa tradición literaria do século XIX con influencias renovadoras doutras literaturas. A súa produción literaria estrutúrase en dúas etapas separadas entre si por máis de vinte anos de silencio, debido á Guerra Civil. A máis interesante resulta a primeira, cando o autor publica as obras de maior calidade. Nestes anos, Cabanillas é un poeta sensible á realidade, ás reivindicacións galeguistas e ás tendencias poéticas nacidas fóra de Galicia.
Así, comezou sendo un poeta vinculado ao movemento agrarista en contra dos foros (No desterro, Vento mareiro, Da terra asoballada), colaborou coas Irmandades no teatro (O Mariscal) e asumiu despois o nacionalismo europeísta e tradicionalista do Grupo Nós (Na noite estrelecida).
Poesía lírica de Cabanillas
- Poesía social e combativa, de carácter agrarista e anticaciquil. Poemas como "En pé", "A un cacique", "Lume no pazo" ou "A fouce esquecida" son auténticas proclamas antiseñoriais.
- Poesía de tipo intimista: trata temas referidos ao amor, á natureza e á recreación de vivencias do seu pasado. A obra máis representativa é A rosa de cen follas; a influencia de Rosalía é evidente xa desde o propio título, tirado dun verso de Follas Novas.
- Poesía costumista: fala de tipos e costumes rurais cunha nova perspectiva crítica e humorística. Ex. a descrición humorística dun Pierrot labrego "Da traxedia de Pierrot" no libro Vento mareiro.
Estas direccións están presentes en Vento Mareiro e Da terra asoballada, destacando a poesía comprometida coa loita agraria contra os foros. O poeta plasma os sufrimentos dos labregos, incítaos á loita e arremete contra os culpables: os caciques. Esta oposición cacique-labrego leva a Cabanillas a outra: vila (burocrática, desnaturalizada, residencia dos explotadores) fronte á aldea (traballadora, explotada), que o poeta identifica coa Galicia auténtica.
Na poesía narrativa, Cabanillas recrea un pasado cheo de esplendor e augura un futuro esperanzador para Galicia. Na noite estrelecida é a principal contribución a este xénero. A obra está composta por tres poemas longos, "sagas", onde recrea a temática medieval da materia de Bretaña (as lendas do rei Artur e o Santo Graal) relacionándoa coa tradición galega (a lenda do cáliz do Cebreiro). As sagas son: "A espada Escalibor", "O cabaleiro do Sant Grial" e "O soño do Rei Artur". A este xénero pertencen as obras O bendito San Amaro (conta a lenda dun fidalgo que se converte en ermitán despois de cometer un crime), un poema que narra a lenda dese santo galego, e Samos.
O Teatro Galego
Os inicios do teatro galego
A diferenza doutros xéneros literarios, como o poético, que conseguiron certa consolidación nos primeiros anos do s. XX, o teatro galego non logrou apenas avances significativos, caracterizándose polo escaso cultivo, a falta de autores e a carencia de compañías. Como estaba dirixido a un público formado principalmente polas clases populares, o teatro que se escribía e representaba era, sobre todo, costumista, de asunto rural e de intención cómica ou sentimental, con algunhas incursións illadas nas temáticas social (A ponte, de Lugris Freire) e histórico-lendaria (Pedro Madruga, de X. Cuveiro Piñol). Con anterioridade ao labor das Irmandades, o intento máis serio de consolidación do teatro galego foi a creación da Escola Rexional de Declamación, en 1903. A Escola tería unha vida moi curta, pois desapareceu dous anos despois, non logrando os obxectivos fundamentais para os que fora creada.
O teatro das Irmandades da Fala
Será a partir de 1916, grazas ao labor e orientación das Irmandades da Fala, cando o teatro galego experimente un salto cualitativo importante con respecto á súa precaria situación anterior. Dentro desta pésima situación, co voluntarismo dos coros e cadros de declamación (Toxos e Froles, De Ruada, etc.) e os grupos amateurs xurdidos das propias agrupacións locais das Irmandades, conseguiríase divulgar e reorientar o noso teatro nesta época. O paso máis importante foi a creación do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego (CNAG), impulsado por Villar Ponte, que se estreará coa obra A man de Santiña, de Cabanillas. Pero axiña comezará un enfrontamento interno entre conservadores e renovadores.
A corrente conservadora segue os modelos costumista, social e histórico (Xavier Prado Lameiro, Monifates, Farsadas) e a renovadora aposta por un teatro máis moderno e culto (Ramón Cabanillas, O mariscal ou Villar Ponte, A patria do galego, Almas mortas). Outros autores mantéñense nunha posición intermedia (A. Cotarelo Valledor, Trebón, Hostia, Beiramar e Carré Alvarellos, Tolerías, Para vivir ben de casados).
O teatro vangardista
Os autores da xeración das vangardas continuaron a sufrir os problemas arrastrados das décadas anteriores (falta de compañías teatrais, rexeitamento dos novos aos moldes e temas do teatro precedente...), ao que hai que engadir a represión que o teatro galego sufriu durante a ditadura de Primo de Rivera.
O principal cultivador do teatro vangardista foi Rafael Dieste, quen coa súa peza, A fiestra valdeira (D. Miguel, vello mariñeiro que simboliza a loita do home na defensa da súa propia identidade), marcou un dos fitos do teatro galego de preguerra. Tamén destacaron outras figuras como Xaime Quintanilla ou Álvaro de las Casas.
O teatro do grupo Nós
Foron os homes de Nós os que elevaron o teatro galego ás cotas máis altas, e os que tentaron, por primeira vez, sintonizar co teatro europeo do momento, achegándose a movementos modernistas como o simbolismo e o expresionismo. Entre as obras máis destacadas figuran: O bufón de El-Rei de Vicente Risco, A lagarada e Teatro de máscaras, de Otero Pedrayo e Os vellos non deben de namorarse, única peza teatral de Castelao, na que avisa que os amores serodios case sempre acaban mal. Son tres lances e en cada un hai un vello namorado dunha moza, un mozo rival do vello e a Morte, personaxe que avisa aos vellos das consecuencias do seu namoramento. Estreada en Bos Aires no ano 1941.