Vangardas e Xeración de 1922: Renovación da Literatura Galega

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,32 KB

As Vangardas e a Xeración de 1922

O Tempo das Vangardas

Co comezo do século XX, aparecen por toda Europa grupos de artistas mozos que rexeitan as súas tradicións culturais, por consideralas caducas e incapaces de expresar as novas realidades culturais e científicas. A situación política e os cambios sociais favorecen a aparición destes movementos, que pretenden reflectir as formas da vida moderna, moitas veces en aberta ruptura con todo o anterior.

Os principais movementos son:

  • Futurismo
  • Cubismo
  • Dadaísmo
  • Surrealismo

Na procura de novos camiños expresivos crearon moitas técnicas novas. Tamén nos anos vinte e trinta se produce en Galicia, da man da Xeración de 1922, unha fonda renovación literaria, sobre todo poética. O manifesto poético Máis Alá!, publicado en 1922 polo poeta Manuel Antonio e o pintor Álvaro Cebreiro, e a proliferación de revistas literarias son as mostras máis significativas do papel das vangardas en Galicia.

A Renovación Poética en Galicia

O Imaxinismo

Ten no poeta Luís Amado Carballo a súa figura principal. Finou cando só tiña 26 anos e deixounos dous libros de poemas: Proel e O galo. A súa é unha poesía onde atopamos unha paisaxe humanizada, con innovadoras imaxes de carácter sensorial, nas que se aprecia a influencia vangardista.

O Neotrobadorismo

Recupera as estruturas formais da lírica medieval e mesmo algúns dos seus temas. Esta corrente é consecuencia do impacto que causou nos poetas novos o coñecemento das cantigas medievais de amigo e de amor, editadas uns anos antes.

O Vangardismo

Representado principalmente por Álvaro Cunqueiro e Manuel Antonio, cunha obra moi influída polo creacionismo (un movemento que concibe o poema como unha realidade autónoma).

Manuel Antonio: Vida e Obra

Naceu en Rianxo. Dende moi novo estivo vinculado ao movemento das Irmandades da Fala e tivo contacto cos homes do grupo Nós. En 1919 comeza os estudos de Náutica en Vigo. Unha vez rematados, realiza diversas navegacións. Enfermo de tuberculose, morre en xaneiro de 1930, aos 29 anos de idade.

En vida só publicou un libro, De catro a catro. É o diario poético dunha viaxe polo mar e, ao tempo, dunha viaxe interior marcada pola soidade e a ausencia.

Outros libros seus, inéditos até 1972, son:

  • Con anacos do meu interior: onde mestura influxos modernos e vangardistas.
  • Foulas: poemas inspirados nos caligramas.
  • Sempre e máis despois: un extenso poema narrativo.
  • Viladomar: que deixou inacabado.

A obra de Manuel Antonio caracterízase por ter unha linguaxe experimental e renovadora, na que elimina a rima, a métrica, a división estrófica e o ritmo.

Rafael Dieste: A Renovación da Prosa

Rafael Dieste naceu en Rianxo en 1899. Viviu e traballou tamén en México e Bos Aires. Autor de obras narrativas, teatro e ensaio, é o principal prosista da Xeración de 1922. Espírito anovador, afastado do realismo costumista.

Dos arquivos do trasno son contos nos que Dieste une sutilmente o mundo da realidade lóxica e o da fantasía. A obra de teatro A fiestra valdeira é unha peza orixinal e innovadora.

Entradas relacionadas: