Vangardas na literatura galega: características, movementos e autores clave
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 7,65 KB
Vangardas: características principais
Cales son as características das vangardas?
- a) O rexeitamento das formas artísticas anteriores.
- b) A defensa da liberdade do autor para crear unha arte orixinal e pura, que non imite a realidade.
- c) O antirromanticismo, o antisentimentalismo e a deshumanización artística.
- d) A innovación da lingua figurada: a ruptura da orde sintáctica lóxica facéndoa irracional e automática, o uso de imaxes sorprendentes (metáforas) e mesmo formulacións de difícil comprensión.
Movementos vangardistas galegos: trazos e artistas principais
Cales son os principais movementos vangardistas galegos así como os seus trazos e artistas principais?
Creacionismo
Trazos: A procura dunha arte que non imite a realidade mediante imaxes e metáforas; presenza de elementos do mundo mecanizado; rupturas temporais e experimentación formal.
Artistas: Manuel Antonio.
Hilozoísmo / Imaxinismo
Trazos: Presenza dunha natureza humanizada e animada mediante personificacións e imaxes suxestivas e xustapostas, combinando elementos auditivos e visuais; poesía caracterizada pola brevidade, a sinxeleza e a permanencia de esquemas de rima e métrica tradicionais/populares (rima asonante regular e arte menor).
Artistas: Luís Amado Carballo con Proel (1927) e O galo (1928).
Neotrobadorismo
Trazos: Mestura de elementos da poesía popular (versos octosílabos, pareados, tríades...) con elementos temáticos (o amor), formais (paralelismo, leixaprén, refrán...) e ambientais (paisaxes primaverais, fontes, mar, ríos...) da poesía trobadoresca galego-portuguesa.
Artistas: Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama Riveira (1933) e Dona do corpo delgado (1950); Fermín Bouza Brey con Nao senlleira (1933) e Seitura (1955).
Cubismo
Artista e obra destacada: Álvaro Cunqueiro, Mar ao norde (1932).
Surrealismo
Artista e obra destacada: Álvaro Cunqueiro, Poemas do si e non (1933).
Influxos en Manuel Antonio
Cales foron os influxos creacionistas na obra de Manuel Antonio?
- O uso de estranxeirismos.
- A procura da imaxe poética polipétala, impresionante e orixinal.
- A introdución de discursos non poéticos (clave Morse, fórmulas químicas, sons onomatopeicos, cantigas populares...).
- O uso de termos da linguaxe científica e tecnolóxica da época.
- A ausencia de ritmo e rima e o heterosilabismo dos versos.
- A parodia de certos elementos románticos.
Cales foron os influxos cubistas e futuristas na obra de Manuel Antonio?
- O valor significativo dos espazos en branco.
- As peculiares disposicións dos versos que presentan os seus textos.
Trazos da narrativa de Rafael Dieste
Cales son os trazos característicos da narrativa de Rafael Dieste?
- a) Relatos independentes, breves, próximos ás lendas e supersticións, cun ambiente de misterio, tensión e suspense e cun final cuxo efecto ou impacto é único e rotundo.
- b) A plasmación do carácter do home galego.
- c) A mestura do relato popular co relato culto e a combinación de elementos líricos e humorísticos.
- d) O emprego de recursos típicos do relato oral.
- e) O emprego de recursos propios do relato culto.
- f) Preferencia por temas de misterio ou cun matiz extraordinario.
- g) A presenza do mundo real ao lado do mundo imaxinario e marabilloso.
- h) Os acontecementos son posibles, dubidosos, ambiguos, problemáticos e ordinarios, con dimensións máis profundas e experiencias metafísicas.
- i) A orixe popular e folclórica dos argumentos, que constan dunha presentación clara.
- j) Os personaxes son propios dos ambientes do Rianxo.
- k) A constitución do sentido do texto compete en gran medida ao lector.
Teatro galego e Irmandades da Fala
Que visión tiñan do teatro as Irmandades da Fala?
Consideraban o teatro como un instrumento privilexiado para a divulgación das ideas nacionalistas así como unha forma de recuperación cultural e social.
Situación do teatro galego antes das Irmandades da Fala
Como era a situación do teatro galego antes das Irmandades da Fala?
- Havía unha descontinuidade e un desaxuste cronolóxico entre a publicación de textos e a súa representación.
- Inexistencia dun público específico en lingua galega.
- Falta de profesionalización de actores, directores e outras persoas que traballan no ámbito teatral.
- Persistencia en modelos teatrais costumistas e escritos en verso.
- Carencia de compañías teatrais dispostas a representar obras en galego.
- Escaseza de textos e desvalorización da lingua entre as clases medias urbanas.
- Competencia do cinema como nova forma de entretemento.
Impacto das Irmandades da Fala no teatro galego
Que aconteceu co teatro galego coas Irmandades da Fala?
- Creouse un modelo de lingua dignificador.
- Incrementáronse obras, autores e a calidade dos textos.
- Houbo unha maior diversificación xenérica e introdución das correntes teatrais europeas.
- Creáronse grupos teatrais amateurs e houbo unha renovación escénica.
- Fundáronse editoras como Celtiga, Lar e Nós.
- Leváronse á escena obras longas para competir coas representadas en castelán.
A fiestra valdeira de Rafael Dieste
Cales son os trazos máis representativos de A fiestra valdeira de Rafael Dieste?
- a) Comedia naturalista/costumista con finos apuntamentos psicolóxicos e simbólicos.
- b) Temática centrada na asunción da propia identidade, individual e colectiva, fronte á falsa aparencia de modernidade; as esencias dun mundo ameazado por unha modernidade mal entendida.
- c) O conflito xurdido pola aceptación ou transformación representa a tensión entre dúas posturas ante a identidade galega: asumila como propia e diferenciada ou renegar dela por considerala marginal.
- d) Presenta unha estrutura clásica en tres lances (introdución, nó e desenlace).
- e) Emprega recursos para estilizar un motivo popular achegando o teatro ás artes plásticas: simboloxía dos movementos, a luz, os decorados, as pausas; os personaxes non posúen caracterizacións costumistas tópicas; a escena presenta unha construción moi calculada (esquema “presentación – nó – desenlace”, un motor de intriga —o destino final do cadro— e uns diálogos sobrios). Concebe o teatro como composición pictórica en movemento, sen efectismos, onde todo debe encaixar harmonicamente (cor, luz, pausas, diálogos, decorados, etc.). Predomina o literario sobre o propiamente dramático, cun sentido plástico e cromático da linguaxe, e abundan expresións mariñeiras (ir á ronsa, salabardo, surada, xoula, ciar, ronsel, furna, cornamusa, gamela, etc.).