A URSS baixo o réxime de Stalin: Ditadura, Terror e Colectivización
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 6,33 KB
A URSS baixo a ditadura de Stalin
Contra 1929, Stalin eliminara todos os posibles competidores polo poder, como por exemplo Trotski, Zinoviev e Kamenev. Desta maneira, o secretario xeral logrou o dominio absoluto do Partido Comunista, impoñendo unha ditadura totalitaria baseada nun terror e nunha coacción sen precedentes.
A ditadura stalinista
A ditadura de Stalin caracterizouse por:
- O culto á personalidade do xefe, que era considerado infalible e que gozaba de poder absoluto.
- A represión e eliminación de toda disidencia. Stalin acabou con calquera oposición no seo do PCUS e colocou na dirección do partido as persoas que considerou fieis a el, e aínda así mantívoas baixo férrea vixilancia. En 1936 adoptouse unha constitución que de feito legalizaba a ditadura. A URSS quedou integrada por once repúblicas e vinte rexións autónomas. Aínda que en teoría recoñecía o sufraxio universal para os homes e as mulleres maiores de 18 anos, só os membros do Partido Comunista podían ser candidatos e xamais se celebraron unhas eleccións libres. Progresivamente, os cargos do Partido Comunista foron formando unha burocracia privilexiada, a nomenklatura, que gozaba dun nivel de vida e un poder moi superiores aos do resto da poboación.
- O terror: O máis notorio da política stalinista foi a práctica do terror para lograr a submisión da sociedade e poder levar a cabo unha nova política. En 1934 Stalin creou esta nova policía política, a NKVD, que foi o instrumento executor da represión. A política do terror aplicouse por medio dos programas de purgas, que eran campañas de encarceramento e asasinato de opositores políticos. O punto máis intenso das purgas deuse entre 1936 e 1939 cos procesos de Moscova. Sen ningunha contemplación elimináronse os opositores de esquerdas e de dereitas. Ata os antigos rivais de Stalin, que xa case non tiñan poder no partido, coma Kamenev, Zinoviev, Bukharin e outros membros da vella garda bolxevique, foron condenados a morte e executados. Pero non só os diferentes aparatos de poder sufriron a represión: calcúlase que uns oito millóns de persoas foron enviadas aos campos de traballo forzados, coñecidos como os gulags, cunhas condicións de vida atroces. A partir de 1939 a violencia das purgas diminuíu, aínda que a represión continuou durante todo o período de goberno de Stalin. O sistema do terror xerou unha dinámica de inculpación e de medo no seo da sociedade soviética. Millóns de persoas sufriron a persecución policial por falsas denuncias, moi a miúdo provocadas por rivalidades persoais.
A estatalización da economía
No plano económico, a partir de 1928 Stalin paradoxalmente abandonou o seu apoio á NEP e inclinouse pola solución dos seus antigos opositores: o reforzamento da planificación e o control da economía por parte do Estado. Para financiar o desenvolvemento industrial, o Estado contaba cos excedentes do sector agrario, dos que se apropiou pola forza.
A colectivización da agricultura
Entre 1929 e 1933 produciuse outro dos grandes dramas da historia soviética: a colectivización. O goberno ordenou acabar coa propiedade privada no campo e forzar os campesiños a se integraren en granxas colectivas, chamadas kolkhozes, ou en granxas do Estado, sovkhozes. A desmoralización e a mala organización provocaron que moitas granxas resultasen ineficaces. En 1932 produciuse outra gran fame, con millóns de vítimas. O réxime culpou os campesiños propietarios, os kulaks, estes eran os agricultores e campesiños que posuían as propiedades e contrataban a traballadores, aos que se acusou de sabotar a colectivización, e desatou unha brutal represión contra eles. Entre cinco e dez millóns foron deportados ou asasinados. O balance da colectivización foi negativo e a partir de 1934 a agricultura comezou a recuperarse.
Os plans quinquenais
A política industrial de Stalin tiña dous obxectivos básicos: crear unha potente industria pesada capaz de superar a dos países capitalistas máis avanzados e lograr a independencia económica, tecnolóxica e militar. Para lograr estas metas, a política económica baseouse na planificación por parte do Estado. O goberno deseñaba os plans quinquenais cuns obxectivos que tiñan que cumprirse en cinco anos. O primeiro plan quinquenal destinou todos os recursos á industria pesada. O segundo plan quinquenal centrouse no reforzamento da industria de armamentos, multiplicándose por dez o gasto militar. O terceiro plan quinquenal foi interrompido en xuño de 1941 pola Segunda Guerra Mundial. O resultado foi un espectacular desenvolvemento da industria pesada e militar, pero isto fíxose a conta do nivel de vida da poboación, xa que as industrias de bens de consumo apenas avanzaron.
Forzas enfrontadas e escenarios do conflito
Os países que iniciaron a Primeira Guerra Mundial pensaron que o conflito sería curto e localizado. Pero a guerra que comezou en agosto de 1914 caracterizouse pola súa longa duración, catro anos, porque o seu ámbito xeográfico implicou a todo o continente e, incluso, a zonas non europeas, e pola aparición de novas tácticas e técnicas bélicas. Así, en agosto de 1914 estalaba a Gran Guerra, que enfrontou, dun lado, aos imperios centrais (Alemaña e Austria-Hungría) e, doutro, a Tripla Entente (Francia, Rusia e Reino Unido). No momento do estalido, a situación dos dous bloques, polo que se refire ás forzas militares, mostraba unha clara superioridade numérica da Entente. Pero esta diferenza numérica era máis ficticia ca real. A posición estratéxica de Alemaña e Austria-Hungría no centro de Europa favoreceu o movemento das súas tropas, mentres que a Entente e os seus aliados estiveron fragmentados en dúas frontes sen comunicación terrestre posible. O exército alemán era claramente superior ao francés en artillaría pesada de campaña e en vehículos automóbiles; non obstante, existía un relativo equilibrio armamentístico entre os dous bloques. Polo que se refire ás forzas navais, os países da Entente, e sobre todo Reino Unido, foron dominantes. Isto conduciu aos alemáns á guerra submarina, como única forma de contrarrestar a superioridade naval inglesa e francesa, esta última no Mediterráneo.