Unidade e variedade da lingua galega: Conceptos clave
Enviado por lidia y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,88 KB
Unidade e variedade da lingua
Linguaxe e linguas: Definición
Chamámoslle lingua á forma que adopta a linguaxe en cada comunidade. Como existen moitos tipos distintos de comunidades, esta definición é AMBIVALENTE, pois pode aplicarse a unha lingua en xeral ou a cada un dos seus dialectos ou sociolectos: A lingua da miña familia, da miña comarca… Pero, de feito, se alguén nos pregunta que lingua falamos, contestamos simplemente "galego".
As linguas e as variedades lingüísticas
Cando falamos de galego, portugués… estamos a empregar o nome que lles damos ás maneiras que temos de falar, que percibimos máis ou menos uniformes e distintas doutros xeitos de falar (catalán, vasco...). Para identificarmos o que falamos como unha lingua distinta doutras precisamos compartir un conxunto extenso de trazos lingüísticos. Pero alén dos trazos lingüísticos comúns, precísase que os falantes se sintan unidos dalgún xeito e compartan trazos sociais, políticos e culturais. No noso caso, os que falamos a lingua galega, sentímonos parte dun pobo e habitantes dun territorio específico (Galicia), que sentimos distinto doutros territorios como Castela ou O País Vasco.
Unidade e diversidade dentro das linguas
Unha lingua non é un ente lingüisticamente uniforme, que todas as persoas falan do mesmo xeito, máis ben, agrupa diferentes formas de falar. O galego do occidente non é igual ao do centro, por exemplo, e en cada lingua hai casos similares. Á hora de delimitar as linguas as persoas non teñen en conta as diferenzas, senón as similitudes (agrupan distintos xeitos de falar, danlles un nome común, e diferéncianos doutros xeitos de falar).
Chámanse VARIEDADES LINGÜÍSTICAS ás diferentes formas de falar agrupadas nunha mesma lingua. Deste xeito tamén podemos definir lingua como un conxunto de variedades lingüísticas. O falante dunha lingua domina algunhas das súas variedades e exprésase con elas, pero ninguén coñece nin fala toda a lingua, con todas as súas variedades, sempre hai variedades que se descoñecen aínda que se poidan entender. Por iso se di que os falantes teñen COMPETENCIA ACTIVA nas variedades que usan para se expresar e COMPETENCIA PASIVA nas variedades que poden entender. A competencia pasiva é máis ampla ca activa (entendemos máis do que falamos).
Factores para identificar linguas
Unha variedade lingüística escrita común máis ou menos uniforme permite a existencia dunha literatura culta escrita e a redacción de documentos técnicos, políticos, informativos... Isto axuda a crear unha conciencia da existencia dunha lingua. A existencia dunha variedade escrita común non é un requisito preciso para que exista conciencia dunha lingua. Moitas linguas carecen de escrita sen deixar de ser linguas, pois os seus falantes sébranas doutras e considéranas distintas. O galego non tivo escrita ao longo de tres séculos, mais os galegos sempre foron conscientes de falaren unha lingua distinta, sempre lle chamaron "galego" e non foi confundida co castelán nin co portugués. Outro feito que axuda a distinguir linguas é a posibilidade de entenderse falando variedades distintas. Dúas variedades con esta propiedade, chamada intelixibilidade mutua, poden considerarse variedades dunha lingua. A intelixibilidade explica por que se entenden os falantes de Pontevedra e os de Foz. Pero pode existir unha lingua sen que se dea intelixibilidade entre as súas variedades, como pasa co chinés, no cal as variedades son moi diferentes entre si. Polo tanto, para identificar linguas, valémonos de factores extralingüísticos (que unha comunidade presente unha historia común ou un sentimento de unidade política ou cultural) e lingüísticos (existencia dunha variedade escrita común ou de intelixibilidade mutua).