Traxedia Grega: Esquilo, Sófocles, Eurípides e a súa Estrutura
Enviado por Chuletator online y clasificado en Matemáticas
Escrito el en gallego con un tamaño de 8,72 KB
A Traxedia Grega: Autores e Estrutura
Case todo canto coñecemos do xénero da traxedia grega débese ás obras conservadas dos tres autores que xa o Mundo Antigo considerou de maior calidade: Esquilo, Sófocles e Eurípides.
Esquilo: O Pai da Traxedia
Del coñecemos uns 80 títulos, aínda que só conservamos completas seis das súas obras:
- Os Persas (472 a.C.): única traxedia conservada de tema non mitolóxico.
- A triloxía chamada A Orestíada (458 a.C.), composta por Agamenón, As Coéforas e As Euménides.
Segundo parece, durante un tempo foi costume para os autores que se presentaban ó certame das Grandes Dionisíacas ofrecer tres traxedias de tema común, aínda que despois de Esquilo esta práctica foi menos frecuente.
A Xustiza Divina no Teatro de Esquilo
A preocupación pola xustiza divina é a idea principal do teatro de Esquilo: moitos mitos amosan que cando un membro dunha familia comete unha falta, esta debe ser pagada, non só polo seu autor, senón tamén polos seus descendentes. Esquilo denuncia o inxusto deste feito e pregúntase, a través dos seus personaxes, como deter ese continuo sufrimento. As tres traxedias da Orestíada ilustran claramente este tema.
Noutras ocasións, a xustiza dos deuses é aplaudida por Esquilo: nos Persas o rei Xerxes é condenado polos deuses a ser derrotado polos gregos como castigo por terse crido superior a un mortal ó pretender conquistar Grecia.
Sófocles: O Mestre da Linguaxe Tráxica
Este autor foi considerado por Aristóteles o mellor dos tráxicos polo seu dominio da linguaxe, os personaxes e as situacións. O certo é que se nos describe como un cidadán modelo, que participou en moitas ocasións no goberno de Atenas. No certame das Grandes Dionisíacas gañou o primeiro premio dúas de cada tres veces que se presentou.
Innovacións de Sófocles
Este prestixio fixo que se lle atribuísen, con maior ou menor razón, varias innovacións:
- A introdución do terceiro actor.
- O aumento dos membros do coro de 12 a 15.
- O abandono do costume de presentar a concurso tres traxedias encadeadas.
Obras Destacadas de Sófocles
Conservamos só sete das aproximadamente 123 traxedias que escribiu, e non é posible datar con seguridade case ningunha. Catro delas están baseadas no ciclo dos Labdácidas, dúas na Guerra de Troia, e unha na lenda de Heracles:
- Ciclo dos Labdácidas: Edipo Rei, Edipo en Colono, Antígona, Electra.
- Ciclo Troiano: Áiax, Filoctetes.
- Lenda de Heracles: As Traquinias.
O Estilo Tráxico de Sófocles
O estilo de Sófocles caracterízase por ser máis flexible que o de Esquilo, ó dar máis espazo ó diálogo entre personaxes que ós recitados longos. En canto ó enfoque do elemento tráxico, os heroes de Sófocles enfróntanse ás súas maldicións cunha gran forza de vontade e, sobre todo, sós: non os apoian nin os humanos nin os deuses (que apenas aparecen, agás mediante oráculos). Por iso dá a sensación de que os seus heroes non merecen as calamidades que lles suceden, pero son admirables por enfrontarse a elas con valentía.
Estrutura das Obras Teatrais Gregas
As obras teatrais gregas ofrecen unha alternancia entre partes faladas e partes cantadas. As intervencións do coro son sempre cantadas, mentres os actores poden falar, recitar ou cantar. Ademais, todo o texto está en verso: para as partes faladas empréganse o trímetro iámbico (tres grupos de sílaba breve máis sílaba longa) ou o tetrámetro trocaico (catro grupos de sílaba longa máis sílaba breve); para as cantadas manéxanse varios tipos de metros. Así, debemos imaxinar un espectáculo máis parecido á ópera que ó teatro actual.
Seccións dunha Traxedia Clásica
Unha traxedia clásica ten, polo xeral, estas seccións:
- Prólogo: A través do monólogo dun actor (ou dun diálogo entre dous) expónse o tema da obra.
- Párodos (πάροδος): Canto de entrada do coro.
- Episodios alternados con Estásima (στάσιμα): Vaise sucedendo unha alternancia de partes dialogadas (episodios) con partes cantadas (estásima), en número variable. Pode compararse cos actos das obras teatrais de hoxe, seguidas neste caso dun número musical. As pasaxes faladas nas que aparecen réplicas rápidas denomínanse esticomitias. As seccións cantadas polos actores adoitan expresar emocións e paixóns, mentres que as cancións do coro consisten máis ben en reflexións de carácter xeral.
- Éxodo (ἒξοδος): Canto de saída do coro.
A Orixe e Temática da Traxedia Grega
A palabra grega τραγῳδία quere dicir, literalmente, “canción de castróns”, pero é difícil establecer por que se chamou así ó tipo de representación que hoxe chamamos “traxedia”. Con poucas excepcións, toma os seus temas dos grandes mitos relixiosos, poñendo en escena a reis, heroes e deuses enfrontados a situacións difíciles. Cada ciclo mítico tiña múltiples episodios que se podían desenvolver independentemente.
Ciclos Míticos na Traxedia
Os ciclos míticos preferidos polos tráxicos foron os seguintes:
- Ciclo dos Atridas: Céntrase na familia de Atreo, rei da Argólide, e Tiestes, dous irmáns enfrontados e afectados por unha maldición que se transmitirá a Agamenón, fillo de Atreo, e a Orestes, fillo de Agamenón.
- Ciclo dos Labdácidas: Aborda a historia de Edipo, fillo de Laio e Iocasta, reis de Tebas, que, sen sabelo, mata ó seu pai e casa coa súa nai. A súa maldición estenderase ós seus fillos Eteocles, Polinices, Antígona e Electra.
- Ciclo Troiano: Recolle episodios da Guerra de Troia, tendo como personaxes principais, entre os troianos a Príamo e Hécuba (reis), e a Héctor, Paris, Andrómaca e Casandra (príncipes); entre os gregos, fíxase en Aquiles, Áiax e Filoctetes (heroes).
- Ciclo de Xasón e Medea: Xasón é un heroe que debe traer o vélaro de ouro da costa oriental do Ponto Euxino (Mar Negro), onde é axudado pola feiticeira Medea, filla do rei Eetes, a cambio do seu amor, que máis tarde se verá decepcionado, o que a impulsará a vingarse.
- Ciclo de Heracles: Conta as aventuras deste heroe, con especial atención á súa morte, causada sen querer pola súa esposa Deianira.
Debe terse en conta que o público coñecía moi ben estes relatos, polo que o atractivo das representacións non era o argumento en si, senón ver como o enfocaba o autor.
Eurípides: Innovación e Realismo
É o autor mellor conservado: chegáronnos 18 das 92 obras que escribiu, entre elas o único drama satírico que temos (O Cíclope). Tivo máis éxito na Época Helenística e romana que en vida, o cal quizais explica que o número de traxedias que conservamos sexa superior ó dos dous anteriores.
Obras Conservadas de Eurípides
Algunhas das súas obras máis coñecidas son:
- Medea (431 a.C.)
- As Troianas (415 a.C.)
- Helena (412 a.C.)
- O Cíclope (único drama satírico conservado)
A Influencia da Sofística en Eurípides
Eurípides é un home vencellado á sofística, unha escola de pensamento moi de moda na Atenas da súa época, que traballaba moito sobre as posibilidades da retórica e ensinaba a argumentar racionalmente sobre todas as opinións, aínda que fosen contrarias entre si. Quizais por iso os críticos que analizaron a súa obra atoparon defensas dos deuses e do ateísmo, posicións misóxinas e feministas, patrióticas e antibelicistas… Seguramente amosan máis os diferentes xeitos de pensar da súa época que as súas propias ideas.
Técnica Dramática de Eurípides
A súa técnica dramática, que o diferencia de Esquilo e Sófocles, consiste en dotar ós personaxes de trazos máis cotiáns e en describilos máis movidos polos seus propios intereses e paixóns que por impulso divino. Ademais, evolucionan e cambian de parecer ó longo da obra, trazo que o aproxima ás veces á comedia, e que non se dá nos tráxicos anteriores. Como consecuencia, a trama faise por momentos algo complexa, e a resolución ten lugar mediante a intervención brusca dunha divindade, un artificio que se coñece como deus ex machina, e que era introducido mediante a μηχανή.