Transformacións Sociais e Esplendor Poético: Galicia a Principios do Século XX

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,35 KB

Contexto Sociocultural e Literario na Galicia de Principios do Século XX

Movementos Sociais e Culturais

O Agrarismo

O agrarismo foi un movemento social que procuraba unha mellora na vida do campesiñado mediante a abolición dos foros.

As Irmandades da Fala e o Rexurdimento Cultural

Por outra parte, en 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala, que axiña se estenderon por toda Galicia, coa misión de defender e promover a lingua e a cultura da terra, e que pronto irían acompañadas doutras iniciativas culturais do momento: a revista Nós (1920) e o Seminario de Estudos Galegos (1923). Posteriormente, o Partido Galeguista conseguiu a aprobación en referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936, ano no que estoupou a Guerra Civil, que acabou con toda esta actividade política e cultural para dar paso, logo dunha forte represión, á Ditadura Franquista.

A Produción Poética

A produción poética deste inicio de século estivo marcada, fundamentalmente, pola obra de dous autores: Antón Noriega Varela e Ramón Cabanillas.

Antón Noriega Varela

Antón Noriega Varela é autor dun único libro, inicialmente publicado como Montañesas e que en sucesivas revisións e ampliacións pasaría a titularse Do ermo (a partir de 1920). Os cambios na súa obra representan a evolución da súa poesía desde o costumismo decimonónico a unha poética máis refinada e culta. Convértese así en poeta das cousas pequenas (os vermes, as espiñas, as flores, os toxos) cunha actitude franciscana. Considérase a este autor o iniciador dunha corrente de paisaxismo humanista, que posteriormente tamén cultivarían Manuel María, Uxío Novoneyra…

Ramón Cabanillas

Ramón Cabanillas foi un dos autores máis destacados da época. Foi un escritor tardío e lonxevo, cunha obra moi variada. Podemos clasificar a súa obra en diferentes etapas:

Etapa Pregaleguista ou Agrarista (1910-1915)

Cabanillas emigra á Habana entre 1910 e 1915 e alí coñece a Basilio Álvarez, o líder de Acción Gallega. Impresionado pola súa oratoria, asume o ideario agrarista, que combinaba poesía social e lírica. Nesta etapa publica Vento mareiro (1915).

Etapa Galeguista (1916-1920)

Cando regresou a Galicia e participou nas Irmandades da Fala, foi visto como o gran poeta que as letras galegas precisaban (de aí o alcume de “Poeta da Raza”).

Etapa Mítica (1921-1930)

O xiro de parte dos membros das Irmandades da Fala, encabezados por Risco, cara a posicións culturalistas, xera unha nova inflexión na poesía de Cabanillas: a reconstrución mitificadora do pasado nacional, que nos lembra a Pondal. Publica Na noite estrelecida (1926).

Etapa de Posguerra (1950-1959)

Cabanillas tarda anos en volver escribir poesía, pero en 1951 vai xogar un papel simbólico moi importante na recuperación cultural de posguerra, pois a súa compilación de poesía popular Antífona da cantiga (1951) convértese no primeiro libro que publica a Editorial Galaxia.

Entradas relacionadas: