Transformacións recentes na estrutura das cidades: cidade difusa e centro urbano

Español15,62 KB

Transformacións recentes na estrutura das cidades

Debido á dilatada historia da maior parte das cidades españolas, estas posúen elementos de época moi distintas, que lles confiren ás súas diferentes zonas un carácter diverso: o centro histórico, cos seus monumentos e rúas estreitas e tortuosas; os ensanches, de trazado regular; os arrabaldes, de crecemento desordenado; os desenvolvementos urbanos densos, en edificación aberta; e as novas periferias, cada vez máis dispersas e fragmentadas.

As distintas partes da cidade conéctanse entre si a través dos sistemas de transporte urbano, que varían segundo o tamaño das cidades, a súa estrutura interna e as políticas de transporte desenvolvidas. Estes sistemas son utilizados pola poboación para a realización diaria de actividades.

A cidade é un organismo en constante evolución. Transfórmase constantemente, non só polo seu crecemento cara o exterior, senón tamén polos procesos de reestruturación que teñen lugar no seu interior. As áreas urbanas expándense en superficie como nunca antes o fixeran, coa creación de novos espazos residenciais e áreas de actividade económica.

Os crecementos non sempre se producen nos bordos do espazo xa edificado, senón que, con frecuencia, os novos centros comerciais, parques empresariais ou urbanizacións se constrúen en lugares cuxos arredores non presentan ningunha outra edificación. Neste sentido, fálase dun proceso de fragmentación do espazo urbano, xa que este se presenta como un conxunto de espazos illados e conectados entre si por autovías e estradas.

Cidade difusa

Nos últimos anos producíronse decisivos cambios na morfoloxía urbana. O modelo de cidade mediterránea, compacta, altamente eficiente e cun elevado grao de accesibilidade, foise substituíndo por un modelo de cidade difusa de tipo anglosaxón.

A cidade difusa ou dispersa esténdese horizontalmente e está separada en áreas especializadas e monofuncionais: zonas residenciais (diferenciadas por prezos e por grupos sociais), áreas comerciais, zonas de lecer, centros de ensino, universidades, barrios administrativos e de oficinas. Ademais, diminúe aquilo que é propio da cidade: o contacto humano, os intercambios e a sociabilidade.

Trátase dunha zona urbana caracterizada pola mestura de funcións e pola tendencia a ocupar un territorio moi extenso. A dispersión ou espallamento urbano implicou unha aceleración na ocupación do espazo, xa que os modelos de urbanismo suburbano son altamente consumidores do solo. Tamén implicou unha exacerbación da mobilidade individual: as viaxes pendulares cotiás (por motivos de traballo, estudo ou lecer) aumentaron en número e distancia, xa que o ámbito de relación pasou a ser o da escala rexional metropolitana.

O modelo urbano disperso é unha fórmula moi custosa desde o punto de vista ecolóxico (consumo enerxético, emisión de contaminantes). Pola dispersión nas localizacións, o transporte público colectivo resulta caro e pouco rendible, de xeito que o automóbil privado se converte no medio máis práctico e xérase un círculo vicioso moi difícil de resolver.

Cambios no centro urbano: degradación vs. rehabilitación

A partir da segunda metade do século XX, os centros históricos de moitas cidades españolas comezaron a sufrir unha progresiva deterioración e abandono. Xa a mediados do século XIX, coa construción dos ensanches, as clases altas comezaron a abandonar os centros históricos, e despois tamén o fixeron outros grupos sociais.

Desde mediados do século XX intensificouse a perda de poboación nestas zonas. A maior parte dos que permaneceron eran anciáns con baixos niveis de renda, polo que o centro experimentou un proceso de envellecemento e empobrecemento. Todo isto reflectiuse nunha deterioración urbana, xa que moitas vivendas quedaron baleiras e noutras non se realizaron as obras necesarias de mantemento e renovación.

Ao mesmo tempo, a actividade económica tamén se foi desprazando cara aos ensanches, onde se podían dispoñer de edificios máis amplos e modernos para instalar os negocios. O centro histórico só foi capaz de reter algúns centros administrativos e eclesiásticos instalados en edificios monumentais, así como os comercios tradicionais, pero gran parte do emprego trasladouse a outras zonas.

Ao longo das últimas décadas (especialmente a partir dos anos oitenta do século pasado), as tendencias anteriores víronse, en parte, compensadas por procesos de revitalización destas zonas debido a:

  • Políticas públicas de conservación e revitalización. As administracións públicas investiron cuantiosas sumas na rehabilitación dos edificios e na mellora dos espazos públicos, rúas e prazas. Ademais, deron un novo uso a vellos monumentos, convertíndoos, por exemplo, en edificios administrativos ou universitarios, e dinamizando así a vida dos centros históricos.
  • Desenvolvemento do turismo cultural. Nos últimos anos producíronse en toda Europa unha auténtica explosión do turismo urbano, particularmente do denominado turismo cultural, en especial naquelas cidades declaradas Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO. O turismo potenciou a rehabilitación dos centros históricos españois, mediante a restauración de edificios e a peonalización de rúas e prazas. Ao mesmo tempo, foron xurdindo novas actividades económicas orientadas aos turistas: comercios, hoteis, restaurantes, etc. No interior dalgunhas cidades realizáronse importantes operacións urbanísticas, consistentes, por exemplo, en reconverter as vellas áreas industriais en novos espazos de ocio.
  • Cambios de actitude da poboación local. A poboación local tamén cambiou a súa valoración sobre o centro histórico: en lugar de percibilo como un espazo deteriorado, agora comeza a vel-o como unha área de oportunidades económicas e tamén como un lugar agradable para vivir. Así, os centros dalgunhas cidades están atraendo poboación nova e de maior nivel de renda, o que contribúe a conservar os edificios residenciais e revitalizar estas zonas.

Pese a esta transformación dos centros históricos nos últimos anos, aínda subsisten algúns problemas, especialmente nalgúns barrios onde ao envellecemento da poboación e ao baixo nivel de renda se unen a marxinación social e a conformación de áreas cunha forte concentración de inmigrantes, o que dificulta a súa integración no conxunto da sociedade.

Cambios no uso do solo urbano

Os usos do solo son as diferentes utilizacións do espazo urbano: comercial e de negocios, residencial, industrial, de equipamento, etc.

A cidade preindustrial

Na cidade preindustrial (desde a súa orixe ata mediados do século XIX) o casco antigo era a parte da cidade urbanizada. Ocupaba unha pequena superficie da cidade actual, pero ten un gran valor polo legado cultural que contén. Nesta época os usos do solo eran moi diversos (multifuncionalidade): coas vivendas mesturábanse talleres, comercios, almacéns e edificios públicos. Este feito non impedía certa especialización en barrios para os distintos gremios de artesáns e comerciantes.

A cidade industrial

A cidade preindustrial sufriu notables modificacións como resultado do proceso de industrialización, que tivo lugar entre mediados do século XIX e a década de 1960. Os usos do solo do casco antigo experimentaron unha progresiva terciarización. Desde o primeiro terzo do século XX, os edificios renovados instalaron actividades terciarias, que necesitaban accesibilidade e prestixio arquitectónico, e podían rendibilizar o alto prezo do solo (bancos, sedes empresariais, institucións públicas, despachos profesionais e de ocio, hoteis, restaurantes). Esta terciarización culminou na década de 1960 e consolidou o casco antigo como centro comercial e de negocios da cidade. O resultado foi o desprazamento dos usos residenciais, unha crecente saturación pola confluencia de persoas e de tráfico e a deterioración dos edificios pola contaminación e polas vibracións do tráfico.

As cidades que nesta época implantaron industrias modernas atraeron unha numerosa poboación campesiña e estendéronse fóra das murallas preindustriais, derrubándoas. O seu lugar foi ocupado por paseos de ronda ou bulevares, que diferencian o casco antigo da nova cidade. Nela crearonse ensanches para os burgueses, barrios industriais e obreiros, e barrios axardinados. Nos usos do solo, o ensanche comezou a recibir funcións terciarias, que se estenderon desde o centro histórico ás rúas principais. Así, acabou producíndose unha división entre unha área residencial cara para a burguesía e un sector terciarizado dominado por comercios e oficinas. Esta terciarización é especialmente intensa nos ensanches de Madrid e Barcelona.

Pola súa banda, as zonas industriais e os barrios marxinais para o proletariado creados no século XIX ofrecen un claro contraste co ensanche burgués. As instalacións industriais estableceronse na periferia urbana, xunto ás principais vías de acceso á cidade ou xunto aos portos e ás estacións ferroviarias. Os traballadores que emigraron ás cidades instaláronse na periferia marxinal arredor do ensanche, ao longo das estradas e camiños que partían da cidade ou xunto ás industrias e ás estacións ferroviarias. Os usos do solo mesturaron residencias obreiras, industrias, talleres e almacéns. Os servizos e os equipamentos foron escasos, polo que estes barrios se converteron en focos de enfermidades infecciosas e de descontento social.

Os barrios-xardín creáronse a finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX, como resultado da difusión en España das ideas naturalistas, que propugnaban o achegamento á natureza, e das ideas hixienistas, que valoraban os efectos positivos do sol e do aire libre sobre a saúde. Como resultado xurdiron propostas para achegar o campo á cidade, que se concretaron nos barrios xardín e en certos proxectos, como a Cidade Lineal de Arturo Soria.

Tratábase de vivendas destinadas, en principio, ás clases medias e baixas españolas, se ben co tempo tamén as clases altas demandaron este tipo de espazos. Co posterior crecemento da cidade, estes espazos quedaron situados en zonas relativamente céntricas, o que favoreceu a súa revalorización e, en bastantes casos, o seu cambio de uso, xa que numerosas casas foron ocupadas por pequenos negocios, por exemplo, garderías ou clínicas privadas.

A cidade postindustrial e a expansión metropolitana

Desde mediados da década de 1950, e sobre todo na de 1960, as principais cidades españolas iniciaron un enorme crecemento. As súas causas foron o incremento natural da poboación e a inmigración campesiña, atraída polo auxe industrial e o progresivo desenvolvemento dos servizos, especialmente do turismo. Así, as cidades ampliaron considerablemente a área edificada e crearon extensas periferias ao longo dos principais eixes de transporte. Estas áreas urbanas chegaron a unirse ás veces cos municipios veciños, constituíndo aglomeracións urbanas.

Na actualidade (época postindustrial), co crecemento urbano, as antigas zonas industriais e barrios obreiros quedaron nunha posición máis céntrica no espazo urbano, o que revalorizou o solo que ocupan. Este feito deu lugar a transformacións:

  • Nas zonas industriais anticuadas ou en crise produciuse un baleirado industrial. Nas áreas máis valoradas, tras o peche ou traslado das industrias a outras localizacións, o solo foi ocupado por usos terciarios (centros comerciais ou recreativos, campus universitarios, museos) ou por residencias, xeralmente con substitución da antiga poboación residente por outra de maior poder adquisitivo. Nas zonas menos valoradas quedan terreos edificables ou inmobles abandonados, ou fórmulanse iniciativas para a súa reutilización.
  • Nos antigos barrios obreiros, os sectores máis apreciados remodeláronse e revalorizáronse. Os menos accesibles e desorganizados mantéñense como espazos marxinais cuxa deterioración se acentúa.

Nos últimos anos, as grandes cidades teñen un ritmo de crecemento menor, pero continúan estendéndose no espazo, debido á difusión de parte da súa poboación e da súa actividade económica cara a periferias cada vez máis afastadas. Estas periferias estrutúranse en diferentes áreas: barrios residenciais, áreas industriais e áreas de equipamento.

Barrios residenciais da periferia

Os barrios residenciais da periferia responden a diversas tipoloxías e presentan bastante homoxeneidade social, derivada do prezo do solo e da distancia ao centro:

  • Barrios marxinais de infravivenda ou choupanas: xorden sobre solo ilegal, rústico ou verde, e sen organización urbanística. As vivendas son autoconstruídas con materiais de refugallo e carecen dos servizos elementais.
  • Barrios de vivendas de promoción oficial: construídos con axuda estatal e con limitacións no prezo de venda ou de aluguer. Na maioría dos casos formaron barrios de trama aberta con vivendas en bloques, caracterizados pola monotonía, a baixa calidade construtiva, que motivou o seu envellecemento prematuro, e graves carencias en equipamentos e servizos.
  • Polígonos de vivenda de promoción privada: adoptaron trama aberta en bloques ou torres con amplos espazos entre as vivendas para xardíns ou aparcamentos. Os edificios de xeometría repetida crean unha paisaxe monótona, que deu a estes barrios a imaxe de «colmea». O uso destes polígonos foi sobre todo residencial; os comercios e as dotacións de barrio concentráronse en certas zonas.
  • Barrios de quarteirón pechado: rexurdiron nas décadas de 1980 e 1990, como forma de recuperar a escala humana en altura e a organización das rúas. Teñen menor densidade e dan un uso colectivo ao patio, privado (xardíns, xogos infantís, piscina) ou público (prazas).
  • Áreas de vivenda unifamiliar: proliferan na periferia a partir da década de 1980, favorecidas polo desexo da clase media de contacto coa natureza e polo uso do automóbil. Presentan un uso do solo fundamentalmente residencial. Nalgúns casos xorden zonas residenciais exclusivas, construídas con capital privado, separadas do resto da cidade por muros e valados, con gardas de seguridade que controlan o acceso ás persoas que non residen nelas.

Áreas industriais e de equipamento da periferia

As áreas industriais e de equipamento da periferia localízanse xunto ás principais vías de acceso á cidade, buscando a proximidade urbana e solo abundante a un prezo alcanzable.

  • Áreas industriais: inclúen polígonos industriais das décadas de 1950 e 1960, ben planificados ou desorganizados, que nalgúns casos se rehabilitaron para acoller novas empresas. Tamén inclúen espazos industriais novos, como parques empresariais e tecnolóxicos, en áreas de gran calidade ambiental, ou polígonos de naves adosadas destinados a empresas con menos recursos.
  • Áreas de equipamento: son froito da actual descentralización das actividades económicas cara á periferia urbana. As máis frecuentes son grandes superficies comerciais, centros escolares, sanitarios e administrativos e outros servizos.

Descargar

PDF Word HTML